Van perdoar a autocita, unha vez máis, pero é que me resulta preocupante ter que volver facelo. Abofé.

Hai meses que nesta columna de opinión de Sermos veño criticando con fereza o tipo de xogo do Dépor e as decisións do anterior técnico. Non teño bola de cristal. Só analizo. Pero o de mirar cara abaixo ós perseguidores dos postos de promoción era unha teima que agora xa é unha realidade. O Dépor xa ten que mirar cara arriba, a catro puntos da sexta praza! A sensación de que a tempada está perdida cobra forza e iso, para o equipo, primeiro, e o club, despois, é un drama. 

Natxo rompeu ó equipo no psicolóxico e Martí non ten ferramentas para levantar un cadro de xogadores que vive nun auténtico estado de depresión. Terrible! 

Dous adestradores con escasa bagaxe e currículum é apostar por un risco excesivo, que implica entregar un proxecto, tan complicado como o de lograr un ascenso, ó borde dunha catarata. Aos dous vailles grande a aventura.

Natxo xa é pasado. De Martí igual se esperaba algo máis. Se tanto fútbol de Segunda vía, como dixo, se tan ben coñecía ó Dépor, como dixo, por que replica e afonda nos erros de Natxo? 

Martí véu á Coruña, pero non coñece ó Dépor, nin os seus defectos. Manuel Mosquera si, diso non cabe dúbida. Levo toda a semana dicindo ós meus amigos que Manuel ía dar a sorpresa en Riazor. Era lóxico. Non hai adestrador de Segunda que saiba máis do Dépor que Manuel. Ata hai dous días estaba na secretaría técnica do club. Caía de caixón.  

Natxo xa é pasado. De Martí igual se esperaba algo máis. Se tanto fútbol de Segunda vía, como dixo, se tan ben coñecía ó Dépor, como dixo, por que replica e afonda nos erros de Natxo?

Dúas derrotas para o novo adestrador é un penoso arranque. Martí nace no Dépor queimado, sen crédito. Hai que dicilo así. Non sabe escoller os xogadores cos que pode “casar” para lograr o único compromiso que se lle pediu ó grupo de futbolistas cos que arrincou a temporada. Non só non os sabe escoller. Insiste en erros vistos na etapa de Natxo. Unha vez máis, as mentiras do fútbol. Moitas palabras, poucos feitos.

Non hai xogadores máis comprometidos que os da casa, véxase Mosquera e Álex Bergantiños. U-los están? Iso para empezar. 

Hai futbolistas que están non só por debaixo do seu nivel senón que non está ó nivel para ser titulares e levar o peso dun partido, como Pedro Sánchez ou Didier Moreno. E hai castigos inauditos que se pagan caro, como a teimuda decisión de Carmelo del Pozo de vetar a Saúl das aliñacións do Dépor. 

Ademais, cando un equipo está nun estado de depresión como o do Dépor onde nada sae e só hai pesimismo, espérase de quen vén que recupere psicoloxicamente a confianza dun grupo, que polas erráticas decisións de Natxo derivaron na perda de fe e da misión encomendada. Con Martí, nin cambio de rutinas, nin cambio de estado de ánimo, nin cambio de resultados. 

Dun adestrador espérase que sexa algo máis que ser un aliñador. Para levantar un equipo depresivo ten que haber otro espírito. Con palabras non se gaña. Son outras as claves necesarias. É outro tipo de traballo. Un traballo silencioso, na sombra, un fútbol invisible que teñen os adestradores que realmente son motores, motivadores, inspiradores, os que saben detectar e cambiar as tendencias negativas. 

U-lo traballo Carmelo?    

Cando un ten tomada a decisión de que hai que cambiar de adestrador, con moitas semanas de anticipación como foi o caso acontecido con Natxo, hai que ter o traballo feito de quen ten que ser ese tipo de perfil de cambio, para non perder o tren do ascenso e seguir enganchado ós obxectivos, por mínimos que estes sexan, como é o caso aferrarse á promoción. 

O medio da táboa, fóra da promoción, non é un obxectivo. É un fracaso rotundo. 

A Martí quédanlle días para xirar bruscamente e demostrar que ten algo máis de siso, ideas, receitas e ferramentas para desmentir unha humilde teoría, que ogallá teña que rectificar. 

Primeiro, debe recuperar a fe e a confianza dun grupo destruído psicoloxicamente.

Segundo, escoller un grupo de once futbolistas, con carácter e liderado, que os hai, para esixir unha resposta e marcar un rumbo.

E máis alá de nomas de adestradores, que pesan o que pesan no resultado dun partido, u-los xogadores que teñen que dar un golpe na mesa e dirixir a situación? Cántas veces van repetir a triste imaxe de brazos caídos cada vez que encaixan un gol?

A imaxe dos xogadores herculinos volveu ser a triste metáfora do aforcado.