Pouco derbi en Vigo. Un partido soso. Con pouca faena. Puxo máis o público celeste na bancada e os 300 que foron da Coruña que o que fixeron os futbolistas sobre o terreo de xogo. Malia que sabían que disputaban un derbi, ambos preferiron xogar un partido de solteiros contra casados, onde o único que semellou aproximarse a un derbi foi o exceso de testiculina nalgunhas das entradas. Entradas que sobraron. A intensidade no fútbol é outra cousa, sobre todo se o que se pretende, se é que algún dos 22 futbolistas puido plantexarse isto nalgún momento, é ofrecer espectáculo. Co Deportivo xa descendido e o Celta case sen obxectivos non tiñan nada que perder se arriscan con poñerlle fútbol o derbi. Sen medo. Sacando a calidade, dentro do seu nivel, para que o público gozase do espectáculo fútbol. 

Ambos equipos dimitiron do espectáculo. Así que a diversión plantouse na bancada, pero practicamente só dun lado desta e con escasa voz para dar unha inútil resposta. O irrespetuoso fútbol dos dous equipos deixou dúas xogadas para ser comentadas. Só das xogadas. O resto do partido foi pura palla. Un aburrimento. 

A Rubén fixéronlle en Vigo un xaque mate pastor en toda regla. Saíu brando, sen convencemento, e malia ter toda a vantaxe, porque o meta saía de fronte e cara ó balón, pecou de imberbe e Maxi coas costas golpeou o balón con poca pero suficiente forza para que entrase na porta deportivista. O gol a Rubén é a proba de que o Dépor merece, por deméritos, estar en Segunda División. Non vale, se alguén o pensa, a excusa de que o sol o puido cegar porque nesa saída da porta, máis ala dos límites da área pequena, toda a vantaxe era do porteiro e non se impuxo como debera. O grave é que este tipo de pifias as houbo a moreas durante toda a temporada. Unha condena para un equipo que esperaba conservar o seu estatus na máxima categoría do fútbol español. Rubén combina paradas de grande mérito con outros grandes erros técnicos. E os erros pesaron máis do lado da balanza que levou o equipo a Segunda cos puntos que conservou para o equipo. Foi unha moeda de pago constante toda a temporada. Un pago excesivamente caro. Ben é certo que o resto de porteiros do equipo (xogaron outros catro metas nos últimos nove meses), foron tan ou igual de inferiores a Rubén. Precisamente por iso, pola mala calidade dos seus gardarredes, o Dépor tivo que darlle a confianza a un futbolista que xerou moitas discrepancias en canto a ter a responsabilidade de ter o peso da titularidade ducha portería que nos últimos anos albergou varios Zamora (Liaño, Songo´o, Molina), daí viñeron as lóxicas críticas do público cada vez que cometía un erro clamoroso e, incluso, a desconfianza entre os propios xogadores porque non transmitiu a seguridade que se espera dun meta titular en Primeira División. A portería deportivista foi todo o ano un castigo para o cadro coruñés e a súa afección. Un piar inconsistente. Sen un bo porteiro é imposible manterse nunha Liga, onde hai tanta e boa competencia. É sen dúbida a clave de toda a temporada que explica un descenso.

Malia que sabían que disputaban un derbi, ambos preferiron xogar un partido de solteiros contra casados    

 

Por outra banda, no gol celeste, o sutil toque de costas de Maxi foi un acto intelixente do dianteiro do Celta. Un moi bo recurso e, sobre todo, tremendamente eficaz e un motivo máis para a burla, xa que tanto mérito tivo a xenialidade de Maxi de pensar en probar ese pícaro golpeo como penoso e ridículo ver o meta batido nunha das peores saídas baixo os paus de toda a Liga. 

O Dépor sempre foi perdendo o partido. Apenas deu sensación de que ter ganas de plantar batalla. E así foi ata o minuto 90. Antes dese momento, apenas nada que contar, salvo algunha xogada illada intranscendente. 

Co partido a piques e expirar, o Dépor espertou da hibernación. Púxolle Lucas o broche e a sorpresa ó partido. Cuando todos semellaban asinar o resultado, Lucas, a pase de Andone, tirou con forza e rabia o balón para devolver a igualada ó taboleiro de marcas. Un gol que chega tarde para Lucas, xa que foi un xogador intranscendente durante toda a Liga. O capricho do fútbol quixo que este tanto do coruñés supuxera a confirmación de que o Celta perdía calquera posibilidade de conseguir unha praza para xogar en Europa. O Dépor rouboulle a carteira ó Celta, no día en que a bancada celeste estaba máis entretida en celebrar o descenso do cadro deportivista. O exceso de relaxación é o que ten. Como diría Arsenio Iglesias… “te lo quitan de los fuciños”.  

Triste pailanada galega a de estar desexando o mal do veciño. Uns o descenso dos outros, e os outros que co empate o Celta non gozase do mel da competición europea. E logo din que nos queremos parecer aos vascos. En que? 

Triste pailanada galega a de estar desexando o mal do veciño. Uns o descenso dos outros, e os outros que co empate o Celta non gozase do mel da competición europea

 

A ver agora o que tarda en volver a gozarse dun clásico galego en Liga. Valente ledicia a de celebrar que ambos destinos quedan separados ata novo aviso. Só nós queda a videoteca para lembrar os seus mellores momentos.