O valor de non baixar os brazos

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


A derrota nas Palmas sería un resultado inxustísimo. O empate, como mal menor, arranxa a sensación que deixou o partido onde o Dépor foi mellor en conxunto, sobre todo, na primeira metade. O gol de Duarte, raiando o último minuto que quedaba, confirma unha vez máis a alta rendibilidade que lle saca o equipo de Natxo á categoría. A vantaxe de que os tanteos sexan tan curtos é que a sorpresa pode saltar en calquera momento, e que a sensación final dos noventa minutos pode mudar en función de se un acaba sumando, aínda que sexa pola mínima. 

O gol do portugués, cabeceado con gran forza, un tanto contundente, aumenta o seu valor polo que supón sumar, aínda que pareza un punto pírrico. Ademais, unha derrota sen merecerse pesa na moral dos futbolistas. Un empate no último minuto axuda a levantar a moral. Ten un enorme valor. Nesta temporada xa se viron para ben e para mal cómo o último minuto cambia as sensacións dos noventa minutos. Queda unha mensaxe moi clara: non baixar os brazos é un factor que muda resultados. Así foi cómo o Dépor sumou un punto enorme no estadio Gran Canaria.  

O comportamento do Dépor é o dun equipo totalmente equilibrado, consolidado, que se amosa como unha opción fiable entre os candidatos que presentan credenciais para procurar o ascenso. Así se pode traducir dos resultados colleitados ata agora, e tamén pola imaxe que, como conxunto, está a ofrecer o once branco e azul e os recambios dos que tira o técnico durante o encontro, onde hai bastante rotación en función das circunstancias.

Un empate no último minuto axuda a levantar a moral. Ten un enorme valor

 

Unha curiosidade que tamén deixa este partido e unha lectura para cómo está sendo de pelexada esta categoría é que os dous goles do partido saen de das xogadas a balón parado. Os de Natxo comandaron o partido. Tiveron moito máis a pelota, sobre todo no primeiro tempo, e foron os que impuxeron as regras de xogo durante o partido. Pero faltoulles eficacia. E os dous goles finalmente saíron da importancia de explotar con intelixencia as oportunidades a balón parado. O Dépor cobrou un gol na súa porta desde un saque de banda. É a segunda vez que lle pasa. O primeiro fíxollo o Málaga en Riazor, nun partido onde os andaluces non fixeran nada de nada. O equipo de Natxo González marcou o seu desde o curruncho, pasando previamente pola testa de Quique González antes de que o luso descargase con toda a violencia unha cabezada terrible  e imparable contra o marco canario. 

Por iso, non é unha cuestión menor darlle pouca importancia ós pequenos detalles e ós erros cometidos por pequenas eivas. Un metro cedido por andar lento de reflexos, tras un saque de banda, é a xogada que acaba en gol contra o Dépor. Un gol que caeu como unha lousa, porque o Dépor estaba moito mellor cá o Las Palmas, e os deportivistas desde ese momento perderon case todo o protagonismo que comandaran.

Un metro cedido por andar lento de reflexos, tras un saque de banda, é a xogada que acaba en gol contra o Dépor

 

O Dépor deixou pingas de calidade na illa de Gran Canaria, en xogadas principalmente protagonizadas por Carlos Fernández. Non foi o día de graza para os tres homes de ataque elixidos para manexar o marcador. O máis cerca que estiveron do gol antes do empate foi grazas a un tremendo lanzamento do sevillano que saíu rexeitado pola escuadra. 

E outra vez houbo que lamentar unha expulsión. Foi a do segundo adestrador, Bernardo Tapia, e co primeiro a carón do director deportivo, Carmelo del Pozo, nas bancadas cumprindo sanción por unha expulsión das xornadas atrás. Cabe, sobre todo cando os resultados van ben, maior serenidade e tranquilidade. O Dépor non pode andar tan alporizado. Esa imaxe non é positiva nin para o club nin para os futbolistas, e unha vez máis, sempre leva as de perder o que protesta, como sempre.

A crítica é necesaria porque os folgos deben perderse noutro tipo de recursos. Á vista está a igualdade da categoría. Calquera mal paso págase. A diferenza entre ser segundo e terceiro é moi notable e a esta temporada aínda lle quedan moitas voltas que dar. 

O camiño polo que anda o Dépor é moi bo. Pero cómpre non desviarse do obxectivo, de aí que haxa que reclamar a todos a mente moita máis fría e o corazón moito máis quente.

  



x