Debían estar os deportivistas ledos. Satisfeitos. Tranquilos.

Debían estar os deportivistas ledos. Satisfeitos. Tranquilos. Sen embargo, a sensación é de desconcerto entre o resultado e o que se ve. Desde que se dilapidou o colchón de puntos da fin da primeira volta, momento en que o equipo o daba todo aínda que acusaba síntomas de esgotamento, o ton da alarma foi collendo un son máis agudo, incrementando o nivel de alerta pouco a pouco. E pareceu baixar o grao da perigosidade coa chegada do periodo das fichaxes. Moitos entendemos que eran necesarias. E aplaudimos o acerto das incorporacións, sobre todo, pensando nos postos que se apuntalaron. Pura necesidade. E foron xogando os novos, si, pero sobre o campo todo vello. Problemas co balón parado, xogo escaso de ataque, creatividade escasa. Incluso nalgún momento viuse á defensa perdendo a súa considerable fortaleza, un dos grandes méritos do Dépor desta tempada.

Son as fichaxes un problema ou unha solución, desde o punto de vista táctico?

Di o meu bo amigo Moncho Viña que na primeira volta había pouca plantilla pero un bo equipo (un bo once) e agora hai unha boa plantilla pero un once menos once. E concordo, polo menos, a teor do que se ve. Pero semella que é unha reflexión máis viva do que parece. Os afeccionados tamén rumian o perigo, aínda que finalmente se queden co superficial que é o que conta. O resultado é o que fai semana tras semana se sustente a esperanza de que o ascenso é unha realidade posible. Pero qué fai medrar esta sensación de incerteza en cada partido?

Dúbidas

Para min, hai unha mestura de moitas pequenas cousas que transmiten as dúbidas. Entendo que se xoga con excesivo conservadurismo. Hai desaxustes que non cometía o Dépor que son visibles nesta etapa. Perdeuse un bregador como Culio e bótase en falta alguén que cargue co peso do equipo. Fernando Vázquez tampouco parece transmitir agora esa forza que movía os xogadores na primeira volta. Onces e trocos que sorprenden. Esa suposta calidade superior, a que debe diferenciar o conxunto da primera e a segunda volta, onde está? O Dépor sofre igual ou peor. Son as fichaxes un problema ou unha solución, desde o punto de vista táctico? Por que, se se apuntalou o cadro de xogadores na súa parte máis ofensiva, o equipo apenas se achega ao gol? Merma a capacidade ofensiva do equipo ao mudar o sistema de xogo por un de cinco defensas? Por que xoga agora con cinco defensas se toda a primeira volta o fixo con catro homes? Só lanzo preguntas que xorden neste punto da temporada.

Números para ascender

Tamén é certo, por outra banda, que o equipo estatísticamente é moi defendible. Mantén números para ascender. A segunda volta do Dépor é mellor ca primeira, xa que suma un punto máis. As novas fichaxes cumpren aportando goles: Salomão, Toché e Lopo marcaron os tantos que sosteñen no ascenso ós branco e azuis. Mantén niveis de batibilidade óptimos.

Pero se miramos ao espello retrovisor a cousa vaise complicando. Acumúlanse máis equipos que ameazan os postos de ascenso directo. Os rivais que comparten cabeza non fraquean e as diferenzas non son tan significativas.

Así que ledicia si, pero a xusta. Se só miramos o resultado, a vitoria de Alcorcón é un paso adiante máis. Unha noticia positiva. Unha excusa para motivar o equipo cara ao seguinte chanzo. Significativo foi o bico do técnico ao delegado co segundo gol de onte. E máis significativa é a celebración de Fernando co público deportivista que presenciou o partido no campo. Os xestos falan máis que as palabras as veces.

O Dépor recibe ó Hércules esta semana. En Alacante os de Vázquez gañaron 0-2.