Na Gallaecia antiga o celtismo é fito, mito e factor diferencial. Na orixe do celtismo está José Verea y Aguiar, historiador ilustrado que quere defender os galegos e a Galicia por “hallarse muy maltratada esta en los historiadores” españois, que se servían de estereotipos connotados negativamente. A súa é a primeira historia xeral de Galicia (ata Roma), dedicada na súa maior parte á identidade celta da Galicia antiga, partindo das coñecidas mencións dos historiadores romanos sobre os célticos galegos (mesmamente que á celtiberia hispana), da toponimia máis das semellanzas con Bretaña, Irlanda e Escocia.

Verea proxecta imaxinariamente sobre Galicia a bibliografía europea do momento sobre os celtas, interpreta arbitrariamente os castros no seu conxunto como lugares de culto celta e entende erroneamente as mámoas como coetáneas cos castros. O celtismo devén logo mito fundador de Galicia para Vicetto, Murguía, Castelao e a Xeración Nós. Un dos seus membros, Florentino López Cuevillas, precursor da arqueoloxía galega, intenta en A Civilización céltica de Galicia (1953) unha primeira síntese céltica-castrexa, desbotada nas décadas seguintes conforme chegan a Galicia os novos aires  historiográficos.

Coa profesionalización académica da arqueoloxía na Universidade de Santiago, abandónase o celtismo mítico como marco de interpretación da prehistoria de Galicia

Nos anos 70, coa profesionalización académica da arqueoloxía na Universidade de Santiago, abandónase o celtismo mítico como marco de interpretación da prehistoria de Galicia. Desenvolvéndose dous tipos de críticas: unha xeral e historiográfica, outra específica e empírica, por esta orde. No primeiro caso acusase a vella historiografía galeguista de procurar na raza (aria) o signo mítico (orixinario) da nación galega: "non se pode soster na actualidade esta exclusividade céltica da poboación castrexa". Ata practicamente hoxe en día, a historiografía contemporaneísta ven dando continuidade a esta crítica ó celtismo étnico dos precursores do nacionalismo galego.

Doutra banda, o desenrolo da investigación arqueolóxica sobre os castros serve de base, nos anos 90, para negaren -por falta de evidencia empírica, dise- que a “Cultura Castrexa sexa celta”, deixando estrañamente o problema do celtismo galego “ós lingüistas”. Considerado o “mito principal” criado pola “historia nacional e credo patriótico” galego, asevérase -“pese ó seu enorme arraigo popular”- que “na actualidade o termo ‘celta’ non define practicamente nada dende o punto de vista arqueolóxico”, xa que “a investigación arqueolóxica non ten detectado polo de agora nada que se poida identificar como ‘céltico’... dentro da área galaica”, concluíndo xustamente que “a propia historia de Galicia ... non necesita acudir nin á mitificación nin á falsificación históricas para lexitimar unhas características peculiares máis que evidentes”. Ou sexa, substitúese a identidade céltica de carácter mítico do vello galeguismo romántico por unha identidade castrexa dun nacionalismo historiográfico actualizado neste aspecto grazas á arqueoloxía.

Ao mesmo tempo que o celtismo decimonónico imaxinario vai desaparecendo, rexorde a identidade céltica da Galicia prehistórica

O paradoxo é que, ó mesmo tempo que na derradeira década do século pasado o celtismo decimonónico imaxinario vai desaparecendo, rexorde paseniñamente con forza, e bases empiricamente máis sólidas, a identidade céltica da Galicia prehistórica. Refugando o celtismo como cuestión de raza, xorden novas liñas de investigación sobre a organización político-institucional, a relixión e a lingua na Galicia castrexa, levadas a cabo por investigadores neoceltistas que se formaron e doutoraron na Universidade de Santiago pero traballan agora fóra dela, salvo Marco V. García Quintela, que dirixiu en 1989 a pioneira tese de doutoramento de Blanca García Fernández-Albalat sobre Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas (Sada, 1990), utilizando fontes epigráficas.

Sen embargo, será André Pena Graña, arqueólogo e arquiveiro do Concello de Narón, quen a partir de 1992 levará a cabo un labor continuado de organización de congresos e promoción da identidade celta galega, fundamentada na investigación dos grupos étnicos (populi romanos) da Gallaecia antiga, cos seus territorios autónomos que se prolongan ata a Alta Idade Media, configurando mesmo algunhas das nosas comarcas actuais. Reivindicando a base histórica da lenda de Breogán, recollida en Irlanda no século XI no Libro das invasións, que vai amosar a orixe galega da Europa céltico-atlántica.

Partindo do principio provocador dunha “cultura castrexa inexistente”, adiantan estas novas investigacións e enfoques sobre os fundamentos heurísticos de inscricións romanas, relecturas dos clásicos,  lendas medievais  e artefactos arqueolóxicos (menos do desexable). Por último, aínda que non se trata exactamente dun revival do celtismo historiográfico galego, debemos ter en consideración ós historiadores e lingüistas que veñen traballando sobre as linguas celtas e pre-celtas na Galicia castrexa, a  antroponimia e a toponimia, con datos así mesmo obtidos da epigrafía latina e as fontes clásicas. En suma, unha rehabilitación, agora con maior rigor, dalgunhas fontes narrativas e  dunha historia transatlántica (comparada) que xa usara ó seu xeito Verea, douscentos anos antes, para imaxinar con certa inxenuidade unha Galicia celta e europea.

O auxe dos estudos célticos en Galicia nas dúas ultimas décadas, e os seus convincentes froitos, imponnos á obriga de rebordar posicións académicas contrapostas

O auxe dos estudos célticos en Galicia nas dúas ultimas décadas, e os seus convincentes froitos, imponnos á obriga de rebordar posicións académicas contrapostas alentando sínteses historiográficas, tanto no plano da investigación e interpretación como da divulgación e do ensino. A realidade é unha, tanto vale facer arqueoloxía como filoloxía ou etnohistoria, urxe xa que logo un enfoque global, intra e interdisciplinario, se queremos coñecer e dar a coñecer unha Galicia antiga que, nesta altura da investigación e do debate, só pode ser castrexo-céltica ou céltico-castrexa, segundo a especialidade de cada quen.

Non vai ser doado, polas preguizas académicas e, ante todo, por se tratar  dun problema historiográfico xeral: a hiperespecialización disciplinaria. É habitual que diferentes fontes e/ou enfoques leven a diferentes resultados. Emporiso, temos lanzado hai anos en Historia a Debate a proposta de superar a fragmentación da nosa disciplina aplicando un enfoque de “historia mixta como historia global”, mesturando tipos de fontes, métodos e xéneros historiográficos co fin de obter unha aproximación máis próxima, polo tanto máis científica, da realidade histórica.

Así e todo, non é pouco ter desbotado, cando menos no caso do celtismo, os excesos de imaxinación da historiografía galeguista, que hoxe por hoxe luce un importante pluralismo metodolóxico e hermenéutico nun contexto de avances dun coñecemento histórico tan realista como comprometido coa sociedade, clave para acadar o noso futuro como nacionalidade histórica.