Ao me pór a ordenar papeis para esta serie de artigos sobre a homenaxe que a Real Academia Galega quere que lle fagamos a Filgueira Valverde, decátome de que hai xa quince anos que levo recompilado información sobre a represión que padeceu Fermín Bouza Brey durante o franquismo.

Ao me pór a ordenar papeis para esta serie de artigos sobre a homenaxe que a Real Academia Galega quere que lle fagamos a Filgueira Valverde, decátome de que hai xa quince anos que levo recompilado información sobre a represión que padeceu Fermín Bouza Brey durante o franquismo. É certo que non se trata dunha pesquisa sistemática, continuada semana a semana ao longo destes tres lustros, pois non está auspiciada nin financiada máis que polo meu entusiasmo. Porén, moito me alegro hoxe, co proceso de beatificación que estamos a vivir, de ter comezado no seu día a procurar e xuntar esa información, xa que algunhas das persoas que me ofreceron datos ou documentos cando comecei a investigar xa faleceron e talvez hoxe teriamos que resignarnos ao silencio ou á hipótese non contrastada.

"Mentres por exemplo Filgueira Valverde lanzaba proclamas fascistas pola radio ou actuaba de cínico Pilatos, Bouza foi desas persoas que  se arriscaron para tentar salvar vidas". 

Fermín Bouza Brey, ademais de literato e humanista dos de verdade e non dos de hipérbole, foi xuíz (como tal, mesmo tentaba utilizar o galego na documentación da Administración de Xustiza alí até onde podía, nun momento en que o noso idioma –recordemos– estaba proscrito de todo recoñecemento oficial). Tras o rápido éxito do golpe de estado en Galiza, mentres por exemplo Filgueira Valverde lanzaba proclamas fascistas pola radio ou actuaba de cínico Pilatos, Bouza foi desas persoas que  se arriscaron para tentar salvar vidas. Unha das súas tácticas foi ordenar a detención de quen sabía que querían pasear os falanxistas, para que así non puidesen asasinalos. As actuacións exemplarmente cívicas, mesmo heroicas, de Don Fermín fixeron que, uns meses máis tarde, o expulsasen da xudicatura: “la depuración”, no calafriante termo que figura no documento.

El mantivo unha imaxe de neutralidade exterior e era ademais un home tradicionalista nas formas, o que axudou a que lograse a rehabilitación no seu traballo en 1939 e, xa en 1945, mesmo logrou ascender a maxistrado. O enigma vén despois: Que aconteceu desde esa data até comezos dos anos 50 para que Fermín Bouza Brey fose expulsado da carreira xudicial e estivese nunha situación de apestado social durante as dúas décadas seguintes? Hai algúns estudos xa publicados sobre a cuestión, sobre todo os magníficos de Antón Lopo e de Clodio González Pérez, mais ambos recoñecen tamén que fica traballo por diante. Voltaremos sobre a cuestión.

Cando arredor de 1999 comecei a formular a pregunta anterior a algunhas testemuñas da época había un nome que se repetía como desencadeante, unha e outra vez: José Filgueira Valverde. Hei de dicir que me narraron dúas actuacións diferentes, aínda que non contraditorias, deste franquista para acabar con Bouza. Por unha banda, a súa implicación activa nunha trampa para “desenmascarar” que Don Fermín gustaba dos homes, con todas as dramáticas consecuencias que iso tería na época; pola outra, a súa participación como acusador nese proceso que non só o expulsou do seu posto de traballo, senón que o levou a unha forma particularmente dolorosa de exilio interior. Após isto, tanto en Pontevedra como en Santiago, había xente que cando o vía pola rúa o insultaba con impunidade e noxo: “Maricón!” Padeceu unha forma de morte civil que explica moitos dos poemas do seu libro Seitura.

"A ferocidade de Filgueira non era a discrepancia ideolóxica, aínda que esta fose evidente, senón a envexa. Segundo iso, José Filgueira Valverde tiña ciúmes do recoñecemento literario e, sobre todo, da capacidade de pesquisador, descubridor e divulgador de Fermín Bouza Brey"

A razón que me expuxeron estes informantes para a ferocidade de Filgueira non era a discrepancia ideolóxica, aínda que esta fose evidente, senón a envexa. Segundo iso, José Filgueira Valverde tiña ciúmes do recoñecemento literario e, sobre todo, da capacidade de pesquisador, descubridor e divulgador de Fermín Bouza Brey, polo que aproveitou todo o poder que conseguiu grazas á represión franquista para tentar silenciar ese que vía como un incómodo competidor. El era o único verdadeiro “erudito” galego da súa xeración! (Aínda que fose erudito de segunda man e con frecuencia parasitario do traballo alleo, unha cuestión sobre a cal tamén nos debruzaremos noutro artigo posterior.)

Na correspondencia de Fermín Bouza Brey co seu amigo e enorme intelectual Xosé María Álvarez Blázquez, Filgueira Valverde é case sempre o tabú, o circunloquio, o Xa Sabes Quen. Non é estraño tendo en conta o momento de represión que se vivía, que o ínclito se convertera nun dos principais dirixentes franquistas no ámbito cultural en Galiza e que, en fin, a ditadura eliminara tamén o dereito aos correos secretos e inviolábeis (“Non se pode falar epistolarmente”, láiase Bouza). Así, nunhas referencias no entanto moi clariñas polo contexto, pasa a ser “o de marras”, “o outro”, o “Sr. do marxe”, o “tal fulano”… Unha das veces que ousa ser máis explícito é na carta do quince de novembro de 1952, asinada, cun humor non exento de desacougo, en “Cortegada de Miño – Estación de Filgueira (¡vade retro!)”

"O “acaparador da nosa cencia”, o das “treidurías” que deben ser postas ao descoberto, non é outro senón o que aínda algúns anos máis tarde sería designado alcalde de Pontevedra"

En relación co proceso que arruinaría a súa vida durante moito tempo, Bouza conta (de novo a través do tabú, mais transparente para o destinatario) o que outras fontes, descoñecedoras desta misiva, nos relataron anos máis tarde: que Filgueira Valverde participou na delación. Estas son as palabras de Don Fermín: “¡Si che digo que o “acaparador da nosa cencia” foi decrarar escontra min citando incruso que entre nós houbera “unha querella literaria”! Nada lle penso decir senón usar do mesmo proceder (atenuado pol-o perdón que Deus ordea) e tempo virá en que as súas treidurías sexan postas ao descoberto”.

No conxunto das cartas que conservamos vese con nitidez que o “acaparador da nosa cencia”, o das “treidurías” que deben ser postas ao descoberto, non é outro senón o que aínda algúns anos máis tarde sería designado alcalde de Pontevedra, outro dos premios pola súa entrega franquista. Recordemos que, mentres moitas persoas eran “depuradas” das súas responsabilidades educativas ou culturais, ou eran directamente asasinadas, Filgueira Valverde non facía senón asumir máis e máis postos e honras. Só entre 1936 e 1952 este home do réxime compatibilizou –acaparou, pois– uns trinta cargos diferentes, que non tería se non se botase previamente a quen nuns casos xa os asumían e que noutros poderían asumilos en libre concorrencia e por criterios de capacidade. 

"Como ben exclamaba Fermín Bouza Brey: tempo é de que as súas treidurías sexan postas ao descoberto"

Nestes anos, foi vogal da Junta de Cultura Histórica y del Tesoro Artístico de Pontevedra, vogal titular do Tribunal Provincial do Contencioso Administrativo, director do Museo de Pontevedra, vogal da Jefatura Provincial de Defensa Pasiva, director do Instituto de Pontevedra, presidente do Tribunal Provincial Tutelar de Menores, Comisario Local de Excavaciones Arqueológicas, Comisario Provincial de Excavaciones de Pontevedra, vogal da Junta Provincial de Turismo e un tedioso etcétera. Está claro que, acaparar, ben que acaparaba cargos e, ademais, digámolo con claridade, sen tal acaparación a obra de Filgueira Valverde sería aínda moito menos valorada do que xa hoxe o é. (Hai que ver o ímprobo e confuso esforzo de última hora que fan coa Wikipedia algúns opinadores do PP para se tornaren vates filgueiristas!) Mais talvez cando Bouza fala de “acaparador” non se refira a este suma e segue, senón ao vampirismo intelectual do cal tamén se queixa. Por exemplo, Filgueira non quería permitirlles que divulgasen sen el as descubertas arqueolóxicas que, efectivamente, sen el fixeran.

Como ben exclamaba Fermín Bouza Brey, ese literato monolingüe, pesquisador de primeira fila, xuíz que usou como tal o galego durante a II República que aínda non o asumía nin como cooficial; ese home de ben que salvou cantas vidas puido das gadoupas dos falanxistas; ese que mantivo desde as catacumbas acesa a esperanza dunha nación que se recoñecese na súa cultura e na súa historia...; como ben exclamaba Fermín Bouza Brey: Filgueira, vade retro!; como ben exclamaba Fermín Bouza Brey: tempo é de que as súas treidurías sexan postas ao descoberto.



x