Se che digo que podes cambiar un país pedindo tan só, un café, dirías que me falta un fervor. Ben, é certo que a simple vista non parece moi críbel que cuns cantos grans de café moídos poidas cambiar moito, mais si na forma na que o pides.

Imaxinemos por un momento que acabamos de abrir un pequeno local comercial e a lei obríganos, como non, a colocar no noso establecemento sinais de emerxencia que indiquen a saída. Dirixímonos á ferraxería que temos máis preto e pedimos que o sinal estea na nosa lingua. A persoa que está ao cargo infórmanos que desgraciadamente non dispón destas placas en galego. Encollendo os ombreiros e cun xesto de desconformidade contestamos: “Unha mágoa pero igualmente moitas grazas. Seguirei buscando”. 

Se despois de nós máis persoas saen desa ferraxería porque non dispoñen de ningún tipo de produto de sinalización na nosa lingua, ten por seguro que a persoa responsable da tenda non tardará en facer un novo pedido á fábrica.

Que a xente coma ti e coma min demande información, servizos ou produtos en galego, eleva o nivel e prestixio da nosa lingua. Sei que pode soar difícil de crer e incluso poderás chegar a preguntarte de que che pode servir a ti que o galego sexa de máis ou de menos prestixio.

Que a xente coma ti e coma min demande información, servizos ou produtos en galego, eleva o nivel e prestixio da nosa lingua

 

Como moitas galegas tiven que coller as maletas e marchar da casa na procura de traballo lonxe da miña xente, que tanto quero. Unha das miñas primeiras experiencias laborais fóra foi bastante curiosa. Logo de facer varias entrevistas e pasar unhas cantas probas, dúas persoas mais eu fomos seleccionadas para ese traballo. No noso curriculum vitae había unha característica peculiar pola cal estábamos alí sentadas, dominio da lingua galega. Acababan de decidir contratarme polo simple feito de saber galego.

Na miña cabeza facíase anacos ese prexuízo tan feramente incrustado no que o galego non serve para nada fóra de Galiza, nin che dá de comer. Pero por que unha empresa estranxeira ía ter interese en contratar a alguén polo feito de saber galego? Esa empresa ten oficinas por Galiza e non comprenden que as súas clientas non poidan comunicarse coa sede principal na súa lingua. Imaxinas nos tempos que corren que a unha túa filla, a unha sobriña ou mesmo a ti, se decidan a contratarvos polo feito de terdes cursado o bacharelato en galego? Esta empresa entendeu que hai persoas que piden ser atendidas na súa lingua porque lle dan valor, e iso reflíctese en traballo para as persoas que sabemos galego.

Acababan de decidir contratarme polo simple feito de saber galego

 

Se a nosa lingua é relevante, nós somos relevantes. Iso conleva un prestixio cultural e lingüístico importantísimo, mais tamén profesional, como no meu caso en postos de traballo que nos dan de comer cada mes.

É aquí o meu segredo que confío en que non mo gardes e te vaias da lingua coa primeira persoa que te atopes. Quen o ía imaxinar que con tan só un café con leite poderías facer algo tan extraordinario e elevar tanto o prestixio da lingua!



x