O feminismo gañou moitas batallas. Unha decisiva: a das ideas. Cando unha pancarta nega o asasinato das mulleres por ser mulleres, sentimos rabia e carraxe. Mais, se nos detemos, podemos albiscar outra interpretación desta campaña contra o recoñecemento da violencia de xénero. Unha que sitúa o feminismo como capaz de delimitar os termos do debate ou como diría o famoso libro de George Lakoff, No pienses en un elefante, con capacidade para establecer o marco conceptual, isto é, o terreo de xogo para abordar a violencia contra as mulleres.

Se despois dunha tráxica semana, nun dos peores veráns da última década, o que teñen que aportar os e as representantes públicas da extrema dereita é a modificación do concepto, é que este ten capacidade para eliminar o sexismo da sociedade no seu conxunto. De feito, posibilita que a frase “o machismo mata” sexa de uso común e asumida en boa medida por unha ampla parte da poboación.

Para min todo isto é un logro. Xa que permite visibilizar que o machismo enchoupa a vida cotiá e que detrás dos feminicidios o que se agocha é unha estrutura patriarcal que, de tan antigo que nos acompaña, ás veces se nos esquece. Toda a complexidade do patriarcado, así como os elementos sobre os que se sustenta e reproduce son opacos para unha parte importante da cidadanía, sen embargo, a percepción da violencia como un mecanismo que limita a liberdade das mozas e as mulleres é asumido con claridade e normalidade. Supoñemos que de aí esta batalla por mudar o discurso, por volver falar de violencia intrafamiliar. Por negar o machismo que organiza tempos e espazos sociais e reparte asimetricamente poder e recoñecemento para homes e mulleres.

As palabras importan e a dereita sábeo moi ben. Cada espazo mental conquistado implica un anaco de mundo conquistado. As mulleres conseguimos que as leis recoñezan que hai un tipo de violencia que exercen os homes para controlar e dominar o feminimo, unha violencia que nin é paixoal, nin intrafamiliar, nin doméstica… é unha violencia que sostén o patriarcado ao formar parte dun dos mecanismos máis disciplinadores que existen: o medo.

Se da violencia contra as mulleres falamos, os termos son claros: violencia machista, violencia de xénero, violencia patriarcal ou feminicidio. Non temos medo e chamamos as cousas polo seu nome.

[Este artigo foi publicado no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza]