Aqués que ten fama de honrados na vila
roubáronme tanta brancura que eu tiña,
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa decote puñéronma en tiras.

Rosalia de Castro

Señores xuíces: estamos fartas de escoitar e repetir palabras como igualdade, paridade, accións positivas… É tempo, como afirmaban as sufraxistas, de feitos claros e rotundos que acaben co patriarcado, non de palabras. Tamén na xustiza. Non temos que argumentar que cando unha muller di “non” é “non” porque é de primeiro de infantil. Ensinámolo nas aulas todos os días. 

A vostedes, señores xuíces, supónselles estudos e capacidade suficiente para entenderen que cando cinco homes desoen un “non”, o resultado é unha violación. Señores xuíces, vostedes están prexulgando de novo as mulleres. Están aplicando todos os prexuízos dunha sociedade heteropatriarcal rancia e caduca nunha sentenza que debería ter sido ante todo xusta, logo exemplificante. Primeiro xusta porque esa era a súa obriga. Se en conciencia consideran, señores xuíces, que non houbo violencia nin intimidación na actuación de cinco homes que, pola forza, obrigan unha muller a manter relacións sexuais e, logo, se gaban diso nun grupo autodenominado “La manada”, considero que non están capacitados para impartiren xustiza.

Segundo, exemplificante. No estado español cada 6 horas denúnciase unha violación. Isto mostra a violencia que sufrimos as mulleres. Necesitamos arrincar, con leis e sentenzas que respecten os nosos dereitos, os prexuízos que someten a xuízos previos as vítimas. De novo, señores xuíces, vostedes interpretan os feitos desde a óptica de quen pide responsabilidades á vítima. De novo, ficamos desasistidas. Que garantías nos ofrece a xustiza?

A vostedes, señores xuíces, supónselles estudos e capacidade suficiente para entenderen que cando cinco homes desoen un “non”, o resultado é unha violación

 

Hoxe as mulleres sentímonos traizoadas e indignadas. Eu escoitei a sentenza mentras preparaba unha charla. Tiven que parar, sentín unha dor intensa no estómago. Pensei vomitar. Pásame moitas veces, desde nena, cando escoito unha nova desta natureza. Non podo evitalo. A dor dunha agresión permanece toda a vida, señores xuíces. A unha muller violada vostedes non poden quitarlle a dor no estómago, ese non é o seu cometido. Vostedes, señores xuíces, teñen outro. O de facer xustiza, isto é, que os culpábeis teñan unha pena proporcional ao dano inflixido, ao dano dunha violación. Aí acaban de fallar e de defraudarnos. Peor, agravaron a dor da vítima e a de todas.

Eu escoitei a sentenza mentras preparaba unha charla. Tiven que parar, sentín unha dor intensa no estómago. Pensei vomitar.

 

O 8 de marzo saímos de xeito multitudinario á rúa porque queremos ser libres, camiñar libres, vivir libres. A primeira resposta é unha sentenza nauseabunda que elude o termo violación e volve a penalizar a vítima. Volve a incorporar a dúbida, a sospeita sobre as mulleres.  Outra vez a analizar a súa vida, a súa cara, a súa conduta. Volve a incorporar unha moralidade machista que xulga as mulleres antes de analizar os feitos. 

Non estamos dispostas a aturar máis. A violencia machista é a ferramenta do patriarcado para que non sexamos libres. Suma a complicidade dos xuíces. Se a xustiza non é xusta, que facer? Como ben afirma Rosalía de Castro:

I estonces… estonces, cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man que os ferira. 

A xustiza pola man