Once mentes privilexiadas para grandes retos. Que sexan masculinas só é casualidade. Xa se sabe que o goberno dos mellores, desde que fai máis de vintecinco séculos Platón instalara tal consigna, conleva a escolla dos máis preparados, máis clarividentes, mellores oradores, con máis contactos, lealdade e confianza co líder.

Once mentes privilexiadas para grandes retos. Que sexan masculinas só é casualidade. Xa se sabe que o goberno dos mellores, desde que fai máis de vintecinco séculos Platón instalara tal consigna, conleva a escolla dos máis preparados, máis clarividentes, mellores oradores, con máis contactos, lealdade e confianza co líder. Vamos, o que se entende por mellores. Ben sabemos que o seu sexo é algo sen importancia, totalmente trivial.  

"De feito, poderían ser once mulleres e ninguén se sorprendería. Todo normal, o goberno das mellores. Sería tan normal como que a porcentaxe de parlamentarias gregas sexa do 14%  ou que as mulleres teñan unha incidencia mínima nos sindicatos en Grecia".

De feito, poderían ser once mulleres e ninguén se sorprendería. Todo normal, o goberno das mellores. Sería tan normal como que a porcentaxe de parlamentarias gregas sexa do 14%  ou que as mulleres teñan unha incidencia mínima nos sindicatos en Grecia.  Tan normal como unha fenda salarial superior ao 25% ou a violencia machista crecendo exponencialmente desde o inicio da crise. De feito, o veríamos coa mesma naturalidade coa que as mulleres asumen en solitario todo o traballo de coidado das crianzas, as persoas maiores ou enfermas cando o estado decide recortar ou eliminar servizos. Tan normal como que a pobreza sexa feminina. 

Máis desiguais na desigualdade crecente é o balance dos últimos sete anos en Europa, en Grecia tamén. Mais agora non toca. Agora non toca falar de  cousas como a feminización da pobreza, a vulnerabilidade do emprego feminino ou das mulleres asasinadas por parellas e exparellas. Agora toca falar de cousas serias. É a hora da economía. Da partida de naipes, de xogar ao póker ou calquera das metáforas dos últimos días.

"Agora non toca falar de  cousas como a feminización da pobreza, a vulnerabilidade do emprego feminino ou das mulleres asasinadas por parellas e exparellas. Agora toca falar de cousas serias".

Estou certa que moitas mulleres consideran que o feito da presenza feminina nos gobernos non resolve os seus problemas, mentres que outras poden entender que as mulleres que participan en política son unha especie de colaboradoras do patriarcado. Hai quen xa fala da importancia das viceministras en Grecia ou intenta minimizar a imaxe masculinizada dun goberno que se autodenomina de ruptura. Sen embargo, a soa presenza de mulleres significa democracia no reparto do espazo público, da representación e do recoñecemento. Sen dúbida que debemos tamén facer moita autocrítica sobre a nosa práctica cotiá e a nosa capacidade para transformar a política e as súas formas. Sobre as dificultades para o reparto da representatividade e o recoñecemento nas organizacións políticas. Se o reto é contruír novas ideas para novos tempos, isto non será desde a invisibilización nin desde o mesianismo masculino. Até hoxe todo sistema económico coñecido mantívose sobre o traballo gratuíto das mulleres, para o neoliberalismo actual  minimizar a presenza pública das mulleres é un negocio redondo. As mulleres como coidadoras aforran ao estado tanto como sexan capaces de facer gratis pola forza do amor. 

Existe un punto cego na retina da esquerda en xeral. Ese que obriga a priorizar as dominacións, e por ende, as batallas, como se puideramos aplicar unha coiteliña analítica e diferenciar clase de xénero ou de nación ou de lingua. A matriz da opresión ten moitas variábeis que mudan nos diferentes contextos.  No noso día a día poderemos elexir de xeito individual, mais colectivamente todas van xunguidas. Para min todas tocan agora porque todas teñen que ver coa xustiza, con poder vivir con dignidade. 

"Non podo entender que algo que non hai que negociar con Bruxelas nin co Bundesbank non se inicie desde a ruptura e a transformación". 

Eu desde Galiza, onde son moitas as cousas que tocan agora de maneira urxente, alegreime da vitoria de Syriza, como coalición de esquerda radical que é e como expresión popular contra un modelo de Europa que non comparto. Por iso non podo entender que algo que non hai que negociar con Bruxelas nin co Bundesbank non se inicie desde a ruptura e a transformación. O reparto asimétrico do poder é a columna vertebral que mantén a desigualdade nas nosas sociedades, polo que hai esquecementos ou ocultamentos difíciles de explicar.

Para quen me diga que a presenza de mulleres en política é algo puramente cosmético, como escoitei estes días, recoméndolle que elixa marca de maquillaxe... por se toca agora.