Lembran os lectores e as lectoras aquel famoso concurso eólico do bipartito?  Se cadra xa non... pasaron cinco anos e os ventos sopraron tan forte que deixaron Galiza desfeita por unha dereita insensíbel e totalmente antigalega. Se xa a memoria comeza a refrescarse,  retomemos a imaxe do Feijóo candidato construíndo a grande mentira sobre o eólico e facendo dela parte dunha precampaña electoral na que todo valía, todo. 

Lembran os lectores e as lectoras aquel famoso concurso eólico do bipartito?  Se cadra xa non... pasaron cinco anos e os ventos sopraron tan forte que deixaron Galiza desfeita por unha dereita insensíbel e totalmente antigalega. Se xa a memoria comeza a refrescarse,  retomemos a imaxe do Feijóo candidato construíndo a grande mentira sobre o eólico e facendo dela parte dunha precampaña electoral na que todo valía, todo. 

"O grande pecado daquel concurso foi mudar o modelo fragiano de expolio dos recursos naturais galegos por empresas estranxeiras -até un 90% no sector eólico- por un modelo baseado na participación pública". 

O grande pecado daquel concurso foi mudar o modelo fragiano de expolio dos recursos naturais galegos por empresas estranxeiras -até un 90% no sector eólico- por un modelo baseado na participación pública. Seguramente non sería un concurso perfecto mais buscaba que as posibilidades enerxéticas da nosa terra repercutiran na mesma. Efectivamente grande pecado. De feito o entón deputado e hoxe Director xeral de enerxía, Bernardo Tahoces, afirmaba cousas como a seguinte e que recolle o diario de sesión do Parlamento: “ (…) vostedes apostan por parques eólicos, parques eólicos nos que se desenvolverá proxectos industriais complementarios, pero proxectos industriais que serán desenvolvidos precisamente no territorio, no lugar, onde estes parques eólicos están radicados. Na súa consecuencia localismo, pequena dimensión, pouca rendibilidade social e pouca rendibilidade económica”.

Fronte ao modelo apegado ao territorio chegou o modelo Feijóo. O modelo apegado ás grandes eléctricas. Esas que teñen grandes portas xiratorias para a xubilación de políticos do bipartidismo estatal, esas mesmas que teñan portas moi estreitas para os que non poden pagar as facturas e sofren cortes de luz sen piedade. O modelo de Feijóo supuxo unha lei no 2009 e un posterior concurso eólico, mais o que realmente significou foi a absoluta paralización do sector. Este tiña en 2008 2.973 MW de potencia instalada, só superada por Castilla-La Mancha con 3.142 MW. Cinco anos despois Galiza tamén é superada en potencia instalada por Castilla-León. Aínda sendo máis eficiente o sector en Galiza porque hai máis vento, tamén nestes cinco anos Galiza perdeu posicións. Xa que logo, no grupo dos catro territorios con máis potencia eólica instalada -máis de 3.000 MW- Galiza é que a menos medrou desde 2008. Os datos son escandalosos, consecuencia directa de que nestes cinco anos tan só se autorizaron tres parques que suman un total de 60 MW, e mantivéronse nin máis nin menos que case 400 MW autorizados sen construír. Velaí a realidade para os que pidan empirismo para poder opinar.

"Despois de mudar un concurso eólico por sectarismo político agora plantexa unha modificación da lei do 2009 e recoñece por escrito que non ten impacto na economía de Galiza".

Ante esta situación a doutrina Feijóo non implica recoñecer o fracaso, non implica facerlle fronte ao PP de Madrid que destroza lexislativamente o sector en Galiza. A doutrina Feijóo versa na procura dun novo titular mediático sobre o eólico a base dunha modificación da lei do 2009 ao tempo que libera ás empresas adxudicatarias de facer fronte aos avais para desprazalos ao momento da obra. As propias memorias xustificativas que a acompañan ao expediente recoñecen que a modificación non terá ningún impacto na economía galega e que por iso o CES non elaborou ditame. En concreto o goberno recoñece nesta memoria: “que non se trata dunha materia directamente vinculada ó desenvolvemento económico e social de Galicia”. Como? O PP en estado puro. Despois de mudar un concurso eólico por sectarismo político agora plantexa unha modificación da lei do eólico do 2009 e recoñece por escrito que non ten impacto na economía de Galiza. Menos mal que na exposición de motivos afirma que é un sector estratéxico!

Se alguén tivese vagar e ansia para realizar unha arqueoloxía do non-saber eu propoño que sexa monográfico sobre o sector eólico en Galiza. De como se pode convencer a unha poboación da súa pobreza cando exporta un 30% de media anual de electricidade, cando ten un potencial enorme para as enerxías renovábeis, cando os gastos en transporte e distribución podería ser mínimo. Supoño que é posíbel porque tecer unha mentira mil veces repetida interesa a quen se beneficia dos recursos naturais de Galiza a cambio do pago dun escaso canon eólico. 

Hai presidentes que regalan a súa terra e o edulcoran con lexislación. De ter memoria esta nación...