Contan que houbo un país no que eran tantos os chamados á unidade que ficaron todos os seus habitantes xordos.


Contan que houbo un país no que eran tantos os chamados á unidade que ficaron todos os seus habitantes xordos. Como non podían oír cada vez berraban un pouco máis. Tal era o ruído que hai quen di que os que moraban en terras cercanas miraban con cara de espanto aqueles acontecementos.

Din que os nativos coñecían a situación da súa terra e tiñan unha boa análise das causas e as consecuencias.  Múltiples foran as veces nas que repetiran a perda de poboación que os asolaba ou a perda de falantes da súa lingua. Algúns escribiran libros e artigos sobre o devalar da súa economía e o esmagamento dos seus sectores produtivos. Pouco máis podían dicir sobre a realidade que non soara a variación da mesma partitura. 

Mais cando sentaban a pensar as propostas de futuro nalgún punto do espazo oíanse as vellas profecías, ás veces con novas roupaxes. Como se dunha traxedia de Shakespeare se tratase as bruxas asubiaban promesas de repartos e poder infinito. Sabedoras da debilidade da natureza humana agardaban tranquilas a gargallada final. Total Macbeth só era un home e a fraga de Birnam avanzaría cara a Dunsinane. 

Queremos grupo parlamentar galego? A resposta é binaria, si ou non. Non hai medias tintas

Das decisións adoptadas durante estas semana en Galiza escribirase no futuro. Analizarase se foi unha oportunidade perdida ou gañada. Agora o que nos ocupa é render contas ante nós e no noso pobo. Que queremos para Galiza? Como nos queremos mostrar diante do estado? Confiamos nas nosas forzas como pobo? Para min é o momento da simplicidade. Gosto moito de ler Filosofía, moito. Mais hoxe non toca agocharse tras termos incompresíbeis, o que toca é tan sinxelo como saír pelexar por mudar isto. Mudar a atonía que nos vai paralizando. 

Todos e todas estamos situados porque pensamos, xa sabemos que o mito da neutralidade só serve aos intereses da dereita. Pois desde esa situación concreta na que habitamos, ou que nos habita, desde a nosa organización, barrio, realidade persoal ou como queira que nos definamos, saíamos a debatir o noso proxecto, defendamos as nosas ideas, busquemos o entendemento pero sexamos claros, sexamos claras. Queremos grupo parlamentar galego? A resposta é binaria, si ou non. Non hai medias tintas. O resto é un cálculo programado que neste momento comeza a colleitar frustración e rabia.

O último debate televisivo das chamadas forzas emerxentes que mostrou a nova política tan masculina e centralista como a vella

O bipartidismo comeza a mudar nun cuatripartidismo dual. Só desde as nacións do estado escoitamos voces diferentes a defender outro modelo de estado. Baste como exemplo o último debate televisivo das chamadas forzas emerxentes que mostrou a nova política tan masculina e centralista como a vella. A novidade nun mundo rendido ao marketing e o efémero sería recoñecer que por moito que se repita a palabra participación e democracia os humanos non sabemos nin queremos practicalas. 

Ao final as bruxas sempre asubían e en Galiza, mentres imos quedando xordos, estas asubían de carallo!