Identidades sexuais, realidades LGTBI e pragmática

Carme Adán - Profesora de Filosofía.


Do 16 de abril de 1061 data o testemuño máis antigo na Galiza, en concreto en Rairiz de Veiga, da institucionalización do desexo de dous homes. Mediante escritura pública Pedro Díaz e Muño Vandilaz estipularon a súa convivencia conxugal. O escrito está localizado no Tombo de Celanova e como a maioría dos centros de documentación medieval do Reino de Galiza foi espoliado, mais se queredes gozar da súa lectura acharédelo no magnifico libro de Carlos Callón sobre a configuración da homosexualidade na Idade Media

Do 16 de abril de 1061 data o testemuño máis antigo na Galiza, en concreto en Rairiz de Veiga, da institucionalización do desexo de dous homes. Mediante escritura pública Pedro Díaz e Muño Vandilaz estipularon a súa convivencia conxugal. O escrito está localizado no Tombo de Celanova e como a maioría dos centros de documentación medieval do Reino de Galiza foi espoliado, mais se queredes gozar da súa lectura acharédelo no magnifico libro de Carlos Callón sobre a configuración da homosexualidade na Idade Media.

"Obxecto de discriminación constante, burla e en múltiples ocasións violencia homofóbica foron quen de poñer no debate público e no ordeamento xurídico a importancia da identidade e a orientación sexual".

Comezo falando de testemuñas e libros para erradicar esa idea de que a historia é lineal e que sempre latexa no seu interior un espírito de avance e mellora. Fronte a este teleoloxismo decimonónico unha pequena arqueoloxía dos feitos e saberes móstranos que as curvas da historia agochan capítulos cheos de retrocesos, de perda de dereitos, de imposicións e limitacións. Do mesmo xeito que agroman outros momentos de tolerancia, respecto e liberdade.

Sobre o noso tempo, este no que habitamos aquí e agora, outros e outras terán a responsabilidade de historizar e, xa que logo, reescribir. Nós vivímolo con todas as súas potencialidades e contradicións. Por unha banda, termamos de non ver retroceder nos dereitos das mulleres diante dunha ofensiva xeralizada sobre o papel da mulleres, a súa submisión e a maternidade. Por outra, loitamos por rachar as inercias e resistencia que impiden a vivencia social plena das diversas identidades sexuais.

"O texto ten a virtualidade de recoller por primeira vez na lexislación galega a obrigatoriedade de non discriminación das persoas LGTBI".

As persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais levan moitos anos traballando pola súa visibilización e non discriminación nas sociedades das que forman parte. Obxecto de discriminación constante, burla e en múltiples ocasións violencia homofóbica foron quen de poñer no debate público e no ordeamento xurídico a importancia da identidade e a orientación sexual. Moi poucas persoas consideran que este sexa un tema prioritario. Nin moito menos, incluso, hai quen no debate público semella defendelo con vehemencia e logo é capaz de reproducir un chiste homofobo e quedarse tan “pancho”.

A lei que hoxe se aproba no Parlamento galego é imperfecta e incompleta. Si o é. Froito dun texto presentado polo PSdG foi sometida a un proceso de modificación propio do trámite de ponencia dunha lei na que todos os grupos parlamentares presentaban un bo feixe de emendas e algunhas tiñan ópticas non totalmente coincidentes como podemos supoñer. De feito, as defendidas polo PP tenderon a rebaixar as obrigacións das administracións públicas e do marco normativo en cernes de aprobación. 

"Lexislar visibiliza, recoñece dereitos, crea obrigacións nas administracións, nos sindicatos, nas empresas. Non obstante, o verdadeiro cambio depende de cada unha das accións que emprendemos na nosa vida cotiá".

Sen embargo, o texto ten a virtualidade de recoller por primeira vez na lexislación galega a obrigatoriedade de non discriminación das persoas LGTBI. O ámbito educativo, sanitario, laboral ou mediático atopan a súa correspondente lexislación nun articulado que para o meu gusto queda curto en tres aspectos: detallar e comprometerse cos ámbitos a desenvolver as medidas de acción positiva, mellorar a realidade dos centros penitenciarios e recoller medidas claras para os/as maiores -sempre persoas esquecidas cando de sexualidade falamos-. O certo, é que a limitación competencial sempre é un problema cando se lexislan dereitos fundamentais, aspecto este que deberíanos levar a  reclamar e exercer un maior número de competencias. Sen embargo, os ventos recentralizadores sopran en dirección oposta. Por ultimo, cómpre engadir que as partidas orzamentarias concretas deberan materializar á creación de servizos, como o de mediación, ou a realización dos plans de formación de docentes e sanitarios. De non ser así, a lei pode ficar como un papel máis na biblioteca lexislativa do Parlamento galego. 

Mais eu quixera reflexionar sobre a natureza da súa aprobación, xa que como outras leis de igualdade, non implica a eliminación dos estereotipos porque moitos deles aniñan onde se constrúe o desexo. Lexislar visibiliza, recoñece dereitos, crea obrigacións nas administracións, nos sindicatos, nas empresas. Non obstante, o verdadeiro cambio depende de cada unha das accións que emprendemos na nosa vida cotiá, do recoñecemento das identidades múltiples como unha riqueza. Considero que depende máis dos novos significados que sexamos quen de construír neste escenario de regras a mudar que dos discursos que emitamos. A pragmática debe gañar a partida á semántica que hoxe toma corpo de lei galega. Esa non ten emendas, nin rebaixas, depende de nós.

Hoxe máis que nunca o persoal é político.