A próxima Asemblea do BNG non é de carácter ordinario por moito que figure no seu título. Iso é unha evidencia


A próxima Asemblea do BNG non é de carácter ordinario por moito que figure no seu título. Iso é unha evidencia. É normal que así sexa xa que os resultados das pasadas eleccións xerais constataron o persistente declive electoral da organización. Aínda que o electoral non sexa a única medida dunha organización política, logo de perder o 80% dos apoios nos últimos quince anos é difícil dubidar da natureza fóra do ordinario do debate que encetamos.

De feito, este artigo só ven a sumarse a unha morea de entrevistas e artigos que mostran a preocupación que existe polo futuro do nacionalismo galego. Por unha banda, ten de gratificante que existan tantas persoas preocupadas e con vontade de que o nacionalismo perdure politicamente dun xeito organizado. Isto é un motivo máis para obrigarnos a tecer as alianzas suficientes para que entre todas e todos para sexa posíbel. Por outra, tamén evidencia a pluralidade e a diferenza de criterios que existen neste encrucillada histórica que vivimos.

Necesitamos dar un paso audaz no marco político, seguramente que arriscado, mais absolutamente necesario, paso que ao non ter palabra mellor podemos denominar refundar

A sociedade galega non foi allea aos fortes cambios das últimas décadas e sufriu as consecuencias da crise económica de xeito brutal. Moitas persoas perderon os seus traballos, non poden pagar a hipoteca, non poden pagar incluso a luz ou os libros dos seus fillos e fillas. Perderon os seus proxectos vitais e a sensación de estafa e desilusión aniñou rapidamente entre diversas xeracións, especialmente a máis nova. Nesta situación, unha forza caracterizada por buscar a transformación e a xustiza social desde a propia nación, como é o BNG, non conseguiu sintonizar con esa poboación. Non foi percibida por quen busca mudar a realidade como un instrumento para este fin.

É certo que o propio estado de frustración e indignación a respecto das expectativas laborais e vitais, fundamentalmente no medio máis urbano, levou a unha desafección das formas máis clásicas de loita e activismo para buscar a saída nun enfrontamento directo entre o individuo e a sociedade. Así entendemos como mantras como “todos son iguais” trunfaran nos últimos anos. Sen embargo,  a procura de alternativas en outras opcións políticas debe inducirnos necesariamente a unha fonda reflexión e tamén revisión.

Son moitas as voces que analizan o actual momento como un peche de ciclo político para o nacionalismo que xurdiu do frontón de Riazor en 1982. Neste escenario necesitamos dar un paso audaz no marco político, seguramente que arriscado, mais absolutamente necesario, paso que ao non ter palabra mellor podemos denominar refundar. Hai quen prefire empregar resetear buscando unha analoxía máis actual. En calquera caso, mais alá da palabra o contido vén marcado pola necesidade de crear un novo espazo simbólico e político para o nacionalismo con accións claras e contundentes nas formas e no fondo. Un novo espazo que non renegue do pasado, un novo espazo que o vivifique, que o actualice no presente, que o afaste da esclerose.

Debemos explorar todas as posibilidades de alianzas puntuais con aquelas forzas que poidan facilitar a consecución dun cambio político en Galiza, sempre que se dean certas condicións 

Para isto un bo comezo sería manter a unidade do BNG, aumentar o seu pluralismo, dar paso a diferentes voces, renovar, dar alento a unha estrutura máis dinámica e menos burocratizada. A experiencia de NÓS-Candidatura Galega e o caudal de apoios que poida implicar podería ser un punto de inicio para a posta en marcha do proceso constituínte do novo ciclo político.

No marco electoral tamén debemos explorar todas as posibilidades de alianzas puntuais con aquelas forzas que poidan facilitar a consecución dun cambio político en Galiza, sempre que se dean certas condicións. O BNG está pasando por unha fase difícil, pero é unha organización forte, coñecedora do país e uniformemente implantada por todo o territorio. Definir unha nova política de alianzas flexible e o máis ampla posible de cara ás próximas eleccións autonómicas non ten por que debilitar o noso proxecto nacional. En calquera caso isto deberá ser obxecto de debates nas asembleas e a decisión dependerá de cada un e cada unha das e dos militantes do BNG na súa Asemblea.

Por todo isto é tan importante participar en todo o proceso asamblear e dar os debates. Sen medo as ideas, incluso as discrepantes. Estamos diante dunha das Asembleas máis decisivas para a maior organización nacionalista de Galiza, cunha tradición de traballo e compromiso co país innegábel, cun caudal de experiencia política e social a preservar e co mellor dos capitais, as persoas que a conforman e o seu compromiso. Estou certa que, por diferentes que sexan as nosas ópticas, todas e todos queremos a nosa nación e tamén a organización construída conxuntamente durante décadas desde todos os recunchos de Galiza por miles de persoas anónimas. Por difícil e convulso que sexa o momento que nos tocou vivir, é tempo de pensar e actuar en conciencia.


“...o ideal que nos aloumiña vos pide que sintades a Galicia como Nós no recuncho máis intenso das vosas almas. Ninguén é inútil pra ista cruzada.” 
Manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo
Lugo, 1916