Catro de agosto. Hora aínda sen definir. O Parlamento galego recórtase a si mesmo a través do seu novo regulamento. Menos propostas, menos tempos, menos igualdade entre grupos, menos control ao goberno, menos democracia.

Catro de agosto. Hora aínda sen definir. O Parlamento galego recórtase a si mesmo a través do seu novo regulamento. Menos propostas, menos tempos, menos igualdade entre grupos, menos control ao goberno, menos democracia. As propostas de resolución no debate de Estado da Nación quedan definidas por lei como necesariamente “simples”. Polo de agora é pronto para redactar que deben axustarse aos 140 caracteres que configuran un chío, mais todo chegará.

"O Parlamento galego recórtase a si mesmo a través do seu novo regulamento. Menos propostas, menos tempos, menos igualdade entre grupos, menos control ao goberno, menos democracia".

Anos de desprestixio do quefacer parlamentario leva a que ninguén preste atención a un debate importante sobre o modelo de Parlamento que queremos para Galiza. Hai se cadra quen pensa que mellor que estean calados e caladas eses deputados e deputadas xa que as fotos só necesitan duns segundos. O valor da palabra cotiza á baixa.

En pouco máis dun mes desde que iniciou a súa tramitación chega a un Pleno extraordinario a lei que muda o funcionamento da Cámara galega. Sen debate sobre o modelo de democracia que queremos, sen permitir que o pobo poida sequera coñecer e menos opinar sobre esta proposta, establécense, ao calor do verán, as regras de xogo da vindeira lexislatura. Para min podemos resumilas en dúas fundamentais: eliminar a igualdade dos grupos parlamentares que funcionou nas pasadas lexislaturas e sacralizar a irrelevancia argumentativa. Pode que isto estea en consoancia con esa visión da política só na súa dimensión mediática que impera. Mais esquecer que detrás dun titular hai unha idea e unha argumentación que dá sentido a unha visión da realidade nun marco conceptual e político desde onde se elaboran leis e propostas é seguir afondando nun reducionismo que non comparto en absoluto.

O Parlamento galego necesitaba un novo regulamento, mais non este que PP e PSdeG propoñen. Necesitaba axilizar trámites para que os problemas do pobo estiveran presentes de xeito inmediato nos debates e nas resolucións da Cámara, necesitaba abrir as portas de verdade a participación cidadá de persoas e colectivos que tanto teñen que aportar, necesitaba enriquecer debates e non apostar polo simple -que non sempre é sinónimo da simplicidade da intelixencia-. Necesitaba que todas e todos tomaramos a serio que o Parlamento dunha nación non é un teatriño.

"Nun momento no que a política como fición vai configurando paso a paso a nosa ontoloxía, non renunciar ao noso Parlamento é unha modesta contribución a que isto non ocorra".

Vivo desde a preocupación que a pluralidade non sexa un valor democrático e que o peso dos votos pretenda esmagar a participación. Que o traballo sexa desprezado e que a política fique reducida a un espectáculo. Ao final a dereita gaña porque sempre apostou por tomar as decisións noutro sitio. Neses despachos aos que escalan os homes varóns, e algunha filla elixida, a golpe de apelido, fortuna ou servizos prestados.

Case non existen espazos públicos para deternos a pensar que democracia queremos, como fomentar ou artellar a participación real, como entender Galiza desde e nas institucións ou para que serven as propias institucións. Desde ópticas e ideoloxías moi diferentes deostalas ou reverencialas acriticamente contribúe a baleiralas ou inutilizalas para que sexan espazos transformadores e operen na vida real das persoas. Nun momento no que a política como fición vai configurando paso a paso a nosa ontoloxía, non renunciar ao noso Parlamento é unha modesta contribución a que isto non ocorra. Considero que obrigada contribución.