En poucos anos pasamos de aparentar vivir no mellor dos mundos posíbeis a acuñar termos para describir todo tipo de formas de pobreza. Non penso que por segmentala en infantil, relativa, severa ou enerxética tratemos mellor o que é un claro empobrecemento xeralizado da sociedade que deixa a unha parte totalmente desposuída de todo. Sen emprego, sen prestacións e cos bens básicos con prezos disparados, a vida é unha especie de luxo para moita xente.

En poucos anos pasamos de aparentar vivir no mellor dos mundos posíbeis a acuñar termos para describir todo tipo de formas de pobreza. Non penso que por segmentala en infantil, relativa, severa ou enerxética tratemos mellor o que é un claro empobrecemento xeralizado da sociedade que deixa a unha parte totalmente desposuída de todo. Sen emprego, sen prestacións e cos bens básicos con prezos disparados, a vida é unha especie de luxo para moita xente.

"Algo tan básico como acender a luz ou ter un fogar nunhas condicións mínimas de calor é imposíbel para o triplo de persoas que fai cinco anos". 

Algo tan básico como acender a luz ou ter un fogar nunhas condicións mínimas de calor é imposíbel para o triplo de persoas que fai cinco anos. Como contrapunto a esta situación temos as empresas eléctricas que forman o oligopolio chamado UNESA gañando “alegremente” 7.296 millóns de euros no último ano e chorando polo suposto déficit tarifario. Empresas que repartiron nos últimos cinco anos preto de 200 millóns de euros entre os membros dos Consellos de Administración. Supoño que estas persoas os teñen moi merecidos xa que moitos son os presidentes e ministros/as que axudaron a esta infame regulación do sector eléctrico. Deberíamos mudar a expresión de “porta xiratoria” por “alfombra vermella” para a entrada triunfal dos “ex” da política estatal nestes despachos.

"Recibos da luz abusivos e pobreza enerxética é a contrapartida a todos os costes medioambientais e sociais que sufrimos por ter unha alta produción".​

O certo é que as súas decisións e a liberalización do mercado da electricidade en 1997 levou a unha suba constante do prezo da luz que nos sitúa co terceiro recibo máis caro de Europa para uso doméstico logo de medrar un 81,4% na última década. O suposto mercado libre controlado por uns poucos que impoñen as súas regras define a enerxía como unha actividade de interese económico xeral cando debería ser un servizo público básico.

En Galiza temos vales asolagados, muíños de vento nas nosa serras e o país cruzado por liñas de alta tensión para exportar a Madrid segundo o ano entre un 30 ou 40% da enerxía eléctrica que producimos. A nosa exportación masiva de enerxía non nos deixa ningún tipo de beneficios. Recibos da luz abusivos e pobreza enerxética é a contrapartida a todos os costes medioambientais e sociais que sufrimos por ter unha alta produción. Imaxinamos un país rico en petróleo cos prezos do combustíbel disparados?

Síntoo, esquecín por un momento que Galiza non ten poder político suficiente para decidir sobre os seus recursos. Que despiste! Se cadra por iso, cando propoñemos unha tarifa eléctrica galega diferenciada a dereita deste país non ten nada que dicir, só vota en contra. Seguramente, pensa nos intereses dos que sentan nas codiciadas cadeiras dos consellos de administración das eléctricas. Seguramente, a pobreza enerxética e as dificultades para pagar o recibo da luz non pase de ser unha nova categoría analítica máis para describir unha realidade que xa está farta de palabras. Non poder pagar a luz é pobreza. Gañar millóns nas eléctricas debería ser delito. Exportar e non recibir nada a cambio, parte dalgo tan vello como o colonialismo. Controlar a enerxía propia, unha forma de soberanía.