A política como ficción no plató do Hórreo

Carme Adán - Profesora de Filosofía.


Indesexada demora, crecemento solidario ou carácter aberto dos galegos son algún dos conceptos cos que Feijóo adornou un discurso oco e deslabazado. Non defraudou no seu estilo prepotente e decidiu seguir debuxando a Galizawood na que vive o seu goberno. 

Indesexada demora, crecemento solidario ou carácter aberto dos galegos son algún dos conceptos cos que Feijóo adornou un discurso oco e deslabazado. Non defraudou no seu estilo prepotente e decidiu seguir debuxando a Galizawood na que vive o seu goberno. “Aquí todo vai mellor” era a consigna para unha mañá de choiva no exterior do Parlamento e de frío aterrador no corazón de quen sofre a crise. Esa que esqueceu Feijóo de tan compracido que está coa súa acción de goberno.

"Galiza desángrase, a historia repítese e a mocidade emigra coas súas titulacións debaixo do brazo. O talento liscando e Feijóo prometendo unha nova lei. Diarrea lexislativa ante o fracaso político".

Os problemas non existen ou son responsabilidade doutros. Feijóo xa se sinte ben con presumir da colaboración solidaria, outros dos seus novos conceptos, que eu traduzo en termos de apostar polo espolio que implica a recentralización para a economía galega. Exemplos temos dabondo, desde a enerxía, onde un país excedentario como o noso en produción ten prezos máis altos, até o parón das renovábeis, os vetos ao naval ou a prohibición de pescar.  Iso si, San Caetano non ten ningunha responsabilidade. Só recolle os froitos do sol estival e gábase dos bos datos do último verán turístico.

O Feijóo pegado de si mesmo ten un momento sublime na súa referencia a Pemex. Esa indesexada demora é culpa da petroleira, do goberno mexicano, dos alieníxenas que abduciron os contratos ou dos tequilas sen control nas viaxes internacionais. O que queda claro é que non ten nada que ver con titulares a toda páxina en precampaña electoral ou coa necesidade de tapar unha nefasta política industrial.

Feijóo preocupado pola unidade de España e a solidariedade territorial. Se cadra, considera que xa pasou tempo prudencial desde as fotos de barcos e narcos e xa está en disposición para iniciar de novo a carreira para colocarse nalgún posto da pole. E Galiza? Pois xa sabemos que nese territorio vive xente tan afábel e aberta ao mundo que ante a adversidade emigra como Castelao retratou magnificamente.

"Galiza nunha situación límite, as persoas asubiando as portas do Parlamento e Feijóo segue construíndo unha nova modalidade de política, a política ficción".

Galiza desángrase, a historia repítese e a mocidade emigra coas súas titulacións debaixo do brazo. O talento liscando e Feijóo prometendo unha nova lei. Diarrea lexislativa ante o fracaso político.

Se cadra houbo quen ficou preocupado ou preocupada por un pequeno esquecemento do presidente. Aquel vello mantra do Feij009 da rexeneración democrática caeu dos titulares deste debate. Tendo a pouco máis dun quilómetro o concello de Santiago agonizando entre imputación e imputación ou a propio delegado territorial do Ourense  na tribuna de convidados Feijóo optou por falar da honestidade da política en abstracto. Da súa e da súa casa, nin palabra.

Galiza nunha situación límite, as persoas asubiando as portas do Parlamento e Feijóo segue construíndo unha nova modalidade de política, a política ficción. Moi en consonancia cos tempos nos que vivimos. Tempos para guionizar a vida en espazos televisivos. Aí Feijóo gaña, na ficción da política. Na rúa a vida é distinta, non ten guión, escrébese a golpe de despidos e peches. De recortes e privatizacións. De perda de axudas e dereitos. A vida real non cabe nun titular. Así é que a Feijóo nin lle importa, nin lle interesa.