Que lonxe ficaron os debates de ideas, propostas ou modelos de vida. Todo iso é moi antigo. Agora movémonos entre o consumo de emocións rápidas e a construción de ficcións a modo de placebo dos feitos. Estas últimas non teñen por que que ser só as denominadas fake news. A maioría das noticias que escoitamos e lemos contribúen a crear máis a realidade que a ser reflexo da mesma. Que un presidente autoproclamado acabe sendo un modelo de cumprimento da lei e da estabilidade democrática é o dramático exemplo máis recente.

Son tempos sen ética ou dunha ética tan precaria que o propio nome tamén ficou doutro século. Son as vísceras, o emotivismo televisivo, os likes no Intagram ou quen máis berre nun faladoiro o que hoxe move as persoas. Todo é espectáculo. Supoño que nós tamén. Desprestixiar e eliminar a ética foi unha nefasta idea. Aprender a ter un xuízo moral pode que non interese, pero é ben máis difícil de adquirir que outros contidos que acumulan horas nas escolas. Estamos tan acostumadas a invocar a empatía como solución que non reparamos na necesidade de pensar os criterios sobre a xustiza ou o benestar. Poñerse no lugar da outra ou o outro é un recurso necesario na aprendizaxe, non un fin en si mesmo. Para min a finalidade debe ser poder universalizar algún rudimento de argumentación que nos permita distinguir entre democracia e golpe de estado, liberdade e submisión ou as accións xustas e as que non o son.

Se permitimos que se nos furte a posibilidade de poder discernir entre os feitos morais, as consecuencias políticas serán inmediatas. Esa especie de consentimento xeneralizado que asume que todos os valores gozan do mesmo estatuto deixa vía libre aos totalitarismos.

Estaba en Málaga, participando no II Festival de Filosofía, cando se rescatou o corpo sen vida de Julen. As imaxes, os comentarios, as hipóteses previas só contribuíron a aumentar o morbo mediático. A nada máis. Aínda que non faltaron voces críticas estou certa de que podería repetirse mañá mesmo. Mais como dicía, estaba en Málaga para falar de Filosofía e non puiden deixar de sorprenderme ao ver tantas mozas e mozos que ficaron fóra das salas. Non daba crédito ao ver máis de duascentas persoas facendo cola unha hora antes de comezar as mesas de debate. O contraste entre a banalización das ideas e o crecente interese da mocidade por pensar outra sociedade, ou por entender esta que lles tocou, tívome cavilando toda a fin de semana. Ante a vontade do neoliberalismo de precarizalo todo; traballo precario, ocio precario, vida precaria... asistimos ao rexurdir da poesía e o pensamento. Vou ser antiga, aposto que tamén da Ética.