Este artigo non vai sobre que deberían ter decidido as CUP desde a miña opinión de nacionalista galega.

Este artigo non vai sobre que deberían ter decidido as CUP desde a miña opinión de nacionalista galega. Nin sobre os futuríbeis gobernos ou desgobernos estatais. Nin tampouco do obrigado e importante proceso que debemos emprender no nacionalismo galego logo dos máis que malos resultados do 20D que coñezo en primeira persoa.

Este artigo vai sobre o estado que me invade neste inicio de ano ao comprobar, unha vez máis, que vivo nunha sociedade incapaz de asumir a presenza das mulleres na vida pública. Digo pública porque xusto aí quero situar o zoom analítico sobre os comentarios en contra e a favor das mulleres das CUP. De novo unha decisión política que nada ten que ver coa sexualidade, aparencia física ou capacidades intelectuais das mulleres convértese no motivo que nos recorda que estamos en política de prestado. Ocupamos un espazo que non nos pertence. Se algunha muller pensa que isto non vai con ela, humildemente penso que se trabuca. Isto vai con todas.

Conseguimos introducir cotas e porcentaxes nas organizacións políticas, nas listas electorais e nas institucións que a volta de dúas décadas convertéronnos en números que borran os nosos nomes e apelidos. Conseguimos incluír palabras como xénero ou igualdade nunha boa parte da lexislación e as administracións públicas mais seguemos pendentes dalgo fundamental, o recoñecemento como grupo. O individual, como ben sabemos, non transforma. Sempre houbo raíñas e demais mulleres significadas mais, aínda que poidamos asumir que en algo poida axudar, ese non é o camiño.

Cousificar as mulleres, criticar o seu físico ou cuestionar a sexualidade normativizada é un aviso a navegantes. Algo así como un: “até aquí chicas!”

O grupo dos iguais masculinos desde a absoluta discrepancia política é quen de recoñecerse, así funcionan os homes en política. As descualificacións ou incluso os insultos, que nada teñen que ver coa política mais que tanto se estilan na súa realización práctica e cotiá, son ben diferentes e con implicacións ben distintas cando se refiren a homes ou mulleres na esfera pública. Cousificar as mulleres, criticar o seu físico ou cuestionar a sexualidade normativizada é un aviso a navegantes. Algo así como un: “até aquí chicas!”.

Escribo porque desexo compartir este estado que transita entre a rabia e o recoñecemento de que debemos seguir a traballar todos os días por levar as nosas ideas á política, defendelas e obviar comentarios, insultos, menosprezos, paternalismos e demais estratexias dos que denominándose demócratas esquecen que recoñecer ao Outra/Outro como suxeito é o primeiro paso. Algo que por certo non llo debemos a ningún grego clásico, nin pensador nin político, senón ao labor incesante de miles de mulleres que demostraron que transformar a sociedade e rachar co destino escrito depende de nós mesmas.

Aplaudo as mulleres das CUP, comparta ou non as súas ideas, e rescato desta polémica a posibilidade que nos brinda para poder enfocar o moito por facer como mulleres en política para recoñecérmonos na mesma discrepancia das nosas ideas.