Transitar do Eu ao Nós: Construir barcos

Carme Adán - Profesora de Filosofía.


Camiñaba o pasado domingo polas rúas de Ferrol, baixo as consignas en defensa do sector naval galego, cando as palabras baleiras que adoito escoitar no Parlamento sobre o  “Know How” asaltáronme o pensamento. 

Camiñaba o pasado domingo polas rúas de Ferrol, baixo as consignas en defensa do sector naval galego, cando as palabras baleiras que adoito escoitar no Parlamento sobre o  “Know How” asaltáronme o pensamento. Cos ollos postos na pintura branca esconchada das galerías e a madeira carcomida pola desesperación que se oculta tras dela lembraba as horas de debates sobre a Industria 4.0 e outros delirios semánticos aos que adoito asistir.

"Galiza é unha das comunidades que menos porcentaxe do seu PIB dedica á I+D+i, tendo decrecido desde o 1,04 por cento do 2008 até o 0,87".

É difícil explicar que ocorre en Galiza coa súa industria. Máis en concreto coa industria naval. Nun mundo onde a construción de barcos aumenta, onde a tecnoloxía asociada á mesma é cada vez maior, pregúntome como é posíbel que se desperdicie todo o noso “saber facer” e se deixe esmorecer o sector. En trinta anos en Ferrol perdéronse máis do 75% dos empregos vencellados aos estaleiros públicos, pasando de 20.000 a escasamente 3.000. Outro tanto ten ocorrido nos estaleiros privados de Vigo, con datos moi semellantes. Só esta cifra é clarificadora da situación. Así que se afondamos no que levamos perdido do tan cacarexado “Know How”, non existe xustificación para facer do noso futuro industrial un problema político central.

En primeiro lugar, porque a industria relacionada coa navegación é punteira en I+D+i  no mundo. Sen embargo, Galiza en seis anos pasou a estar na cola das comunidades do Estado en todos os parámetros que miden o noso nivel de compromiso coa Innovación, de pouco serviron unha Lei de Innovación ou a creación dunha Axencia de Innovación se non se poñen os orzamentos e a planificación necesaria. Só un dato, Galiza é unha das comunidades que menos porcentaxe do seu PIB dedica á I+D+i, tendo decrecido desde o 1,04 por cento do 2008 até o 0,87 por cento actual. 
Velaí un eido, o naval, onde a administración galega debería poñer todo o seu compromiso na investigación e a súa transferencia a través da innovación e o camiño que segue é o contrario. De feito, o único que podemos resaltar nos últimos anos é o agasallo da tecnoloxía punteira do estaleiro Barreras a PEMEX. Non hai mellor mostra do que significa vender o país. 

"De nada serve que Feijóo fale de turismo industrial en Ferrol para diversificar a actividade porque o que está en xogo é se queremos ter industria naval ou non".

En segundo lugar, porque unha parte importante de todas as empresas auxiliares ou pecharon ou pagan unha miseria aos seus traballadores. Así que a maioría destes emigraron a outros países e toda a súa formación con eles. Aqueles que resisten cobran soldos de 600 euros e son obrigados a abandonar os convenios colectivos. 

O sector naval en Ferrol vive unha reconversión continua desde os anos 80, un veto explícito de Bruxelas que supostamente rematou para deixar paso a un veto encuberto que ten baleiras unhas das mellores instalacións de Europa para a construción naval. Para min é un exemplo da necesidade de revisar as prioridades galegas a respecto da nosa industria e exercer competencias como goberno galego. De nada serve que Feijóo fale de turismo industrial en Ferrol para diversificar a actividade porque o que está en xogo é se queremos ter industria naval ou non. O resto son anuncios en campaña e retórica parlamentar.