Hai seis meses, a xente construíu nas urnas a maioría electoral que comezamos a pór en pé o 15 de maio do 2011. Para lograr esa maioría foi preciso o esforzo de millóns de persoas durante máis de oito anos. A pesar disto, ao longo do verán vimos como isto non pasaba, como as negociacións se facían a través de comunicados en prensa ou declaracións ante os medios e como, finalmente, se convocaban eleccións de novo.

Nesa situación moitas de nós sentíamonos indignadas. Non podía ser que despois de tantos anos traballando por construír esa maioría parlamentaria. Despois de sacar o goberno de Rajoy da Moncloa. Despois de ter chegado ao maior pacto programático posible: os Orzamentos Xerais do Estado. Despois de tanto esforzo da sociedade civil organizada para lograr cambios. Despois dunha mobilización histórica o día das eleccións. Despois de todo isto, cando os números daban, non se chegase a un acordo por cuestións de reparto de ministerios.

Eses días moitos sentíamos que non tiñamos a quen votar e outros pensaban directamente en absterse o día 10 de novembro. Sentíanse insultados, que ningún partido os representaba, que xogaran con eles. Nese momento era preciso dar un paso á fronte e así o fixemos. Nacemos para representar os indignados do 2019 que non queren que o seu voto sirva para bloquear porque non podemos aturar que a irresponsabilidade e o tacticismo nos leven a unhas eleccións tras outras.

Despois do debate deste luns vimos que a situación despois do 10N as posturas dos candidatos van ser as mesmas, por iso é preciso votar distinto. Nós imos ser quen de facer que uns asuman á responsabilidade que lles toca e outros que sexan realmente socialistas.

Unha vez dixéronme que había dúas clases de persoas: as que querían amañar a situación e as que queren ter razón. En Máis País-EQUO queremos amañar a situación porque sabemos que hai problemas que non poden agardar nin un minuto máis a solucionarse. A creación dunha oficina anticorrupción sanitaria, un novo pacto social pola dignidade do traballo autónomo, asalariado e das PEMES, un plan integral de acompañamento á industria e impulso á transición ás prácticas industriais da economía circular que planifiquen e aborden os grandes fitos da industria galega na próxima década: Central Térmica de As Pontes de García Rodríguez, Alcoa ou Estaleiros Barreras, entre outros, a promoción dunha Axencia do Hidróxeno centrada na investigación e promoción do hidróxeno como impulsor do cambio da motorización do transporte terrestre e naval, son algunhas das medidas urxentes que non poden agardar en Galicia.

O día 10 de novembro, este domingo, xogámonos moito. Xogámonos retroceder 50 anos ou volver a un bloqueo. Por isto mesmo pido o voto para Máis País, para que a partir do día 11 se traballe, de verdade, con responsabilidade, con modestia e con lealdade ao país na conformación dun Goberno progresista.