Non sei se me pasa a min soa, aínda que sospeito que non. Non penso eu de min mesma que sexa moi extraterrestre, fóra de pequeñas veleidades extravagantes tal e como ser muller traballadora e remunerada e falar galego na Galiza, polo que teño a íntima (medio…)certeza de que tamén nisto vou atopar quen me entenda, fóra dos que teño na casa. E é que non podo co fútbol! Gústanme os deportes, gústame estar en forma, incluso me gusta o ximnasio. De nova practiquei baloncesto (cando dixen de nova tedes que ler ‘no colexio’) e fun varios anos socia do Breogán, o veterano clube lucense. Estou relativamente ao corrente das evolucións do tenis e, ben que nunca o practiquei, si me gusta se teño vagar seguir algunha competición pola tele. Mesmo non teño demasiado problema en meter no saco deportivo á Fórmula 1, aínda que me pareza tediosa, ruidosa e pesarosa (este último adxectivo interpretádeo como unha exaxeración provocada por buscar a rima simpática, que tampouco é para tanto…). Pero é que o do fútbol… supérame! Recoñezo que nunca lle dei moitas oportunidades, porque sempre me pesou máis o que me aborrecen os seus arredores que a propia práctica en si mesma.  Non aturo a pseudoinformación abafante que tanto se regodea en que tal ou cal xogador, sempre do Madrid, algunha que outra vez do Barça, dixo que pensaba que se cadra aquel día o outro dixera que o árbitro fixera o que alguén sospeitou que algunha vez pasaría. Ben que podo esquivala, a información, non me costa moito non ler as páxinas do xornal a ela consagrada, ou deixar de ver calquera que sexa o telexornal cando comezan a falar da liga, ou non escoitar a radio cando as retransmisións dos partidos inundan o dial. Non é moi traballoso. Mais é imposíbel non substraerse ao ambiente alienante que todo o rodea e que entontece máis que ennobrece, penso modestamente. Hai, non o podo negar, algo admirábel: a pericia que teñen moitos dos que falan para concatenar un tópico tras doutro sen lles dar un ataque de risa, desde logo que é unha habilidade como outra calquera, xa que son once contra once, unhas veces gañan e outras perden, é o que di o míster, o fútbol é así (e todo isto tamén é un tópico, claro). Se se trata de enaltecer os valores que acompañan a toda práctica deportiva está nas completas antípodas. Mesmo nos máis novos xogadores se comproba moi fácilmente que se procura  a sublimación da competitividade, afastando a todo aquel que busca só divertirse e non convertirse nun próximo estrela(do). Estrela(do) que logo se convertirá nunha imaxe e referente para xeracións grazas á súa superficialidade, fachenda e case que completa ignorancia. En fin, semella que a esperanza está perdida, todo o fútbol está ocupado… Todo? Non! Unha parcela poboada por irreductíbeis xogadoras resiste aínda e por sempre ao invasor. As xogadoras! As futbolistas! Semella seren elas hoxe as únicas nas que priman ante todo os valores deportivos, as que xogan por xogar, por se divertir, por competir, gañar e perder, por se divertiren. Desde logo que non por buscaren chegar ao ceo dos galácticos, quen queiran que sexan, posto que elas, claro, non poden nunca aspirar a ser raíñas nun mundo de reis. 



x