O masacre que acaba de ter lugar en París o pasado día, venres 13, suxire algunhas consideracións. 

 

O masacre que acaba de ter lugar en París o pasado día, venres 13, suxire algunhas consideracións. 

1.- Parece evidente que, se cadra, haxa que revisar, repensar ou redefinir o concepto de atentados terroristas. O acontecido na capital do Sena, representa, pola súa organización, precisión, sincronización e fatal e tráxica eficacia, un salto cualitativo neste tipo de accións; salto cualitativo que parece identificalas con  accións de guerra  de  practicas e tácticas de  guerrilla urbana. 

2.- Os  individuos que protagonizaron estes tráxicos feitos e as mortes indiscriminadas que provocaron, respostan a un plano que, ao meu ver, pretende estender o campo de batalla, encapsulado ata o venres 13 en Libia, Iraq ou Siria e levalo a París e ao corazón de Europa. A mensaxe semella clara. A distancia xeográfica dos escenarios das guerras de intervención militar que, en determinados estados árabes, sosteñen de forma constante, inmisericorde e despiadada os estados membros da autochamada ”comunidade internacional”, xa non  representan nin son espazos físicos que permitan manterse a salvo das consecuencias dos conflitos armados abertos na rexión.

O relato dominante que busca identificar este conflito como un combate entre un pretendido universo relixioso musulmán retrogrado e o  Occidente democrático e a Europa cristiá é falso e interesado

3.- O relato dominante que busca identificar este conflito como un combate armado entre un pretendido universo relixioso musulmán retrogrado e medievalizante fronte aos valores do  Occidente democrático e da Europa cristiá é falso e interesado, simplista e mistificador. A relixión musulmana ten perto de 1.100 millóns de seguidores dos que uns 430 millóns viven en Indonesia e Pakistán. Sabemos dalgún “acto terrorista” protagonizado por indonesios ou pakistanis ou, mesmo, planeado, financiado e apoiado desde estes estados? O conflito é, inequivocamente, un conflito  co mundo árabe e nace da posición de sometimento, ocupación e espolio colonial que contra el e as súas estruturas sociais, políticas, culturais e relixiosas levaron a cabo as potencias europeas xa dende a I Guerra Mundial e despois coa creación do estado de Israel no agromar da guerra fría.

4.- A apelación a unha maior escalada do intervencionismo militar tal como acaba de facer Francia que, cómpre non esquecer, multiplica por dez os ataques aéreos levados a cabo polos Estados Unidos en Siria, non semella unha boa estratexia de cara ao futuro. Un futuro para a rexión, sobre todo para Damasco,  que debe abordarse desde o espazo do dialogo e da política e da eliminación dos apoios económicos e armamentísticos que Francia, Gran Bretaña e os Estados  Unidos empregan para crear e soster “monstruos militarizados” como o chamado Estado Islámico ou similares. De non ser así, ningunha medida de seguridade, ningunha (Francia estaba en máxima alerta antiterrorista desde os atentados de Charlie Hebdo) poderá evitar que se repitan traxedias como a de París.



x