Convócanos este acto de celebración da Escritora na súa terra, para lle entregar a letra E á poeta Pilar Pallares.

É un acto de recoñecemento da súa obra poética e literaria, e da súa longa traxectoria cultural, tamén nas plataformas cívicas ou culturais nesta cidade e en toda a Galiza. É un acto de recoñecemento da súa obra solidaria coa súa terra e co seu tempo e cos que nela moramos.

Estamos neste lugar que é Ágora que chama por nós, que convoca. Estamos no lugar da Escritora na súa terra que cada escritor ou escritora elixe coma suma de xeografías persoais que levan a elixir un centro de gravidade dende

o que convocar outros lugares da propia biografía. Un lugar crisol de lugares e persoas queridas, portadoras de anacos dese tempo que ven da infancia e chega ate hoxe e que a poeta fai vivir nos seus poemas.

Convócanos pois, neste Ágora a palabra de Pilar, a palabra precisa na súa beleza, pois a súa é palabra creadora de afectos, palabra fundadora do poema, palabra de claridade Interior ao tempo que posuidora do fulgor que nos levan a coñecer

a alma humana. A palabra que creou e crea a súa obra e que abre en nós as portas ao coñecemento de todo aquilo que ela convoca na escrita e na vida.

Aproximarse á obra da nosa poeta homenaxeada é un acto fermoso ao tempo que rico e complexo, pois complexa e rica é a súa obra poética e esa outra obra, cun profundo e insubornable contido ético, que vai tecendo social e culturalmente Pilar Pallares, na súa relación cos que dun xeito ou doutro, persoal ou colectiva-mente, forman parte da súa vida no seu transcorrer nesta terra e no seu tempo.

A súa obra ten raíces que coinciden coas desta terra que afunden na noite do tempo, dinos Francine Sucarrat no limiar ao seu primeiro libro de poemas no ano 1980. Son moitos os camiños culturais e sociais que transitou e transita a nosa poeta ( foi membro do Consello directivo da Aelg cando era presidido polo poeta Antón Avilés de Taramancos e era Vicepresidenta María do Carme Krukenberg) e diversos son os labores nos que realizar o ser coas súas incandescentes sombras.

Celebrámola no ensino, celebramos a que foi a súa traxectoria profesional como ensinante de lingua e literatura galega e non só. Sempre foi importante para Pilar Pallares a súa relación cos alumnos e alumnas nas aulas e posteriormente fora delas. A súa capacidade de comunicación co evoluir do tempo da mao dos mais novos, sempre lle deu a capacidade de ler os seus soños á luz do presente e a súa secreta floración do tempo.

A súa obra tamén forma parte da construción dunha sociedade galega dona do seu futuro que teña capacidade para se autodeterminar.

Ao tempo, dialoga co propio ser que busca coma poeta as certezas non visiveis na incerta realidade do visíbel, doloroso, tantas veces tanto.

No centro das preocupacións humanas e sociais sempre estivo a defensa dos socialmente máis vulnerábeis, mulleres e homes desta terra e non só, tamén dos homes e mulleres que teñen a nosa terra como fogar, dos que a nosa terra fai seus como terra tamén acolledora. O que nos fai lembrar que son moitos os fillos e fillas de noso que andan polo mundo expulsados do arrimo desta a súa terra da súa xente.

Este é tamén un acto de celebración da amizade como ben prezado que ela, coma no verso oriental fai certo que, "a amizade é un camiño onde non debe medrar a herba". A amizade que ela valora coma un ben, pois o fraterno abrazo axuda a navegar os propios enigmas dende a palabra amiga. Nunha amizade na que sempre hai algo de mutuo aprendizaxe, de mutuas reflexións, do común diálogo sempre na raíz do ser. Esa amizade que a min hoxe me pon pudor á hora de falar sen exceder a discreción con que Pilar vive os seus días, as súas ledicias e as súas dores, cando a vida é rio estreito, en sombra, e no ceo aínda non saíron as estrelas.

A quen lles fala, permitídeme, Pilar tenlle axudado a descubrir unha outra masculinidade pois o feminismo de Pilar na súa radical verdade é clarificadora na súa humana profundeza, é esperanza liberadora, tamén para os homes, é transformadora e faime convocar canda ela a Luísa Villalta . Creo que o verso liberador de Xoana Torres eu tamén navegar, forma parte consubstancial da súa biografía existencial.

Atreveríame a me achegar aos territorios sempre inexplorados da creación tan próximos á vida e que para toda poeta son misterio. A vida que coma a maré deixa as crebas nos areais e é materia para a creación. E, creo, que Pilar como ela xa ten escrito hai mais de trinta e cinco anos “poesía e vida son dúas voces que se acompañan e apoian, nun interminábel dúo de raiva e de amor” Con ela van da mao, nun diálogo fértil nunca acabado, a poesía e a vida.

A vida e a obra de Pilar Pallares, os poemas de Pilar son verdade e teñen as asas transparentes da libeliña capaces de soster a eternidade da palabra poética.

Así vexo a súa obra non so a poética: Ser poeta como unha maneira de ser e estar no mundo. Ser poeta como nos pide Marguerite Yourcenaur:darlle á súa poesía toda a verdade que hai na súa vida. Só entrando á súa obra para, na súa verdade a coñecer, é posíbel entrar á revelación do poético. Esa verdade que como di o verso do querido e admirado Manuel María nace cando Cada un vai arando en si todos os días para atopar só unha terra cativa.

A obra de Pilar é acrisolada experiencia poética, a un tempo que é o froito da soidade intransferible na que todo toda poeta fai arder a súa vida, aquela que deixa pegadas indelébeis do seu acontecer.

Permítanme unha aproximación a algún dos territorios físicos da súa biografía que, creo, teñen importancia na súa vida e que poden ser como almeiros dos que nace o poético, lugares que son conformadores de sosego na vida de a diario, ou de encontro, de relación social e que, creo, poden habitar no substrato máis fondo da súa poesía.

Son pequenos territorios que a cidade non ama e que habita a nosa Poeta cos seres que neles se acollen. Lugares onde reborda a luz e seguen a ter alma labrega nos que non ficou roto o cordón umbilical cos eidos das aldeas e vilas de onde viñeron os que hoxe viven os bairros da cidade. Pilar vive estes bordes interiores da cidade, lugares que aos ollos da xente hoxe están a ermo, mais son lugares cheos de vida nos que Pilar Pallares lles dá centralidade humana, polos seres que a habitan, os que vemos e os que non vemos porque son criaturas da noite

Son espazos que se vertebran coma espazo social onde se manteñen relacións de veciñanza. É a cidade dos humildados. Os humildados que a cidade nega. Pilar Pallares vive e busca nestes territorios, onde humanos e animais de humilde especie conviven e a cidade abandona e marxinaliza, mais que son lugares para a poeta nas que o solidario é o grande valor humano. Lugares dos que nos falara nos oitenta, no seu libro A cidade do capital, Marino Foli que nos dicía

"A xente quere reconocerse na identidade do lugar onde vive"

Outros, os lugares que conforman a biografía de toda persoa, especialmente o fogar da infancia,. Sempre nos acompañará aínda que non exista xa fisicamente. No caso de Pilar, a casa , o fogar que foi, vive na memoria dos que a coñecemos. Vive nos poemas de Pilar que a conteñen coma un tempo que ficou parado no sen tempo.

Pilar busca coma poeta tamén nos lindes do ser humano, do radicalmente humano onde o poema con leve mao abre-se paso ao centro imposíbel de desvendar.

Pilar Pallares como moitos e moitas de vos sodes coñecedoras, é dunha grande humanidade mais non é nada antropocéntrica. A súa relación cos seres vivos ten todos os irisados matices do arco da vella. Con eles busca as pegadas ocultas do tempo na súa densidade, pois todo leva a camiñar os inescrutábeis camiños interiores do que alenta de vida, alí onde se crea o poema.

As poéticas de Pilar van abrindo-se, diversas coma gallas dun delta para sumar as súas augas en ritmos espirais, para así crear os lugares íntimos do pensamento. A súa biografía poética é unha coa suma das súas poéticas que dan a rica complexidade da túa obra.

É filla dunha terra e dun tempo, mais camiña adiantada a el. E nela é cidadá do país

da intelixencia, da cálida, da poética intelixencia. Valora intelectual e emocionalmente, coñecer ao outro ao diferente ao radicalmente outro. Ten a capacidade de se achegar a outras culturas para fazê-las propias coas súas fondas simboloxías. Como exemplo, a cultura africana, non para transitar a forma, senón para habita-la, para ser nela o humano que busca no descoñecido e abisal. A nudez, a desposesión, o desexo, na súa poesía vai á busca da raíz que atopa mesmo na mais antiga mornura de outras culturas que fai raíz tamén nosa.

Lendo a Pilar entrando para ser vulnerado pola poesía de Pilar Pallares, podemos achegarnos á afirmación de Gamoneda de que a poesía non é literatura: é unha outra cousa que busca outra alta esperanza para o ser humano, neste tempo de deserción do humano.

Querida Pilar, és capaz de nos apreixar no teu sentir e asi levasnos a misterios que habitan a tua poesía. Levasnos a nos desvendar o descoñecido de nós, abres a porta aos nosos propios segredos. Levasnos querida Pilar con leve mao ao noso centro imposibel de alumar, só co poema.

Ao nos dar de nós o que non sabemos nomear, dasnos arrecendos de nós nunca escoitados.

Bicos e xasmíns para ti.

Texto lido na entrega da letra E a Pilar Pallares