Vimos a tan fermoso lugar gardados pola ría, dende onde asistir ao soño dos séculos de amor e de amigo da Illa de San Simón á súa memoria dorida, acollidos pola Serra de Domaio, para celebrar ao poeta na súa Terra, para lle entregar o E de escritor en recoñecemento 

Vimos a tan fermoso lugar gardados pola ría, dende onde asistir ao soño dos séculos de amor e de amigo da Illa de San Simón á súa memoria dorida, acollidos pola Serra de Domaio, para celebrar ao poeta na súa Terra, para lle entregar o E de escritor en recoñecemento 

Ainda que As Travesas e as praias de Coruxo son os espazos da nenez do poeta Xosé María Alvarez Cacamo, é este lugar  de Vilaboa - Vilar que o poeta elixe coma ancoradoiro como lugar de firme raíz onde vivir o tempo no seu nacer e o seu devalo. 

"Sempre digo que a nación é algo que se funda día a día. Xose Maria Alvarez Blazquez foi un fundador da nación. O home que, en palabras do noso poeta homenaxeado, o seu fillo, tiña" un corazón redondo xusto no centro do peito"

Non é unha escolla menor elixir o lugar no que acrisolar a intima substancia do tempo, no que construír un novo territorio interior. Aquel que sempre nace da mirada ao máis próximo, en amada compaña de seres queridos que nos nacen a nós, de veciños de porta, de amigos e amigas vidos da nación que hoxe nos acompañan.

Crease así un novo lugar incorpóreo que é suma e tece e cose xeografías intimas do poeta que viven nos seus poemas. 

A  primeira vez que souben de Xosé María Alvarez Cacamo foi na Coruña, invitaramos dende a A.C. Alexandre Boveda, que eu presidia, ao seu pai Xosé María Alvarez Blazquez a impartir unha conferencia sobre os cancioneiros. Na entrañable conversa posterior falamos sobre a busca dunha normativa para o noso idioma, e o necesario acordo, mesmo no ámbito familiar para poder ter os xantares familiares co necesario sosego na conversa. 

Co tempo puiden lle achegar un exemplar  dun libro seu sobre Alexandre Bóveda que foi censurado , ao non ser distribuído pola entidade editora do libro. Era o comezo dos años oitenta.

Esta, para min, querida lembranza permíteme convocar hoxe aquí a un home dos bos e xenerosos que nun tempo de extenuada luz, de inertes sombras sementou nesta Terra, albor de mañá clara. Hoxe moitos de nós somos dalgunha maneira, fillos da súa esperanza, de que el acreditara nesta terra, de que non fose derrotado pola desesperanza.

"Xosé María Avarez Cáccamo é figura referencial neste ecosistema xeracional chamado dos oitenta"

Sempre digo que a nación é algo que se funda día a día. Xose Maria Alvarez Blazquez foi un fundador da nación. O home que, en palabras do noso poeta homenaxeado, o seu fillo, tiña" un corazón redondo xusto no centro do peito “. 
Convocoo hoxe  en gratitude, por ter  habitado da palabra poética aquel neno, aquel " onte pequeno corazón  mentres xogaba  coa nai no inverno." do poeta que medrou e hoxe, aquí, celebramos. Quizais non moi distinto de aquel de entón. 

Porque, e volvo beber, unha vez máis, das mesmas augas claras de Angel Valente  que nos dí: a infancia é ese tempo longo e interminábel  que máis tarde descubrimos  que representa toda a duración da nosa vida 

Ainda que sabemos que é mais que dubidosa a existencia das xeracións, si existe, creo, un tempo xeracional no que o poeta constrúe a súa obra. Xosé María Avarez Cáccamo é figura referencial neste ecosistema xeracional chamado dos oitenta, onde se desenvolven as mais diversas poéticas dos mais diversos autores, mesmo onde cada autor ten varias poéticas ao longo da súa vida, que se superpoñen e sedimentan en capas que anuncian outras.  

Concordo na definición dos oitenta que fai Arturo Casas cando dentro desa misión colectiva ( xeracional) de ampliar(mos) entre todos a casa da linguaxe, analiza brillantemente a obra  de Xose María Alvarez Cácamo  autonomía da palabra poética, aparente perda da inmediatez socialhistórica (que non ideolóxica) do discurso lírico, escaso ton comunicacional. Entre outros.

Con estes e outros instrumentos poéticos o noso poeta ao longo da súa biografía vital quixo que a palabra, rigorosa na forma, durara e dese resposta a cada tempo. A palabra poética coma ferramenta de intimo coñecemento, de busca interior. Máis tamén de coñecemento do ser colectivo que somos os Galegos pois sabemos que a nosa experiencia persoal ao escribir  os poemas é a experiencia de moitas xeracións  que nos precederon.

 "O noso poeta ao longo da súa biografía vital quixo que a palabra, rigorosa na forma, durara e dese resposta a cada tempo".

O ser humano, di Auden, é un ser xerador de historia e de cultura. Tamén o noso poeta, aínda que, necesariamente, non sempre o tempo da historia sexa o tempo do poeta. 

O poeta é un loitador, decíanos o sempre admirado Anton Avilés de Taramancos. Se ben se crea en soidade, é preciso exercer a intervención en colectividade, dinos o noso poeta, dinos que hoxe camiña o benquerido Antón  descalzo sen se mancar esta patria altiva. 

Se lemos nos días que foron deixando pegada no seu persoal e xa extenso e intenso calendario perpetuo, ollaremos que, ademais do seu labor poético, está o seu labor cívico cultural nas plataformas literarias e culturais. 

Integrou a equipa directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega e mesmo coincidimos no consello directivo entre os anos oitenta e dous e oitenta e cinco.

A AELG de hoxe está asentada na memoria daquel tempo, cumprindo as novas necesidades das escritoras e escritores da sociedade GALEGA deste tempo.

Un tempo no que a palabra está mais vencellada á publicidade que á busca da verdade, e se fai necesaria a palabra enunciadora do poeta. 

Cando nas diversas e sucesivas encrucilladas literarias e vitais que nos ofrece o presente, en soidade, lemos a Xose María Álvarez Cacamo, de palabra delicadamente firme na forma, coa fonda raíz ancorada, significa que estamos a elixir entrar libremente ao camiño concreto da busca de aquilo que permanece. 

"“Soñar é ter memoria” tennos dito o poeta. Debémosllo ás xeracións futuras. Debémosllo ao Vilar dos fillos, así eles han herdar de nós a esperanza que nós herdamos da xeración de Xosé María Alvarez Blazquez, pois eles han crear o tempo de cristal dos días futuros".                                   

Cada libro do noso poeta abre en nós lugares do ser, habitados dunha esencia máis alta.

Cando se tenta que as nacións, tamén a nosa, sexan unha marca e non unha cultura, a palabra do noso poeta toma toda a súa necesaria dimensión para que non nos posúa  a indiferenza ante a mentira, é dicir, ante a manipulación.

Nunca foron bos tempos para a poesía, diríase que sempre tivo esa necesaria conflitividade na relación do home coa súa contemporaneidade,  quizais porque a poesía é cuestionadora de toda certeza, nun tempo cada máis vez reacio a recoñecer o valor da palabra. 

Son os sinais da noite, dos que nos alerta o poeta. 

Nun tempo da cultura da mirada mais que non sempre ten a calidade da interrogación. Nun tempo de apagamento da cultura da palabra que, entre outras variabeis, que non nos permiten vivir en Galego na propia terra e determinan o progresivo desuso do noso idioma, faise máis e mais necesaria a vivencia do noso poeta que constrúe sólidas arquitecturas de cinza, cunha calidade e delicada calideza na utilización da nosa lingua que debulla con voz de Mestre as materias do espello as escritas das aves.

Concordo con Argullol, en que se ten deixado de relacionar a nosa liberdade persoal con aquela busca da verdade, o ben e a beleza que caracterizaba a liberdade humanista ilustrada. Diante disto a poesía do noso poeta trae as pulsacións intimas do ser  en cuxo fondo haxamos a verdade e a beleza en intimo abrazo que nos levan a reflexionar ate que punto o noso destino persoal está vencellado ao destino desta Terra deste pobo de noso.
    
Neste tempo de institucional ignorancia auto-satisfeita, sexa sobre o noso presente ou sobre o noso dorido e explendente pasado como nación, é preciso ler nos cadernos da ira, ler na consciencia do poeta a conciencia de ser dunha Terra e dun tempo que non dá a esquecemento as súas feridas no corpo colectivo. 

“Soñar é ter memoria” tennos dito o poeta. Debémosllo ás xeracións futuras. Debémosllo ao Vilar dos fillos, así eles han herdar de nós a esperanza que nós herdamos da xeración de Xosé María Alvarez Blazquez, pois eles han crear o tempo de cristal dos días futuros.                                   

Mentres, en versos do noso poeta homenaxeado, aos seus fillos, eles / cos labios fronte ao vento e a terra lentamente/ suben vida arriba e, nós, con eles, estamos a soñar a luz futura desta terra, a floración do mundo.
Parabéns querido poeta amigo.  

Discurso pronunciado en Vilaboa na homenaxe "O Escritor na súa terra" que a AELG tributou o 6 de xuño ao escritor Xosé Mª Álvarez Cáccamo.