A cidadanía é a condición de intervir na política, como xa apuntei noutro lugar. Aos inmigrantes diferéncianos dos cidadáns o feito de non termos direitos políticos plenos, malia vivir na cidade, participar da súa vida, social e económica, responder coma calquera dos deberes, malia que pagamos o IVE cando compramos comida ou un móbil, pagamos o IRPF, pagamos un alugueiro, a taxa da auga, a do lixo, a da luz, pagamos o imposto de matriculación e a ITV, cumprimos como calquera outro cidadán na vida económica e contribuímos á social desde as nosas raíces culturais. Temos vida social e económica, si; pero non temos (a maioría) vida política. Pasa cos senegaleses, con todos os africanos en xeral e con moitos doutros países de fóra da UE.

Por que nos chamades estranxeiros se vivimos aquí dez ou once meses do ano? Por que seguimos tendo tantos atrancos para conseguir dereitos políticos, a nacionalidade, por exemplo, que nos leva doce ou trece anos… con sorte? Por que as leis non nos deixan votar nin presentarnos sequera a unhas eleccións municipais?

A min sucedeume. E volveríame a suceder hoxe se mañá houbera eleccións e me volveran chamar para ir nunha lista e darlle iso que din visibilidade aos nosos problemas. Por que pasa todo isto cando de cada 100 euros que conseguimos ingresar, uns 70 quedan aquí en gastos de comida, alugueiro, impostos, vivir…?

Por que nos chamades estranxeiros se vivimos aquí dez ou once meses do ano?

Non hai eleccións mañá. Pero volvo falar de todo isto porque sei que en Catalunya botou andar unha plataforma para reclamar os dereitos políticos dos inmigrantes sen nacionalidade. Breogán Valcárcel, un galego que vive e traballa nesa plataforma, referiuse ao caso de Djiby e o meu hai case tres anos. E anima a todos os partidos a que presenten inmigrantes que carecen de dereitos electorais nas próximas municipais.

Hoxe, en países que se din avanzados, é inexplicábel esta discriminación cos inmigrantes. Por iso pido desde aquí que o Estado español, en todos os seus niveis, reflexione e actúe para concedernos estes dereitos de voto.

Pido a quen lle corresponda que considere seriamente conceder estes dereitos electorais a todos os inmigrantes con permiso de residencia permanente que cumpren cos seus deberes económicos e sociais nas cidades e vilas de todo o país e do Estado. 

Por que pasa todo isto cando de cada 100 euros que conseguimos ingresar, uns 70 quedan aquí en gastos de comida, alugueiro, impostos, vivir…?

 

Xa sabedes que teño paciencia, e levo máis de dous anos esperando que resolvan o trámite da nacionalidade. Pero sabedes que paciencia non é sentarse a esperar. A vía da participación política a través da nacionalidade está ben, é xusta. Pero non é suficiente.

Mesmo que aquí se tramitaran de modo máis áxil as nacionalizacións, tampouco sería suficiente, porque moitos temos que esperar dez anos antes de iniciar os trámites. Pasa cos africanos (excepto cos de Guinea Ecuatorial e Cabo Verde).

E tampouco sería suficiente con recortar o prazo. Abriríase outro debate: que pasa se che dan a nacionalidade, pero non che axudan coas competencias básicas para exercela plena e conscientemente? En Holanda, por exemplo, son moi estritos cos permisos, pero non se dedican a poñer máis obstáculos dos que xa temos os inmigrantes. Alá, cóntanme, hai que demostrar unhas competencias básicas no idioma e na cultura do Estado antes de acceder á residencia, paso previo á nacionalización.

Eu quero unha cidadanía plena. Reclámoa para min e para todos os estranxeiros que viven e traballan e fan parte deste país e deste Estado. Son cidadán, coma ti. Coma Breogán en Barcelona, e alédome moito da iniciativa Vot X Tothom. Empezamos a exercer a política mesmo antes de que nos concedan o permiso. Os cambios sempre viñeron así. Paciencia. Pero non se sentar.



x