Fixo moi ben a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) cando, mirando de esguello, deixou pasar o 30 aniversario da Lei de Normalización Lingüística. Non interesaba abrir un debate público sobre a situación do galego. Moito mellor lanzar desde a aparataxe institucional mensaxes adormecedores, pílulas homeopáticas que mantivesen o devalo do galego. As cadeiras de San Caetano xa estaban ocupadas por taxidermistas e momificadores.

Daquela, por exemplo, preferíase reprender a edición dun libro de texto polo delito de explicar que o artigo 5.1 do Estatuto di que "a lingua propia de Galicia é o galego". Xa sabemos que é precisamente iso o que di o artigo 5.1, pero o problema reside en que o seu contido colide coas accións gobernamentais. Por coherencia, fixo ben a SXPL en sustentar esa reprensión.

Cando pasaran 10 anos da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua (PXNL) o secretario xeral de política lingüística publicaba na prensa un artigo na prensa acusando de ir contra o Plan ao goberno que comezara a levar adiante algunhas das medidas máis importantes dese Plan. Fíxoo porque precisamente o goberno no que participaba ese secretario xeral era o que botou abaixo esas medidas, deixando o PXNL en auga de castañas. Por iso, para non quedar en evidencia, a SXPL fixo ben en non celebrar ese décimo aniversario. Tan ben, polo menos, como acaba de facer nestes días publicando unha unidade didáctica para (agora si!) conmemorar o 40 aniversario da Constitución Española, un texto no que, por certo, non aparece por ningures a lingua galega. 

Non interesaba abrir un debate público sobre a situación do galego. Moito mellor lanzar desde a aparataxe institucional mensaxes adormecedores, pílulas homeopáticas que mantivesen o devalo do galego

A pouco que repasemos estes 40 anos de historia veremos como en ningún momento se intentaron reverter os 40 anos anteriores de ditadura tamén lingüística. Acaso puido o pobo galego facer uso da súa lingua libremente en calquera circunstancia? Velaí que a Constitución cargue coa responsabilidade das pexas á liberdade do uso das linguas minorizadas. Desafortunadamente, non é este o único crime do que podemos acusala. A Carta Magna usouse para decretar a desigualdade entre o castelán, lingua protexida e con todos os dereitos, e a outra, a que nin se nomea, que fica desamparada e subordinada. 

A pouco que repasemos estes 40 anos de historia veremos como en ningún momento se intentaron reverter os 40 anos anteriores de ditadura tamén lingüística

Como os redactores da Lei de Normalización quixeron establecer unha pátina de igualdade entre galego e castelán proclamaron no seu artigo 1 que todos os galegos tiñan o deber de coñecer a lingua propia. Pouco tardou a engrenaxe uniformizadora do estado, vía o Tribunal Constitucional, en ditaminar a discriminación declarando que o deber de coñecemento do castelán, establecido no artigo 3 da Constitución non se predica do galego. En harmonía coas prohibicións e marxinacións á lingua galega, a SXPL festexa a Constitución. Por iso insistimos, que se o que se pretende é manter esa consistencia, a SXPL fai moi ben. Entrementres, seguiremos agardando a que algún día actúe mal. Ese día a nosa lingua recibiría, por fin, o primeiro impulso deste goberno.  



x