A sociedade ten claro que unha logopeda traballa con nenas e nenos en atención temperá pero restrinxe ese ámbito á idade escolar, obviando que a atención temperá comeza no momento do nacemento e esténdese ata os 6 anos. Centrándonos na etapa de 0 a 3 anos, é nese tempo no que se produce o desenvolvemento das estructuras e as funcións para que, na seguinte etapa, de 4 a 6 anos, se perfeccionen todas as competencias adquiridas. 

O papel da logopeda no servizo de atención temperá, será valorar os factores que están a influir no desenvolvemento da linguaxe e se é preciso, planificar o tratamento de estimulación a partir das características individuais de cada neno e o seu entorno. O entorno volve tornarse indispensable posto que, a pesar de que as dificultades de tipo cognitivo ou relacional serán máis difíciles de valorar no día a día polos proxenitores, as alteracións da linguaxe poden ser evidentes e poden darse conta de que o neno fala pouco ou con retraso en relación á súa idade.  

O peor que pode escoitar unha nai ou un pai nese momento é “xa falará”. Esa frase é un cliché que se usou durante moito tempo para restar importancia a esas alteracións que se vían dende o seo familiar ou na gardería ou escola infantil. Pola existencia desa frase, a intervención retrásase sen ter en conta que, canto máis tempo se retrase, existirán máis consecuencias negativas para o desenvolvemento integral da crianza. Por iso, diferentes profesionais que traten coa crianza, deben recordar non caer neses clichés: “non hai présa” e que “é algo madurativo” ou simplemente ese “xa falará”. Pensándoo  ben, se non anda ou  non come, móvese ceo e terra para que o consiga, non se deixa á deriva do tempo. Entón, por que coa fala e a linguaxe hai que esperar?  

  Nesta etapa (0- 3 anos),  unha crianza pode presentar alteracións que non lle permitan levar a cabo unha deglución adecuada e segura. Aparece entón a figura da “superlogopeda” que abordará a introducción dos alimentos dende a mellor perspectiva posible que faga que a crianza mellore na súa problemática.  Ademais, actuará sobre outras moitas máis problemáticas, non solo relacionadas coa deglución. A linguaxe e o seu desenvolvemento será a maior demanda desta etapa.  Nenos con pérdida auditiva en diferentes graos precisarán que se realice unha estimulación da linguaxe, ben para adquirir a lingua de signos, ben buscando a oralidade. As síndromes xenéticas como a trisomía do par 21 (síndrome de Down), o síndrome de Angelman ou o do X- fráxil, son patoloxías que tamén precisarán de atención temperá e da acción dunha logopeda.  

Obviando as particularidades de cada persoa, hai unha serie de fitos que toda crianza debe acadar, dentro dunhas idades cronolóxicas aproximadas. As investigacións recentes indican que o 64% dos pais e nais descoñecen os signos de alarma no desenvolvemento do seu fillo ou filla e o 57% non son conscientes de que,  sen unha detección e intervención temperá, os tratamentos son máis complexos, prolongados e, moi ao pesar do colectivo das logopedas, ao non estar en atención primaria nin en todas as unidades de atención temperá que existen, os tratamentos son máis costosos (Fonte: datos divulgados pola compañeira logopeda Iria Saavedra). 

De forma xeral, unha crianza de 0 a 12 meses, debería usar os sorrisos e os choros ante a interacción das persoas do entorno, miralas e seguilas coa mirada pola estancia e debería balbuciar e incluso dicir as primeiras palabras chegados os 12 meses. Entre os 12 meses e ata os 2 anos, debería comprender os enunciados das persoas que interaccionan con ela e comezar a unir varias palabras para formar estruturas lingüísticas máis complexas cunha intencionalidade comunicativa para, na franxa de idade dende os 2 e 3 anos, formar frases complexas que lle permitan comunicarse de forma efectiva con propios e estranos aínda que persista algunha alteración na articulación. Pode dicirse que unha crianza de 3 anos, ten que ser capaz de entender e facerse entender cunha conversa funcional sen a intervención dunha persoa adulta do seu entorno. Se este fitos non se cumpren, acudir a unha especialista colexiada é a mellor opción para que se faga a valoración precisa e as dificultades non condicionen nin o desenvolvemento, nin a interacción e a autoestima da crianza. Porque parece que somos descoñecidas pero as logopedas podemos marcar a diferenza na vida das persoas dende ben cativas. Como ben di a compañeira logopeda Almudena Valle Sastre, “pon unha logopeda na túa vida”.