Durante a carreira universitaria de logopedia estúdanse moitos termos referentes a patoloxías que trataremos na práctica, así como a súa sintomatoloxía e o seu diagnóstico e tratamento. Cos anos de traballo facémonos conscientes de que toda a teoría sobre esas patoloxías, non ten nada que ver coa realidade que despois se observa nxs cativxs que atendemos. Non porque a sintomatoloxía estivera errada, nin porque os métodos diagnósticos foran inadecuados senón porque se pasa moi facilmente do infra ao sobrediagnóstico. Este é o caso da dislexia, o TDAH (trastorno por déficit de atención con hiperactividade), a disortografía, a disgrafía e a discalculia. Ao longo da carreira profesional as logopedas podemos atopar pacientes que cargan sobre si a etiqueta do TDAH ou da dislexia sen ter rastro deles e outrxs etiquetadxs como “lacazáns” ou “preguiceirxs” sendo disléxicos, hiperactivos ou inatentos “de libro”.

Pero que son todos eses termos de dislexia, TDAH, disortografía, etc? Pois ben, comezando etimoloxicamente, o prefixo DYS- vén do grego “mal- con dificultade” polo que para coñecer os significados deses termos xa temos delimitado que será a dificultade nunha área determinada. No caso da dislexia, a dificultade estará principalmente na lectura; na disortografía, serán as reglas ortográficas as que darán problemas; na disgrafía, a dificultade estará no trazo das letras e na discalculia, nas operacións matemáticas. Será o TDAH o que se deba desglosar para saber o seu significado. Tratase dun trastorno por déficit de atención con ou sen hiperactividade, así será TDA, TDH ou TDAH en función de cal das áreas se vexa afectada.

Unha vez explicado de forma xeral o significado de cada termo, sería adecuado analizar a sintomatoloxía que caracteriza a cada un deles pero suporía un desglose de teoría que non é preciso para entender a importancia do diagnóstico correcto. Comezando coa dislexia, non debemos confundir DISLEXIA con ALEXIA nin con ALTERACIÓN NA APRENDIZAXE DA LECTOESCRITURA. Así, a ALEXIA sería a incapacidade total para a lectoescritura, habitual tras sufrir un ictus ou dano neurolóxico similar. Quizais sexa máis difícil delimitar a diferenza entre a dislexia e as alteracións na aprendizaxe da lectoescritura posto que implica “fiar máis fino”. Dende un punto de vista logopédico a dislexia non se diagnostica nunha crianza con 5- 6 anos, posto que non recibiu intervención sobre as dificultades que presenta nin ten afianzada a aprendizaxe da lectura e a escritura, nin ten definidas outras capacidades previas; sería unha alteración na aprendizaxe da lectoescritura sobre a que se debería intervir para axudar a que as dificultades non supoñan un atraso con respecto aos demais. No caso dunha crianza de 7-8 anos, que tras recibir intervención especializada durante alomenos 6 meses continúe con dificultades, poderiamos falar xa da dislexia. Se ademais, a crianza tivo alteracións na adquisición da linguaxe, é máis probable ainda que o diagnóstico final sexa a dislexia. Sen embargo, o máis habitual é que os pais cheguen xunto á logopeda cun diagnóstico de dislexia ou “posible” con menos idade. Debemos ser responsables na delimitación dos diagnósticos, xa que un ou outro pode condicionar a vida dunha persoa. De feito, eu considero que é moito mellor usar a expresión “impresión diagnóstica” de forma que da a apreciación de non ser algo pechado senón que pode mudar segundo evolucione a situación, levando tamén a menos ansiedade por parte das familias.

As outras alteracións (disortografía, disgrafía e discalculia) poden aparecer dende idades similares á dislexia ou observarse en persoas de máis idade que durante a súa aprendizaxe non foron correctamente diagnosticados e con esforzo foron superando dificultades máis xerais pero en áreas máis específicas, persisten alteracións que condicionan a calidade coa escriben, a utilización que fan das normas ortográfica ou que condicionan a nivel de cálculo e razoamento matermático.

No caso do TDAH, houbo unha tempada atrás que case todas as crianzas que eran un pouco máis movidas ou tiñan un pouco máis de dificultade para centrarse nunha actividade, eran diagnosticadas de TDA ou TDAH ou TDH e o peor de todo, medicadas. É importante reseñar que este trastorno, ten unha boa resposta cando se medica mais como refería antes no uso dos termos, para medicar unha persoa por un trastorno como o TDAH, hai que “fiar máis fino” aínda. Ten que ser confirmado e descartadas outras causas desas alteracións na atención antes de dar unha medicación.

Pódese dicir que o sobrediagnóstico tanto da dislexia como do TDAH foron e son “unha moda” en casos nos que as profesionais non teñen claro que é o que acontece con esas crianzas e resulta máis fácil colocar unha etiqueta que seguir buscando as razóns das alteracións; etiqueta que por outra parte, fai que as familias se relaxen un pouco ante a incertidumbre do que pasa coa súa filla ou fillo, porque moitas así o refiren: “saber o que ten foi un alivio”. Para evitar estas situacións, o mellor sería realizar unha valoración multidisciplinar e un traballo posterior da mesma maneira.

Hai que ter presente que non son enfermidades pero non son alteracións que facilmente desaparezan ao longo da vida, se non que moitas persoas con dislexia ou TDAH, son capaces de desenvolver estratexias que lle permitan manter un nivel adecuado para os estudos e o traballo. Proba disto é que hai moitas personaxes famosas que teñen dislexia ou TDAH e foron capaces de triunfar, como pode ser Tom Cruise, Robin Williams, Picasso ou Mozart. Por iso é tan importante quedar por encima das etiquetas e traballar para que as crianzas acaden as competencias que a dislexia ou o TDAH non lles permite de forma máis sinxela.

O papel das logopedas en todas estas alteracións pasa por traballar as habilidades previas e a aprendizaxe da lectoescritura reforzando dende a conciencia fonolóxica e a orientación espacio- temporal ata a comprensión lectora e os hábitos de estudo. A forma ideal, como xa comentaba, en conexión con outras disciplinas como a psicoloxía ou a psicopedagoxía e, posto que no ámbito onde máis dificultades presentará a crianza será na escola, coa mestra en audición e linguaxe, coa mestra de pedagoxía terapéutica e coa tutora. Sen olvidarnos de que a familia terá un papel primordial e a crianza, que debe ser parte activa para que se superen as súas dificultades polo que non se debe caer nin na sobreprotección, onde non se lle explican as razóns polas que debe traballar coa logopeda, nin na sobreexposición, onde a crianza pode caer na xustificación de que todo o que lle pase sexa por ter estas dificultades e xa non se esforce por mellorar. Se a propia crianza e todas as persoas que a rodean traballan na mesma dirección, a evolución sempre será positiva e ascendente, como o avión que despega para levarnos a lugares de ensoño mediante a lectura, a escritura ou a aprendizaxe.