As afirmacións da señora conselleira de Medio Rural e Mar, tratando ás mobilizacións dos mariñeiros do cerco de “catro tolos”, reflicte claramente o control absoluto e a soberbia que ten o PP sobre o sector.

As afirmacións da señora conselleira de Medio Rural e Mar, tratando ás mobilizacións dos mariñeiros do cerco de “catro tolos”, reflicte claramente o control absoluto e a soberbia que ten o PP sobre o sector.

"As afirmacións da señora conselleira de Medio Rural e Mar, tratando ás mobilizacións dos mariñeiros do cerco de “catro tolos”, reflicte claramente o control absoluto e a soberbia que ten o PP sobre o sector".

Tras unha  reunión clandestina, onde os representantes da Asemblea de Portosín víronse obrigados a empurrar e chillar para que os deixaran participar, Rosa Quintana aproveitou para que o sector confiara de novo nela e desconvocara a manifestación prevista para o día seguinte  pero non, como afirma a conselleira  para clarificar  os criterios da negociación que vai ter lugar. Máis ben, semella que unicamente é un edulcorante para ter algo máis de tempo, mentres se esgotan as posibilidades do paro, xa que cando abra a campaña da xarda, vai ser moito máis difícil conseguir a unidade do sector e garantir certa presión.

E digo isto, consciente de que o que se trasladou da reunión foi acatar o resultado do reparto no Estado, máis alá da depuración dos datos de reparto aportados. Quero lembrar que os criterios do reparto, fundaméntanse nos dereitos de capturas, ao que se lle asigna un 70%. Argumento utilizado habilmente polo Goberno vasco e as súas confrarías pero que  discrimina  a Galiza. 

Utilízanse as capturas do anos 2002-2011 linealmente, de maneira  que mentres a flota galega tiña esta pesquería regulada mediante topes día/semana, outras comunidades autónomas, non. Compútanse como históricas o exceso de capturas dos anos 2009-2010, e que por certo, temos que pagar entre todos (durante este ano  7.000 toneladas), no canto de  descontarlla a quen a pescou. Ou admitir que se compute o modelo  empregado nos últimos anos onde  a flota galega non puido pescar nada por terse esgotado a cota antes de que esta chegase ao noso mar. 

“O mundo o revés, recoñécese o dereito a quén se excedeu e néganllo a quen cumpriu, respectou e non a pescou”.

A modo de exemplo do resultado deste reparto, hai que destacar que   un só barco dun porto de Guetaria, o Marinelak, correspóndenlle unhas capturas de xarda de 142.658 quilos, case a mesma cantidade  que  á comunidade autónoma de Asturias e bastante máis do que lle corresponde ao porto de Malpica (124.729 quilos) a pesar de contar  con  14 barcos do cerco.

No reparto do xurelo sucede  algo parecido,  na zona Ciem VIIIc, houbo unha rebaixa do 27%, onde faena a maior parte da flota, mentres no Ciem VIIIb, onde pesca un reducido número de barcos, sobre todo  vascos, mantense de maneira  que ao mesmo barco, adxudícanselle un total de capturas  de 345.648 quilos de xurelo, moi por riba do computo total de varios portos galegos.

Avalar esta proposta de reparto, para 10 anos, é condenar á desaparición a flota galega e mentres  outros melloran a súa converténdoa  nunha  potente flota industrial, moderna e con actividade todo o ano,  despois da xarda séguenlle  as campañas do  bonito e o  bocareu, cuns rendementos que nada teñen que ver coa da actividade da flota galega obrigada a dedicarse   á “roubeta”.

Para a supervivencia do sector é imprescindible introducir razóns que cuestionen o actual modelo como: a necesidade de diferenciar o aproveitamento do recurso entre actividade artesanal e industrial, que  non haxa igualdade de dereitos no uso das capturas para consumo humano (Galiza), ou para elaborar fariña (Illas Feroe, Dinamarca),  esixir da UE a división do Tac entre pesquería do Sur  e do Norte  o que lle permitiría a Galiza poder acadar unha  maior porcentaxe de capturas indispensábeis  para a sostenibilidade da flota. O reparto no Estado debe realizarse sobre criterios obxectivos e non torticeiros: primar a quén tivo regulada a pesquería, penalizar a quen pescou de máis e defender a quen ten dereito e non tivo a oportunidade de pescala. Un reparto pensado nas comunidades costeiras con  relación ao número de empregos que xera e a  calidade dos mesmos asi como  da actividade inducida  e non unicamente en función da rendibilidade dos grandes armadores.

 "Ou tomamos medidas ou  imos ao  naufraxio colectivo".

Neste naufraxio colectivo, o Estado español é cómplice é  o Goberno galego tamén ao  compartir uns criterios que responden a intereses alleos, non recoñece o problema como propio, ten secuestrada a representación do sector e despreza a representación da Asemblea de Portosín, “catro tolos que van tirar pedras”. A chulería e desprezo da titular de pesca chega  ao punto de   considerar que a flota está amarrada polo mal tempo. Así que ollo ao trebón, xogámonos o futuro da pesca peláxica:  o PP non é un salvavidas, moi ao contrario, é un lastre que nos  leva contra os cabezos.