Hai un par de anos estaba moi de moda criticar os cantantes de música latina por abusaren do Auto-Tune, ese procesador de audio que enmascara inexactitudes e erros na voz dos artistas. Alegábase que calquera podía publicar cancións que soasen ben, aínda que non tivese –como soía ser o caso- nin o menor talento para iso. Ben, pois esta cuarta feira tivemos noticia de que o Tribunal Supremo tamén ten o seu Auto-Tune particular, e pasoullo á sentenza da Audiencia Nacional sobre o coñecido como “caso Altsasu”, na que se condenaba a varios mozos daquela vila euskaldun por unha pelexa de bar con axentes de paisano da Guardia Civil.

En efecto, o Tribunal Supremo enmascarou algúns “erros” da sentenza, eliminando a agravante por discriminación a colectivo socialmente vunerábel -ao entender que a Guardia Civil non é un deses colectivos-, e eliminando a agravante de abuso de superioridade no delito de atentado. O primeiro era tan retorcido que só se explicaba polo feito de que era o último cravo ardendo ao que se puideron agarrar as acusacións e o tribunal condenatorio, logo de que o Consello Europeo avisara de que ía seguir de cerca o xuízo, advertindo implícitamente que non ía aceptar que se condenase aos acusados por terrorismo. A pulsión inquisitorial é o que ten, que se non se xestiona como se debe, acaba expresándose de xeito moi bizarro. A segunda mudanza ten por causa un asunto técnico: nun delito que esixe a vontade –necesariamente subxectiva-, de descoñecer o principio de autoridade, é irrelevante en termos penais que ese descoñecemento se produza baixo certas circunstancias obxectivas como sería a comisión do delito por varias persoas á vez. Tendo eliminado esas impurezas tan notorias, procedeuse a axustar a pena imposta. E ata aí o labor do Tribunal Supremo. Pero por que nos segue soando tan mal esa sentenza aínda despois de lle pasaren o Auto-Tune?

A pulsión inquisitorial é o que ten, que se non se xestiona como se debe, acaba expresándose de xeito moi bizarro

Pois porque non se abordan outras cuestións moi acuciantes, como: por que ao longo da sentenza a Audiencia Nacional se desfai en eloxios coas acusacións á vez que utiliza cualificativos desprezativos, graves e improcedentes contra os acusados? Por que só menciona unha vez as fontes de proba propostas pola defensa, que foron moitas, e o fai para facer referencia a unha declaración testemuñal que di que vira a un dos acusados na escena da pelexa? Por que omite o seu deber de establecer razoada e pormenorizadamente en que consistíu a participación de cada un dos condenados na agresión e na preparación da mesma? Ou, finalmente, por que teima en situar na escena da pelexa a un rapaz que foi visto por decenas de persoas marchar aquela noite para a casa cedo? Ben é certo que o labor do Tribunal Supremo non é volver valorar a proba realizada polo tribunal sentenzador, pero o Tribunal Supremo si ten moito que dicir en canto á imparcialidade subxectiva dos xuíces, e en canto a correcta aplicación dos principios do Dereito penal no que fai ás esixencias da imputación obxectiva. E non o fixo. Con todo, ben é certo que non hai Auto-Tune que valga cando ata a melodía é, xa de por si, irritante.