Dende que o Lugo ascendeu a Segunda División en 2012 a súa estancia en postos de descenso é anecdótica. O inferno foille alleo ós albivermellos malia que en 2014 tivo que certificar a salvación na última xornada contra o Mirandés. Esta situación de relativa tranquilidade foi posible grazas a boas primeiras voltas que supuxeron un colchón máis que suficiente para lograr a permanencia. Este ano, a realidade é inversa. O equipo lugués afronta un final de curso no que deberá loitar pola súa supervivencia.

O sábado, os seareiros lugueses deitáronse en postos de caída a Segunda B. Vale que en canto comease o encontro contra Osasuna o CD Lugo volvería estar fóra desa situación, mais no fogar de cada afeccionado a choiva conseguiu coarse polas fiestras. Meteuse na cama e mesturouse co suor dunha masa social que xa non lembraba este tipo de episodios. A vitoria do Extremadura, o inmediato perseguidor, contra o Almería acendeu todas as alarmas. Se algún non se enterara aínda, daba igual que o conxunto navarro fose o líder destacado da categoría. Só valía gañar e animar até que iso sucedese.

De agora en diante non vale mirar nin a historia nin os puntos que ten o contrincante. A única alternativa é sair co coitelo entre os dentes. Ben apertado, até que as enxivas sanguen. Se o inimigo ven con escopeta, que polo menos se entere a simple vista de que os da casaca vermella e branca están dispostos a morrer por ela. Sentir o medo tan preto fixo efecto e os adestrados por Alberto Monteagudo foron a polo Osasuna con toda o corazón por diante. A actitude dos once que estiveron no campo foi irreprochable.

Pero cada carreira, cada corte e cada entrada foron baleirando o tanque do combustible dun equipo ó que se lle fan longuísimos os partidos. Un conxunto que precisa mil e unha tentativas para facer gol. Chegaron dous e non foron suficientes para frear as expectativas dun cabeza de liga que premeu o acelerador no último tramo para sacar un punto que puideron ser tres de non ser pola fortuna, Juan Carlos e, todo hai que dicilo, o colexiado, que fixo a vista gorda cunha pena máxima de Luis Ruiz. Son detalles que xa non importan. Quedan depurados e tan só queda un punto, unha mínima vantaxe sobre un descenso que suporía moito máis que a perda de categoría.

Caer a Segunda B obrigaría a desfacer toda a estrutura organizativa do club, xa de por si sobredimensionada. O Lugo volvería a un cosmos atrapallado de máis de 80 equipos do que é moi difícil sair, como lembran as biografías de compañeiros de categoría tales que o Cádiz ou o Real Oviedo. Os albivermellos xóganse nestas últimas nove xornadas moito máis que a súa continuidade no profesionalismo. Está no aire a súa propia supervivencia, sabendo que a caótica administración desta empresa deportiva é o principal desencadeante desta situación.

O CD Lugo desfondouse contra Osasuna. Púxoo contra as cordas. Ou iso pensou. Meteulle dous e puido facerlle máis. E non foi suficiente. Rematou metido dentro da súa portería pedindo clemencia. Este afogo asusta máis que calquera outra deficiencia. As tácticas admiten correcións incluso durante o desenvolvemento dos encontros, pero para a preparación física non hai remedio. A xestión das forzas é vital para un equipo que ten nomes de sobra e compromiso para sacar adiante esta situación. Estes deben ser os principais argumentos a partir de agora. Unidos a sumar de tres dunha vez, o único xeito de afrontar un treito final convertido, dende xa, nunha conta atrás chea de batallas sen cuartel. Non hai tempo xa para preocuparse das ocasións perdidas, nin de se Monteagudo é o adestrador ideal (que non o é), nin de se algún rapaz debería ensaiar as celebracións na casa antes de cargar contra os que nunca deixan de animar, nin para reproches cara os responsables desta deriva.

Non hai tempo para nada máis que para gañar ó Córdoba, un equipo que leva case dous anos en descenso, pero ó que parece imposible deixar K.O. O próximo será un partido fóra dos límites da provincia luguesa, case nas antípodas do coñecido, pero calquera dos que morremos por este CD Lugo prometemos que, se a conquista do Arcángel é positiva, esnaquizaremos por enésima vez as nosas cordas vocais. De que nos vale ter voz se non temos por quen deixala? As reflexións que se encollen nestes artigos poden resultar cada vez máis tópicas, mais o único obxectivo definido é a vitoria, e até ela hai que ir sempre. Xa teremos tempo para filosofar…