Seguir a un equipo de fútbol provoca moitas veces unha dor innecesaria. Cando decides ou sentes que es hincha dun club estás perdido. Comeza unha longa carreira vital na que o teu humor cambiará en función do resultado. E terás que dar moitas explicacións: ós teus pais, á túa parella, ós teus amigos… Dirán que o teu equipo non che vai dar de comer mentres se vai formando unha bola no estómago que impedirá que probes bocado. 

Fronte esta situación, algúns escollen como opción deportiva un grande. Nunca cheguei a entendelo e sempre pensei que era unha opción fácil. Nada máis lonxe da realidade se de verdade es un adepto. Para eles só vale gañar e calquera outra interpretación é un fracaso. Nunca pensei que podería aprender a sobrelevar a tensión dun encontro coas ensinanzas dun afeccionado así. Pero un bo amigo, seguidor do Real Madrid, vendeume un método que a el lle funcionara na final da Champions do 1998. 

Aquel día o último que quería era ver o partido arrodeado de seguidores de postal, aqueles que só se suman nas citas grandes (daquela o madridismo levaba máis de tres décadas sen celebrar ningunha Copa de Europa). E moito menos tiña o corazón preparado para velo na casa con tranquilidade. Precisaba estar acompañado pero sen que o molestasen. Entón decidiu coller un bus urbano en Madrid dos que cubren liñas circulares. Unha cápsula semibaleira que se deslizaría sen oposición polas rúas dunha cidade paralizada. Todo o público que ficou con el naquel traxecto era completamente alleo ó que sucedía na final. Era perfecto. A vitoria consumouse. Despois do asubío final, premeu o timbre na seguinte parada. Baixou e botou un berro seco que se escoitou no Ámsterdam Arena, onde se celebraba a final entre os madrileños e a Juventus. 

Precisaba estar acompañado pero sen que o molestasen. Entón decidiu coller un bus urbano en Madrid dos que cubren liñas circulares

 

A anécdota fíxome graza nun primeiro momento. Meses despois de escoitala estaba eu na liña 6 do metro de Madrid cos cascos postos e mirando fixamente a negrura dos túneles. Seguindo o mesmo rito que me aprenderan. Sen ninguén que emitise un xuizo superficial sobre un dos momentos máis sagrados da semana. Sen un “que che pasa?” golpeando a orella. Só eu e os meus once representantes na Rosaleda, dispostos a dar a machada contra o Málaga, o equipo dun xeque contrariado que non entende como ten que ver ó seu equipo contra esta plebe. 

Pola radio os partidos son outra película. Os achegamentos, na voz dun locutor con filiación polo teu equipo, parecen auténticas perforacións. Tamén as respostas rivais son violentas acometidas. Mágoa que todo isto non exista ó redor do Lugo, privado dunha voz propia que retransmita os 90 minutos semanais das súas peripecias. Non me queda máis remedio que sintonizar unha radio inimiga e canto máis lles amolan os nosos ataques, máis me ilusiono. Porque case ningún sabe os nomes dos nosos xogadores. Porque somos un cero á esquerda que leva rompendo previsións dende que ascendimos. 

Pola radio os partidos son outra película. Os achegamentos, na voz dun locutor con filiación polo teu equipo, parecen auténticas perforacións

 

Poucas paradas despois do inicio soou o nome de Josete acompañado da palabra ‘golazo’. Foi a recompensa ó traballo que leva facendo un defensa vilipendiado en todos os seus destinos anteriores. En Lugo cumpre cada semana. A primeira parte foi albivermella. Até o punto de que a Rosaleda apupou ós seus. Mais a segunda trouxo consigo un desenlace calamitoso. Nada máis comezar, un tanto en contra logo dunha mala cobertura dunha zaga inédita, na que debutou Gerard Valentín, unha das novas fichaxes. 

Como algún temía, o lateral catalán rachou físicamente. Normal nalguén que leva máis dun ano sen completar un partido enteiro. E a torre que Monteagudo construíu na primeira parte caeu. Josete só puido frear o erro dun compañeiro cunha entrada que non puido axustar e que lle custou a vermella. Outro partido máis en inferioridade. Daquela eu xa mudara de vagón, cedera tres veces o meu asento e mantivera unha conversación cun inglés que me preguntaba onde quedaba a Gran Vía. Nesa cápsula de ferro e cristal non lle interesaba a ninguén o que me pasaba, e por unha vez, a soidade da gran cidade foi produtiva. 

Entón chegou o segundo tanto do Málaga, froito doutro erro propio. Unha infantil perda de Herrera en campo alleo que permitiu ó imperio malacitano saír de xeito estrondoso. E outro centro defendido como quen tenta frear ás velutinas cun desodorizante para consumar a remontada local. Eu quería tirar da palanca de emerxencia. Non entendía como o meu amigo madridista fora quen de soportar aquela noite sen moverse do asento do seu bus urbano. Nunha das paradas, saín e agardei ó próximo tren. Como pensando que aquel estaba completamente gafado. Afrontei así os minutos finais deitado no fondo do último vagón. Con dez, o CD Lugo tivo dúas ocasións clarísimas para empatar. Iriome, de cabeza. E despois… Despois o caos. 

Non entendía como o meu amigo madridista fora quen de soportar aquela noite sen moverse do asento do seu bus urbano

 

Un balbordo na área... E perdín a cobertura ó entrar nos barrios do sur. A golpes co teléfono mentres un acordeonista que tenta gañarse a vida me miraba con mágoa. Volveu a sinal e con el o final do encontro. E vexo nas repeticións coma Harper, que anotara o 2-1 para o Málaga, evitara a igualada despexando un balón co puño, imbuído polo Mundial de balonmán que se está a disputar nestas datas. Moreno Aragón, o colexiado do encontro, é outro emigrado coma min. Pertence ó comité madrileño pero naceu en Granada. Unha casualidade xeográfica coma outra calquera que lle produciu unha miopía transitoria. E moi contaxiosa. Tanto que deixou cego ó Lugo. Sen puntos nun partido que chegara a dominar. A fin do encontro colleume en Usera, o barrio no que se concentra o pobo chinés. Pareceume o mellor que me pasara naquela viaxe. Baixei para comer unhas gyozas e tomar uns tragos de cervexa importada. E pensei: para a próxima vou en patinete. 



x