Non sei nin cando empezou esta temporada. Van 18 xornadas e semella que pasou un mundo. Demasiada dor e xiros para una afección acostumada a transitar pola Segunda nesta segunda época coma quen vai andar polo Río Rato. Relativa tranquilidade, iso si, no deportivo, porque no que hai fóra del, este Lugo é como quen vai pola estrada de noite sen luces. Sabe un que a facilidade para permanecer na división de prata non debería ser o camiño habitual, sendo o CD Lugo un modesto que molesta os históricos. Parece que pasou un ano dende que se presentou Javi López, o home que levaba sen sentarse tanto nun banco coma Castro Santos. Negras treboadas que parecen ter mudado por un nítido fío de luz. E queda tanto. Pero tantísimo... 

O que está claro é que aprendemos a gozar de cada punto coma se fose o primeiro. Encadear dous partidos sen perder serve para gañar crédito. E máis se todo resulta coma no punto alcanzado contra o Almería logo de xogar unha hora cun home menos. Valioso empate no campo dun equipo que no que vai de ano deu un paso adiante na táboa e no seu estilo a respecto do curso anterior. Herrera volveu manifestar que é o atacante albivermello en mellor forma. Anotou dende os once metros, pero fíxoo con sobrada seguridade. Leva seis tantos no que vai de curso. Está a tan só un dos que marcou o curso pasado. É un dos que se botou o equipo ás costas nas últimas semanas nun debate aberto sobre se é un dianteiro centro nato ou se debería xogar por detrás dun '9' de referencia. Mentres, segue acumulando goles. Aínda que o tanto lle pertencía a Josete, sobre quen se cometeu a pena máxima, e quen merecería máis que ninguén esta recompensa. 

Encadear dous partidos sen perder serve para gañar crédito. E máis se todo resulta coma no punto alcanzado contra o Almería logo de xogar unha hora cun home menos

 

Agora mesmo non hai debate. O canario máis Escriche son a única dupla que garante un mínimo de éxito nas incursións ofensiva dos de Monteagudo. Enténdense, como se evidenciou nunha xogada despois do golazo inicial de Juan Carlos para o Almería. Acción na que Herrera lle baixou a bola ó seu compañeiro de fatigas para que este a enviase ó pao. Por se había algún tipo de dúbida, Jona encargouse de disipalas na segunda metade. O dianteiro hondureño ten a confianza baixo mínimos, polo que está moi lonxe de ser un recurso útil para este equipo necesitado de goles. O mellor que podería facer é dar un paso atrás e buscar un lugar no que poida ser referencia. Inexplicable para un xogador que leva 90 goles ás súas costas. As súas ocasións esgotáronse. O adestrador manchego do CD Lugo non se acovardou ante o panorama de inferioridade e rematou o partido con dous dianteiros: Herrera xunto a Jona. 

No fondo era só un. O asedio do Almería foi constante, aínda que non o suficientemente profundo e acertado. Houbo longueiros, balóns que se pasearon pola área e, como non, mans salvadoras de Juan Carlos, un dos futbolistas que está a conseguir que este plantel non se afunda na clasificación. O Lugo dispuxo dunha contra clarísima para levarse os tres puntos no corpo, ou, sequera, meterlle o medo no dos locais. Ataque de libro na que Ramón Azeez puxo un pase de fina costura para deixar só Jona fronte a René. O ariete hondureño sufriu un curtocircuíto nos miolos e fixo un regate (ou tentouno) cara á nada. En cada casa ou bar no que se botou o encontro saltaron os berros e de seguro que se derramou algunha copa. O despropósito na finalización foi tal que esta acción non apareceu no resumo do encontro cifrada coma ocasión...

Descoñecemos como podería ter sido o partido con dez, un relato que pertence ó fútbol ficción do que falou Luis Aragonés. Si temos certeza de como chegamos a estar inferioridade. Logo de dúas accións de Luis Ruiz que poden ser máis ou menos fóra de lugar, pero que son froito dunha ansiedade impropia para un xogador profesional. O primeiro cartón, despois dunha entrada preto da área rival que non axudou nada máis que a cargalo de nervios. O segundo, cun salto máis discutido, pero igual de mal medido. Xusto o día no que o lateral tiña unha oportunidade de ouro para facerse cun oco nun once inicial no que non estivo Kravets por lesión. O ucraíno, aínda estando nun dos seus momentos máis frouxos dende que chegou a Lugo, está un paso por diante dun Luis Ruiz que xa sufrira unha expulsión semellante o ano pasado contra o Real Valladolid. Para a reflexión. 

O ariete hondureño sufriu un curtocircuito nos miolos e fixo un regate (ou tentouno) cara á nada

 

Malia xogar unha hora cun home máis o Almería non soubo atopar a chave para desblocar un equipo que se defendeu con solidariedade, coma ben dixo o central Miguel Vieira despois do partido. Foron dez de dez que pareceron once e que se multiplicaron para reter un punto de ouro. O portugués resultou unha auténtica torre de contención para os balóns aéreos, malia que o Lugo segue a defender as xogadas a balón parado coma se fora un Mannequin Challenge. O portugués sufriu unha agresión de Sekou Gassama xa no último treito do encontro que lle custou a expulsión ó dianteiro do conxunto almeriense. E iso que ingresou no minuto 83. Pero deulle tempo a moito. Porque o seu foi xesto de frustación que veu logo dunha acción polémica. Un agarrón na área que o colexiado Soto Grado non asubiou. Unha aperta de Nadal, tan necesaria para calmar a tensión deste partido... O cravo do seu ataúde nunha tarde-noite ben mala para o árbitro manchego. A pasada semana anunciábase que os árbitros da Segunda estaban a aprender como se usa o VAR. Descoñecemos a cantidade de horas que empregarán en coñecer o mecanismo. Despois veremos se o aplican con criterio, pero eu, confeso antitecnolóxico, estou acabando por verlle a utilidade. 

Foron dez de dez que pareceron once e que se multiplicaron para reter un punto de ouro

 

"Isto é un roubo! Mercaron o árbitro!", dixeron os afeccionados do Almería logo do encontro. Habería que explicarlles que este verán parte dos xogadores aceptaron rebaixarse o salario e que as contas da leiteira da SAD están máis axustadas que nunca. Igual é por iso que temos o límite salarial tan baixo. Para comprar colexiados. Compras bastante mal negociadas ou nada sospeitosas se nos atemos á expulsión de Luis Ruiz. Non cometimos o mesmo atraco o ano pasado, na última xornada, cando o Lugo lle puxo unha alfombra vermella ó equipo andaluz para manterse na categoría. Malia todo, a presión dos almerienses só lles permitiu sacar un empate válido ó final que enviou á Cultural Leonesa a Segunda B. Tivo que ver algo que Francisco, ex adestrador do Almería, estivera no banco do Lugo? Seguro que non. Como que se deixara levar durante todo o final de campionato, concedéndolle os ascensos ó Rayo Vallecano e á SD Huesca, hoxe o seu equipo... Contas pasadas. As novas comezan a sair. Ollo, vén o Sporting.



x