O CD Lugo ten a última bala ó seu favor. Unha munición que lle permitirá xogarse a permanencia en Segunda División na casa e contra un rival directo coma o Tenerife. Parece incrible o cambio de guión logo dunha temporada que foi un auténtico filme de terror. O espertar do equipo da man de Eloy Jiménez, xunto co acompañamento da afección albivermella, foron claves neste ‘sprint’ final no que o Rayo Majadahonda pode quedar na estacada.

E facendo todo o contrario. Na súa primeira experiencia no fútbol profesional, a escadra madrileña mantivo a Iriondo, o adestrador de toda a vida, e tocou só o necesario. Pode non ser suficiente. Pero calquera saca conclusións certas nesta categoría de tolos, na que o Córdoba, un equipo descendido, foi quen de sacar un punto no feudo majariego.

En Lugo apóstase pola permanencia. E faise dende a bancada. Non desde os establecementos que están arruinando a toda unha xeración de mozos. Nestes últimos días saiu á luz unha operación contra os amaños en partidos de Primeira e Segunda División. Outra vez quedaron á luz as tripas desa criatura chamada fútbol moderno que cada vez ten menos de práctica deportiva ou acontecemento social e máis de show e negocio. Por suposto que se asume que o fútbol forma parte dunha grande industria do entretemento, pero deixar de lado ós afeccionados, e convertelos en espectadores ou apostadores, só fai que se convirta unha burbulla.

Aínda existe unha especie peor, que saiu á luz na previa a este decisivo encontro contra o Tenerife. O CD Lugo apostou por encher o campo, situación que poucas veces se produce no Estadio do Miño. Puxo entradas para todos os socios a un prezo testemuñal de un euro. Cada aboado tiña dereito a sacar dúas. O mércores puxo o cartel que indicaba que todos os billetes estaban xa vendidos. Mais algún quixo facer negocio con eles. Nun famoso portal puxéronse á venda entradas por 10, 20 e até 40 euros. Un exercicio de egoísmo e piratería que é moi difícil de entender por parte de particulares que apostarían pola morte do equipo a cambio de dous duros.

De seguro que ningún dos 3.000 que baixa normalmente ó estadio participou neste timo, polo que o foco apunta directamente ós que teñen carnés subvencionados ou regalados. Na final da Champions que se disputa en Madrid vaise ver como unha importante porcentaxe dos asentos do Metropolitano irán parar a compromisos. Nalgúns casos, patrocinadores que nada teñen que ver cos dous equipos que disputan a final (Liverpool e Tottenham). Todas esas entradas e abonos pantasmas ensucian aínda máis o fútbol en directo.

Por mor destes comerciantes da paixón allea, algún que de verdade quería ver o encontro quedarase fóra. E seguro haberá asentos libres que en teoría están ocupados por algúns destes mecenas. Se o partido no que o equipo da cidade se xoga a súa supervivencia no fútbol profesional non é o suficientemente atractivo para eles, é que non teñen nin un mínimo de empatía coa entidade que lles da este galano anual.

O CD Lugo depende de si mesmo. E iso debe notarse dende o asubío inicial. Agardar máis favores do resto é inútil. O propio Real Oviedo asumiu a vitola de perdedor dicindo que as súas posibilidades de entrar na promoción de ascenso son nulas, malia que as matemáticas lles quiten a razón. O técnico do equipo ovetense, Sergio Egea, ameazou con xogar cos rapaces da base… Aínda que isto pode ser unha arma dobre. Alguén da canteira pode ter menos técnica que un do primeiro equipo, pero estima moito máis o escudo que leva na camisola.

Se finalmente os albivermellos acadan a permanencia, que ninguén agarde pola parte duns cantos estrondosas celebracións. Todo o contrario: un suspiro e un grolo igual de longos. Se o obxectivo fundamental chega a bo porto, será tempo para unha fonda reflexión. Para ver que foi o que levou ó equipo a estar contra as cordas a maior parte do curso e para que cada unha das partes implicadas asuma as súas responsabilidades.