Os pobos constrúen a súa historia con batallas gañadas en inferioridade, con revoltas no inverno máis crú, con cambios de rexime... Ós clubs de fútbol pásalles algo semellante. Hai vitorias especiais que os dotan de vida. No caso do CD Lugo, os que teñen máis memoria poden citar datas históricas nos Miñóns. Outros pasan á seguinte páxina e reverdecen as lembranzas do ascenso a Segunda do 1992. Ó lado poñen os cambios de categoría previos. Os que chegaron despois teñen enmarcado o día que o Carranza serviu de ascensor. Dende a pasada fin de semana, poden engadir a vitoria luguesa contra o Deportivo (1-0).

Non está sendo esta unha temporada de ledicias. Todo o contrario. Pero que un dos momentos máis positivos chegue xusto cando o equipo se xoga a permanencia na categoría agradécese. É a demostración de que en Lugo non se rende ninguén. A afección da cidade amurallada acadou a pasada semana un dobre triunfo. Botou abaixo o Día do Club e despois respondeu con voz propia nun derbi decisivo. Foi o triunfo do esforzo e da intelixencia colectiva. Os adestrados por Eloy Jiménez foron máis intensos e tumbaron as aspiracións dun equipo que aínda non sabe o que é gañar ó CD Lugo en Segunda División. Si, o das vitrinas dos grandes trofeos do fútbol galego.

A secuencia de dúas conquistas e un empate chega xusto a tempo. Mais o equipo debe evitar agora calquera tipo de relaxación. Os tres puntos han de ser o misto que prenda o lume da permanencia. Non está nada feito. Só se conseguiu sair do inferno cando os xeonllos xa estaban pelados de cinza. Quedan tres xornadas nas que os xogadores do equipo lugués terán que apostar pola súa propia autodeterminación. A primeira batalla, en Almendralejo, contra un Extremadura que viviu moitas xornadas no descenso e que, da man dun galego, Manu Mosquera, fixo pedazos as calculadoras do resto. Os albivermellos botaron semanas co ábaco e mirando polo retrovisor, até que os estremeños lles quitaron os colantes da carrocería. As contas da leiteira non valen de nada. Esas, que as boten o resto: o Tenerife, Numancia ou Rayo Majadahonda, previsiblemente os clubs contra os que o CD Lugo se xogará a súa salvación. Outras contas ben diferentes, e que si se terán que pasar, son as que apuntan á desastrosa xestión que nos ten conducido a esta situación. De feito, agardemos que a permanencia nos libere do testaferro da SAD. Até nos da igual que encha máis os petos co que considere e venda a entidade a unha persoa que non a xestione como unha ETT.

É imposible non sentir orgullo de formar parte desta afección. Os 3.500 de sempre, que máis ten, se son unha minoría absoluta. Partindo da bancada de animación, o pulmón do Estadio do Miño, que respondeu ó reto cun tifo feito na casa con moito sentido e corazón. Pasando polos veteranos, os do número baixo no carné, que teñen unha memoria que debería gravarse na hemeroteca do club. Sen esquecer ós que fan quilómetros para animar ó que debería ser o equipo da provincia, unha esquecida extensión de pobos e vilas desconectados do Eixo Atlántico pero que gardan unha identidade de ferro. Rematando nos novos, como o recollepelotas que celebrou o gol de Lazo coma os seus colegas fan cos de Messi ou Benzemá. Un xesto que se converteu na imaxe do partido. Non se podía esperar menos do descendente de Buide, lateral dereito do Lugo dos ‘90. Isto lémbranos o pouco que coidamos os nosos símbolos.

Xa son icónicas as bágoas de Iriome nada máis rematar o encontro contra o Dépor. A viva imaxe do esforzo titánico que deixa as pernas feitas merda pero rexenera todas as fendas da alma. O Lugo, que sempre foi unha formación de militancia clandestina, incluso na nosa propia cidade, permítese ter un Lazo como símbolo. Aquí non hai artigo lexislativo que lle faga fronte. Este rapaz, con tan só 23 anos, volveu botarse ás costas o equipo contra o Deportivo. Sacou a navalla para perforar a meta rival. Un tanto decisivo que pode valer unha permanencia. Mágoa que todas estas virtudes só as poidamos disfrutar por medio dun préstamo. Esta foi unha vitoria redentora, que reafirmou a nosa identidade como afección e desordenou a de todos eses seareiros que, sendo da provincia de Lugo, decidiron algún día optar no seu día pola entidade coruñesa por ser sección vencedora. Por certo, se houbera xustiza popular, aqueles vinculeiros que venderon o seu carné albivermello ós afeccionados visitantes, deberían ter vetado o seu acceso ó campo lugués. Traficantes dun abono ó que outros, con apego real, non poden optar.

Hai unhas semanas, eu era o primeiro en asumir o descenso. Hoxe son o primeiro en asegurar a supervivencia no fútbol profesional. Admito o meu erro e dou grazas a todos aqueles compañeiros de bancada que agarraron a miña cabeza, e a de outros coma min, para voltar os nosos ollos cara o futuro. Porque quen leva o verme do CD Lugo dende hai tempo sabe que o espírito das grandes citas, como a promoción de ascenso a Segunda, volve a percorrer o feudo amurallado. Xuntos, somos máis fortes. E xa o dicía Bertold Brecht, "hai homes que loitan un día e son bos, hainos que loitan un ano e son mellores, hainos que loitan moitos anos e son moi bos, pero hainos que lotian toda a vida; eses son os imprescindibles". E séntanse en Preferencia, Tribuna, General, Fondo Sur e Fondo Norte.