Que é o que mellor representa a Lugo? Esa foi a pregunta á que tiveron que responder os escolares da cidade para o concurso que elixiu á mascota do club principal do fútbol local, o CD Lugo. Houbo tres finalistas. Un deles, Lubol, un lobo agresivo, cando a actualidade recomendaría ter presentado unha presa como é o xabarín. O porco bravo é xa unha minoría recoñecida na urbe. Camiña a rentes da Muralla e visitou en primicia o novo auditorio de Lugo, o único do mundo sen obras nin espectadores.

 

O outro dos candidatos foi Octavio, xogo de palabras á inglesa para denominar a un polbo. Unha proposta que tivo a ousadía de responder a unha cuestión oculta: como se poría un cefalópodo uns pantalóns? O resultado, un hipster. O gañador foi Nabic, que como ben indica o seu nome, é un nabo da República de Lugoslavia. Un representante fidedigno da dieta da provincia. Máis que o polbo, produto de luxo que supón unha obriga no San Froilán e nas feiras, pero que cada vez implica un maior desembolso. Cada rabo, un salario.

 

Na fase de promoción de ascenso a Segunda División o CD Lugo de Quique Setién foi bautizado por algúns coma o Nabo Mecánico, seguindo o exemplo do Queixo Mecánico (Albacete) ou da Laranxa Mecánica (Holanda). Nabic representa á perfección o espírito agrícola dun equipo que ten como lema ‘Isto é Lugo e aquí hai que sachar’, inscrito no túnel de vestiarios do Estadio do Miño. Lucas, o seu creador, deu no cravo. Púxolle uns ollos marróns e tres follas erguidas que lle dan un aire punk a esta hortaliza humanizada.

 

Na fase de promoción de ascenso a Segunda División o CD Lugo de Quique Setién foi bautizado por algúns coma o Nabo Mecánico, seguindo o exemplo do Queixo Mecánico (Albacete) ou da Laranxa Mecánica (Holanda)

 

Nabic non ten brazos, polo que terá que andar con ollo para non perder o equilibrio dificultoso que lle da a súa forma arredondeada. Iso si, ten un sorriso perenne que lle aporta un aire de soñador. Confiado en resistir as xeadas ou os ventos furacanados que poidan vir. Represéntanos a tódolos seareiros albivermellos. Limitados en número, pero incapaces de poñerlle límites ó noso soño de seguir un ano máis no fútbol profesional. Este ano valoramos cada punto como se fora o último. Incluso na casa, que debería ser un continuo múltiplo de tres.

 

O CD Lugo pechou o ano cun valioso empate fronte ó Sporting de Gijón. Un equipo histórico, que chegou á cidade amurallada nunha boa dinámica, e que está a obrigado a loitar polo ascenso. Resultado que lle permite ó conxunto lugués brindar no Nadal fóra do descenso. Mais chega un 2019 longuísimo. Tanto dentro como fóra do campo. O exercicio 2017/2018 deixou 200.000 euros de débedas nas contas da Sociedad Anónima Deportiva (SAD). O elevado montante das masas salariais só puido ser compensado a medias polas vendas de Ignasi Miquel ó Málaga e de Escriche ó Huesca. De non ser por estes aportes, o resultado tería sido aínda máis negativo.

 

Exercicio con número vermellos que lembra o continuo ir e vir de adestradores e directores deportivos, coas súas consecuentes indemnizacións e xestións a medio facer. Non hai moita intención de dar explicacións, como amosa a convocatoria da xunta de accionistas para un venres laborable ás 7 da tarde e con escasa visibilidade nos medios e nas canles oficiais do club. Algo que entra dentro da lóxica destas sociedades, para as que a lexislación española permite que un só accionista concentre máis do 50% dos títulos, situación que lle concede poder absoluto. A diferencia do que sucede en Alemania, onde existe a Lei do 50+1 para impedir estas concentracións. No futuro máis inmediato, o Lugo ten o mercado de inverno máis importante dos últimos tempos pola situación na que se encontra. Agardemos que o Apalpador, alén de castañas, conceda créditos ou saiba de goleadores a prezo de polvorón. Neste caso é mellor que teñan pouco bandullo...

Pd: as mascotas finalistas: https://twitter.com/CDeportivoLugo/status/1076205330311274496 



x