As sensacións do CD Lugo son as mesmas que hai nunha empresa cando sobrevoa un ERE. Todo pode ir a peor, a situación é crítica pero non se sabe como vai rematar. Namentres se afía a navalla dos recortes, os traballadores fan por estar unidos e tiran cara adiante. A afección albivermella sabe que o futuro alén dos resultados é funesto. Malia todo, non pode afrontar a rutina coma un túnel cara a morte, porque iso sería insoportable. O 3-0 contra o RCD Mallorca foi o enésimo golpe no corpo dun club que se mantén por inercia fóra dos postos de descenso, pero que á seguinte pode caer baldado no ring. Xa non hai solvencia defensiva. Para gañar precísase un feixe de goles a favor, algo impropio para un equipo ó que lle custa crear ocasións e até mover o esférico con algo de criterio.

A igualdade tantas veces comentada da categoría de prata mudou este ano nunha loita de clases. O equipo lugués está no máis baixo da pirámide e a escalada social vai ser unha utopía se se repite a pantomima de San Moix. Na previa, ninguén asinaría unha vitoria. Nin un punto doado. Pero ó que calquera renunciaba é a ver de novo a un equipo que non ten ningún plan formulado. Un cacharro deformado cos continuos cambios de sistema e de xogadores que transmite unhas sensacións funestas.

 

A igualdade tantas veces comentada da categoría de prata mudou este ano nunha loita de clases

 

“Somos malos, pero se aínda por riba non o facemos ben, imos por mal camiño”, dixo Fernando Seoane despois dun dos encontros do ano. Aínda que cada vez é máis difícil diferenciar o malo do pésimo. O mediocentro, un dos capitáns do equipo, fala sempre sen pelos na lingua (galega). Produciríanos unha dor inmensa velo descender a Segunda B xunto con Pita ou Iriome despois do que teñen dado por esta camisola. Só por non ter que presenciar esa imaxe inxusta e aceda seguiremos estando ó carón deste club, que non da SAD que secuestrou os seus símbolos e historia.

Porque o problema non é que os lugueses sexamos carne de descenso, algo que poderiamos ver natural nunha liga de transatlánticos. O peor é que cheiramos a morto pola xestión institucional que hai detrás. Non deixaremos de repetir que un conxunto modesto só chega e se mantén no fútbol profesional cunha administración impecable. Mirando cada peso, enraizado na súa comunidade e apostando pola estabilidade nos cargos máis importantes (adestrador ou director deportivo). Un grande pode agonizar en Segunda B ou Terceira durante anos, pero sempre terá unha maioría social que o sosteña. E detrás dela, institucións ou compañías que queiran sacar proveito da súa influencia.

 

Un descenso nas circunstancias que o acollen pode supoñer algo máis que un recorte de persoal

 

Para o CD Lugo un descenso nas circunstancias que o acollen pode supoñer algo máis que un recorte de persoal. Pode ser o paso cara o abismo e o peche da empresa. O peor dalgún ERE é que fai que vexas a un compañeiro coma un inimigo. Que o importante é que ti non deixes de ingresar, saltándote os paros ou os acordos maioritarios. Queda ben co xefe, que el, despois de zugarlle o sangue a todo o plantel, seguro que vai premiar a túa lealdade (e deshonra co resto) cun ascenso. Logo dun completo saneo de pescozos, as túas orellas serán as seguintes... Outro dos riscos que corre agora mesmo este club é que os seareiros, poucos pero leais, se dividan nunha carreira de fondo que require un bloque sen fisuras. Para evitar iso non hai que confundir nunca as redes coa realidade.

Hai algún que goza vendo sufrir ós que sempre lle deron un voto de confianza ós que moven os fíos deste club. A actitude debería ser xusto a contraria. Botar a un lado vellas brigas do pasado. Xa haberá tempo ó final de tempada para que os que teñen levado ó CD Lugo a esta situación rindan contas. Iso si, chegado o momento, aqueles que sempre entoan o “que lle vamos pedir, estamos por riba das nosas posibilidades” e “máis non se pode facer” deberán explicar as razóns da súa falla de crítica. E malia todo, deste mal trago pódese saír reforzado. Polo menos o pagador do abono non vai aborrecer na segunda volta, un lapso do campionato no que acostumaba ver unha fuga de puntos porque a salvación xa se armara na primeira volta.

Se este equipo é quen de resistir até o final para salvarse terá gañado unha batalla na que nunca antes se vira. O reflexo da dor tamén nos axudaría a valorar máis se cabe o feito de estar nesta categoría. Mais na nosa man, dende a bancada, só está o poder de animar os 90 minutos. O resto ten que vir cun cambio de formulación. Monteagudo sabe mellor que ninguén que nesta empresa deportiva non hai medo ó despido, aínda que o equipo non estea en postos de descenso. A gadaña xa pasou por riba de Javi López en outubro, con todo un ano por disputarse. E se roda unha nova testa? Quen vai querer vir solucionar unha situación inédita no CD Lugo? Será o definitivo afundimento?

 

Monteagudo sabe mellor que ninguén que nesta empresa deportiva non hai medo ao despido, aínda que o equipo non estea en postos de descenso

 

Ningunha pregunta ten doada solución este curso, unha proba de resistencia na que a masa albivermella non quere rematar traizoada polos seus representantes no campo, pero na que o reloxo corre na súa contra. Cada vez máis rápido e con visos de deixar sen luz ó Estadio do Miño. Agardemos que contra o Elche volva polo menos a raiba e o orgullo que fixeron posible que un equipo que adoecía en Terceira se atrevese a tratar de ti a ti a grandes do fútbol estatal. Morrer co coitelo entre os dentes e apertalo tan forte até que sanguen as enxivas. Este é o único xeito de concibir o noso futuro inmediato.



x