Ser socio e afeccionado dun equipo modesto éche como quen ten gando. Non hai libranza que se sosteña. Non se coñecen vacacións. Sempre pendente dunha lesión. De se hai inflamacións na defensa que causen moitos puntos de sutura. Das cotas arbitrais que restrinxan o muxir de puntos. Por iso cando un organiza unha fin de semana fóra sabe que o fai cunha cláusula de visionado. Aínda que estea na outra punta do mundo, ben sabe que cando se escoite o asubío inicial do campo vai ter que dar cunha forma de seguir o mesmo. Non se pode desconectar nin por unha escapada, porque coñecer o resultado en frío, sobre todo se é negativo, pode ser a peor das turbulencias.

 

Neste episodio sobre a andaina do CD Lugo na tempada 2018/2019 situámonos en Luxemburgo. Nese pequeno estado tiven que seguir o enfrontamento contra o Cádiz no Carranza, a onde eu levaría todos os meus captais (poucos son) se puidera escoller. Non hai lugar fóra da casa que me traia mellores lembranzas. Aló acadou o ascenso a Segunda en 2012 o conxunto albivermello e neste mesmo escenario rabuñou un punto esta última xornada que ben puideron ser tres. Igual xa podemos falar dalgunha esencia chamada ‘Espírito do Carranza’, porque o ímpeto amosado polos xogadores do conxunto lugués lembrou por veces ó dos que acadaron un cambio de categoría que aínda se mantén. Ou iso foi o que me contaron…

 

Se queredes saber como rematei en Luxemburgo, non lle deades moitas voltas. Seguro que moitos o fixestes. Botei unha quiniela nun deses buscadores de vos baratos. Et voilá… O resultado máis barato e asequible para os meus horarios foi este ducado centroeuropeo. Alén de acubillo para carto negro e compañías tentando alixeirar impostos, Luxemburgo é un país cunha idiosincrasia ben marcada que lle permitiu manter a súa independencia fronte ós ollos golosos de Francia e Alemaña. A mellor mostra é un dos seus lemas nacionais: Mir wëlle bleiwe wat mir sinn, cita escrita en luxemburgués que ven a significar “ quedarémonos tal e como somos”. Por certo, un idioma cooficial xunto co propio francés e alemán.

 

Unha declaración de intencións fronte ás inxerencias externas. Afirmación que ben quixeramos todos para os nosos equipos. Que pasen os xogadores e as directivas de todo signo, que nós seguiremos aquí, en pé. Apunteime a unha visita guiada pola Vila de Luxemburgo facéndoa coincidir co partido. Gran mostra de intelixencia. Isto obrigoume a compatibilizar os segredos da capital do ducado co encontro, seguido ás bravas por unha aplicación. Até que chegou a historia da Melusina…

 

Se un pasea na capital de Luxemburgo ó carón do río Alzette atopará unha escultura dunha serea dunha cor rosácea. É a Melusina, filla do Rei Elinás, soberano de Albión, e da fada Presina. Segundo a tradición local, esta casou con Sigfrido, considerado primeiro conde de Luxemburgo. Pero fíxoo cunha condición: debería respetar a súa privacidade os sábados, que era o día no que tomaba un baño longo. O mandatario non puido conter a súa curiosidade e un día espreitou á súa muller, que no penúltimo día da semana acometía unha transformación: en serea ou serpe, segundo a versión. Ó ser sorprendida, Melusina desapareceu polo fondo do río para non volver…

 

Logo de escoitar esta historia, premín por enésima vez o botón de actualizar dos resultados e vin un gol a favor do CD Lugo. Manu Barreiro adiantou ós albivermellos no Carranza cunha definición que é difícil de ver no Estadio do Miño. De completo matador. Malia o respeto que tiña pola oradora do noso percorrido turístico, deixeime levar pola tentación de abrir unha canle que retransmitía o partido. E pasoume como a Sigfrido. Minutos despois da vantaxe albivermella Manu Vallejo fixo a igualada cun gol que tamén foi pura maxia. Sen ángulo, inventouse unha xogada case ó bordo da liña de fondo. Regateou ó que se puxo diante e cravouna, sen practicamente disposición de tiro, na portería defendida por Juan Carlos.

 

Quedei tan abraiado que lancei un improperio que logo tentei disimular cunha tos. Por certo, dous rapaces que por aló pasaban riron a esgalla. Entenderonme á perfección. Eran portugueses, a minoría máis representada de Luxemburgo. E tanto, porque hai máis de 100.000 nun país que non chega ós 600.000 habitantes (escolleron este destino nos últimos anos da ditadura de Salazar. Segundo os locais, encaixaron ben por seren “locais, brancos e traballadores” coma eles). Pedín disculpas ós compañeiros de roteiro e decidín que, como a Melusina, o CD Lugo, coñecido neste contexto como 'Luxemlugo', pedíame unha privacidade e unha desconexión ese sábado que eu non era quen de darlle. Apaguei o móbil e decidín concentrarme nas explicacións. Rematado o tour, comprobei o resultado e respirei aliviado ó ver un empate valiosísimo nun campo sempre complicado. Iso si, coma sempre, o seu valor final obterase cando se compare co que se colleite esta fin de semana contra o Albacete. Tamén cae a sábado. Desta volta en Lugo. E irei… Agardo non ser eu o que acabe guindándose ó Río Miño.