Case tódolos días espertamos cun estudo novo. Son o argumentario moderno. Enquisas pagadas, e moitas veces interesadas, que refutan calquera cousa. A cervexa é boa segundo o Instituto de Wisconsin. Durmir pouco é sinónimo de ser intelixente segundo a Confederación Brasileira de Insomnes. Usar calcetíns desemparellados axuda a camiñar máis recto segundo a Asociación de Defensa dos Impares. E así até mil exemplos ós que moitos medios lles dan crédito para encher espazo. A maioría feitos en base a un cento de enquisas que afirman ter unha marxe de erro mínima.

Unha mostra que se traduce en millóns de persoas que están a favor do argumento que se queira vender e unha porcentaxe máis pequena en contra. Porque tamén teñen dereito a vivir aínda que a estatística e as ditaduras das supostas maiorías digan o contrario. Se puidese, Tino Saqués, presidente do CD Lugo, encargaría un estudo para concluír que os equipos sen directores deportivos funcionan como a seda. Porque segundo el, esta figura non “encaixa” coa xenética do conxunto albivermello, convertido nunha trituradora dos mesmos.

 

Na maioría dos partidos desta categoría, o que é quen de dar primeiro, polo menos, suma un punto

 

Monteagudo, adestrador deste plantel, tampouco vería con malos ollos unha investigación que refutase que xogar á contra na categoría máis defensiva que se lembra é sinónimo de éxito. O manchego agarda con ansia a métrica que lle dea a razón ós descalabros tácticos que comete semana si e semana tamén. Contra o Real Zaragoza, o CD Lugo encaixou unha nova derrota logo de poñerse por diante do marcador. Na maioría dos partidos desta categoría, o que é quen de dar primeiro, polo menos, suma un punto.

Pero no estudo de Monteagudo, a marxe de erro é tan grande que vai ter que facer a súa mostra na liga de Ucrania. Esa da que provén Orest Lebedenko, unha das fichaxes invernais que veu facer a pretempada a Lugo en forma de Erasmus pago. Un capítulo máis do aluado curso desta entidade, na que agora o presidente, autoproclamado Centinela do Oriente galego, tamén vai fichar nunha comisión técnica na que terá dereito de veto, e na que traballarán, se lles deixan, Manolo Mandiá, Roberto e Adrián Laureda. Eles saben de fútbol, pero quen coñece a forma dos billetes é outro. E así todo.

 

Segundo un estudo, todos os equipos de fútbol de Lugo que se converten en sociedades unipersoais acadan a permanencia na última xornada con gol de penalti inxusto

 

Segundo un estudo, todos os equipos de fútbol de Lugo que se converten en sociedades unipersoais acadan a permanencia na última xornada con gol de penalti inxusto. Este titular, á vista da dinámica, conformaría a unha afección que, malia as negras treboadas que asoman no horizonte, aínda ten alma para auto-organizarse. Esta pasada fin de semana presentouse en sociedade o bar da Federación de Peñas. Unha xornada animada que, pola contra, botou por terra un dos estudos que até o momento si tiña cabida. O sábado tiveron lugar varios xantares de afeccionados. Até a data, sempre que os horarios de Tebas permitisen unha sobremesa repousada, o CD Lugo sairía vivo do Estadio do Miño. Contra o Real Zaragoza á maioría quedóuselle cara de parvo.

En anteriores capítulos, o amargor da derrota podía achacárselle ó colexiado. No 1-2 contra o conxunto maño, transformado polas circunstancias nun rival directo, nin iso. Certo é que Pulido Santana tivo varias decisións que convidan á dúbida. Mais foron por ambos bandos. Pero o que ningún estudo é quen de explicar é que quixo facer Manu Barreiro, cando o empate aínda estaba no marcador. Só, contra o porteiro, inventouse un remate que só el entendeu. E logo veu o gol da vitoria visitante. Por se algún non se botara ás mans á cabeza o suficiente, Monteagudo preocupouse en sinalar o xogador en sala de prensa, unha manía que vén repetindo dende que chegou a Lugo e que non fai máis que enrarecer aínda máis o ambiente. Este ano son tantos os paos que os seareiros albivermellos levan no corpo que algúns xa nin se padecen. Sorte que hai outros equipos empeñados en facelo aínda peor. Polo momento...