Semella que volve o “¡a por ellos!” e desta vez non dirixido polos sectores de extrema dereita españolista senón que desde o pasado xoves hai un importante sector de persoas progresistas e de esquerdas que están colaborando entusiasticamente na demonización do independentismo catalán, responsabilizándoo da convocatoria das eleccións xerais do 28 de abril.

Que Pedro Sánchez teña convocado as eleccións para o 28 de abril foi unha decisión que adoptou libremente, pois non había nada que lle obrigara a facelo; e conforme avanzan os días vese máis claro que esta convocatoria de eleccións forma parte dunha operación perfectamente calculada para situar ao PSOE no centro do taboleiro político; trasladando a idea de que votar PSOE é a única opción para parar á extrema dereita e a un independentismo catalán insolidario e irresponsábel.

Se analizamos con tranquilidade, e sen deixarnos levar polas emocións, os pasos dados por un supervivente nato como Sánchez, é doado chegar á conclusión de que esta situación foi buscada por el a man tenta; aproveitando moi ben o españolismo rancio e o odio a Catalunya inoculado nos últimos anos, e o problema de moita xente de confundir os desexos coa realidade etiquetando ao PSOE como de esquerda ao atender ás súas siglas e non aos seus feitos; tendencia esta última que serviu para encher as urnas de votos do PSOE en diversas citas electorais ao longo das últimas décadas. As escusas do mal menor e do voto útil para frear á dereita farán o resto.

Desde que foi elixido presidente do goberno de España o 2 de xuño de 2018, Pedro Sánchez ten despregado unha ampla e efectiva campaña propagandística; e se preguntamos polo que ten feito, [email protected] dirán que neste oito meses ten actuado como un goberno de esquerda aprobando medidas progresistas e botando abaixo moitas das políticas lesivas aprobadas polo goberno de Rajoy, e dirán tamén que tiña intención de aprobar os orzamentos máis progresistas da historia, pero que lle foi imposíbel debido á alianza entre a dereita e o independentismo insolidario.

Á hora da verdade mudou tanto a situación nestes oito meses de goberno do PSOE?

A mudanza fundamental está na percepción subxectiva de moita xente; é certo que houbo unha sensación de alivio xeneralizada porque xa non gobernaba Rajoy, pero apenas nada máis.

Un goberno sen maioría é un goberno inestábel, por tanto Sánchez precisaba negociar a varias bandas cada vez que quería aprobar algo. Pero se quitamos a promesa dos orzamentos máis sociais da historia que vendeu xunto a Pablo Iglesias, o resto nestes oito meses soaba moi ben nos ouvidos de moita xente, pero non ía acompañado nin de propostas lexislativas que demostraran que ía en serio, nin tampouco de movementos para conseguir os votos que precisaba.

Descoñezo se era esa a súa folla de ruta desde o inicio pero empezo a pensar que si, pois quen venceu nun duro pulso a todo o aparato histórico do vello PSOE non pode ser tan parvo como para pensar que ía contar co apoio indefinido de outras forzas políticas sen darlles nada a cambio.

Sánchez sabía que a Podemos tíñao desactivado tanto polas súas liortas internas como polo gol que lle meteu cuns orzamentos que Pablo Iglesias quería esgrimir como proba da súa utilidade. Pero como licenciado en económicas Sánchez sabe botar contas, e esas contas dicíanlle desde o primeiro día que ou contaba co independentismo catalán ou non podería seguir adiante.

O que fixo Sánchez co tema catalán, foi pau e cenoria, pau lanzando a Borrell e a outros representantes do máis rancio españolismo e lembrando de cando en vez que eles foron leais co PP apoiando a aplicación do 155, e cenoria dicindo que era o tempo do diálogo e que estaba disposto a falar. Todo isto durante meses, até que poucos días antes da votación das emendas á totalidade dos orzamentos e en vésperas do inicio do xuízo político contra os líderes independentistas decidiu rachar calquera tipo de diálogo co independentismo. Esa decisión coincidente no tempo co ambiente enrarecido previo á concentración da dereita españolista na Praza de Colón de Madrid, situou diante da opinión pública española a Pedro Sánchez como o único defensor da España constitucional fronte a unha extrema dereita que quere retrotraernos ao franquismo e un independentismo identitario, dereitoso e insolidario que non apoia os “orzamentos máis socias da historia”.

Está claro que cos seus dirixentes sentados no banco dos acusados e vendo como o PSOE se levantaba da mesa sen dar opcións de retomar o diálogo, ao independentismo catalán non lle quedaba outra que manter as súas emendas á totalidade, e por tanto impedir que se aprobaran os orzamentos. Iso sabíao Pedro Sánchez desde o principio.

O que é alucinante é que persoas de esquerdas, progresistas e incluso algúns que se autocualifican como independentistas leven días branqueando a un partido que xa non é a primeira vez que fai esta xogada. E non vale o do medo á extrema dereita, pois un dos máximos responsábeis de que a extrema dereita sega aí, é ese PSOE que levanta a bandeira vermella de cando en vez, pero no seu día a día desde hai corenta anos ten sido o maior puntal da monarquía e do réxime herdado do franquismo.



x