Cinco anos despois o terrorismo segue vendendo

Duarte Correa - Profesor e sindicalista.


O día 20 fixéronse cinco anos do anuncio do fin da actividade armada por parte de ETA, e pese á lóxica desconfianza ao respecto do cumprimento dese anuncio a realidade real é que o anuncio ía en serio e desde o 20 de outubro de 2011 non se ten producido ningunha acción violenta por parte de ETA.

Pero fronte a esa realidade coñecida e celebrada polo pobo vasco hai quen segue a obter dividendos levantando a pantasma do terrorismo, e atopámonos unha realidade virtual fabricada por uns medios de comunicación do sistema sempre dispostos a formar parte da estratexia de intoxicación do que chaman democracia española.

O lóxico, formando Euskal Herria parte desta España Una Grande y Libre, sería que cinco anos sen accións de ETA produciran un montón de información, con artigos, primeiras páxinas, debates, documentais, noticiarios, suplementos, dossiers... do tipo “cinco anos sen terrorismo”, “cinco anos de triunfo da democracia fronte ao totalitarismo”, “cinco anos de paz”.... 

Algo houbo pero, tendo en conta que se trata do aniversario redondo dun feito tan importante, poderíamos dicir que a efeméride pasou case de puntiñas, como se non houbera interese en conmemorar un feito que mudou a vida cotiá dos vascos e vascas.

Pero a lóxica moitas veces non se corresponde cos intereses de quen ostenta o poder nin coa realidade virtual fabricada. 

O pasado día 13 anúnciase a localización dun gran zulo “estratéxico” de ETA a cen quilómetros de París repleto de armas e explosivos en “bon estado de conservación”.

Unha vez máis os poderes do estado, sabedores de que o medo ao “terrorismo vasco” segue vendendo en amplos sectores da sociedade do estado español, deciden “lembrarnos” que ETA está aí

O día 14 anúnciase que un xuíz francés ordenou a busca do dirixente de ETA Josu Ternera e que a policía rexistrou vivendas e locais en Iparralde. 

O día 15 anúnciase unha “emboscada” en Alsasua a dous gardas civís e ás súas mozas por parte de “medio centenar de radicais abertzales” que tentaron linchalos.

O día 18 anúnciase que a ex-membro de ETA Idoia López Riaño condenada por varios asasinatos obtén un permiso que lle permitirá saír da cadea tres días.

Non creo que esteamos diante dunha casualidade, unha vez máis os poderes do estado, sabedores de que o medo ao “terrorismo vasco” segue vendendo en amplos sectores da sociedade do estado español, deciden “lembrarnos” que ETA está aí e mantén a súa capacidade para sementar o terror.

Curiosamente algúns dos que moven os fíos para crear esta realidade virtual declaraban a súa alegría cando o inicio do alto o fogo en Colombia e mostraban o seu desgusto co rexeitamento ao Acordo de Paz en Colombia na consulta do 3 de outubro. 

Cada quen que tire as súas conclusións.