O Brexit do Reino Unido, primeiros apontamentos

Duarte Correa - Profesor e sindicalista.


Hai poucas horas que coñecemos a decisión adoptada onte no referendo celebrado no Reino Unido e xa temos nas tertulias aos expertos que todo o saben falando de que iso é unha loucura e de que detrás de quen apoiaron a saída da Unión Europea  están só a extrema dereita e a xenofobia.

Tamén se lles enche na boca coa preocupación polo futuro das persoas que non son británicas e viven nas illas como se estivera  en perigo a súa existencia; eses mesmos botan un pano de silencio sobre os centos de persoas que cada semana morren afogadas no Mediterráneo tentando chegar a Europa.

É certo que quen lideraron a campaña pola saída da UE fixérono por motivos que teñen pouco de progresistas e de defensa dunha Europa social e de pobos libres, pero non debemos aturar a demagoxia de quen defenden como paraíso unha Unión Europea que tampouco ten nada de democrática e social. Son falsos os discursos que defenden unhas orixes progresistas, democráticas etc... desta estrutura creada polo Tratado de Roma.

Non debemos aturar a demagoxia de quen defenden como paraíso unha Unión Europea que tampouco ten nada de democrática e social

Hoxe hai xa documentos desclasificados dos EEUU que nos demostran que os inicios do chamado proceso de construción europea e algúns dos país fundadores ían da man da CIA e da súa predecesora a OSS. O historiador Perry Anderson lémbranos ademais no seu interesante estudo sobre as orixes e a funcionalidade da Unión Europea O novo vello mundo que o presidente norteamericano Eisenhower declarou no seu momento que o día da sinatura do Tratado de Roma foi para os EEUU un día máis feliz incluso que o día da vitoria sobre o nazi-fascismo. Todo isto agachouse sempre á opinión pública para espallar o discurso único de que a UE significa modernidade, futuro, democracia e progreso, pero non é así.

Hoxe é un día de grande preocupación e nerviosismo nos despachos de Bruxelas e Washington pois o non agardado, e menos despois do asasinato “casual” da deputada laborista Jo Cox, aconteceu. O Brexit cun 51,9% impúxose ao Bremain que obtivo o 48,1%. 

Ábrese un novo capítulo co resultado de onte e non podemos prever o futuro, sobre todo se atendemos a consultas non tan lonxanas en Francia e Dinamarca contra o Tratado de Maastricht que os democráticos gobernos europeos se pasaron polo forro, e hai pouco máis dun ano comprobamos tamén o caso que lle fixo o ruturista Tsipras á decisión do pobo grego en referendo sobre as imposicións da troika.

Do que non hai dúbida é do intento de demonizar a todas aquelas persoas e organizacións que nos opoñemos á Unión Europea calificándonos a todos e todas como xenófobos, reaccionarios, etc.... Pero debemos reaxir pois a política é como é, chea de contradicións e de oportunidades que debemos aproveitar. Igual que no seu momento o nacionalismo galego denunciou o que significaba para Galiza a adhesión do estado español á CEE e fomos contra a marea, hoxe debemos intensificar a nosa denuncia desa Unión Europea neoliberal defendendo a construción sobre as súas cinzas dunha Europa dos Pobos con xustiza social.

Do que non hai dúbida é do intento de demonizar a todas aquelas persoas e organizacións que nos opoñemos á Unión Europea

O referendo aínda que poida semellar contraditorio reabre e con forza o proceso de independencia de Escocia; lembremos que en setembro de 2014 dixéronlles que os botarían da UE caso de optar pola independencia. Ese 62% de apoio escocés onte á permanencia na Unión Europea pode dar un xiro importante ao proceso escocés aínda que só sexa por contraposición á decisión da maioría da poboación do estado do que buscan independizarse.

O referendo aínda que poida semellar contraditorio reabre e con forza o proceso de independencia de Escocia

Teremos tempo para comprobar como se move todo isto e nós non debemos ficar pasivos como meros observadores.