A sesión constitutiva da Asemblea Nacional do Poder Popular (Parlamento Cubano), saída das eleccións celebradas o 11 de marzo, elixiu os e as integrantes do Consello de Estado, que é o órgano de goberno da República de Cuba. Consello de Estado presidido por Miguel Díaz-Canel, en substitución de Raúl Castro. Miguel Díaz-Canel, que este venres cumprirá 58 anos, é a partir de agora xefe de estado e de goberno de Cuba; un cadro fogueado en diversas responsabilidades ao longo de anos e que até hoxe era vicepresidente. Quen o teñen tratado directamente cualifícano como persoa flexíbel e aberta consciente de que Cuba debe introducir cambios co obxectivo de mellorar as condicións de vida do povo, pero sen poñer en perigo as bases ideolóxico-políticas sobre as que se constrúe o socialismo cubano.

A ninguén se lle escapa que esta elección abre unha nova etapa na revolución cubana, pois unha nova xeración é a que pasa a dirixir o país, unha vez a coñecida como xeración histórica que protagonizou a revolución, a xeración do asalto ao Moncada, do Granma e de Serra Maestra, dá un paso atrás consciente de que o seu papel xa nin pode nin debe ser o de dirixir o día da día. Un paso atrás que non supón nin relevo nin ruptura coa historia, senón que se mantén o contacto coa anterior etapa estabelecéndose unha continuidade por medio da presenza do comandante Ramiro Valdés nunha das vicepresidencias do Consello de Estado. 

Ademais da importancia referencial e simbólica que ten a responsabilidade asumida por Miguel Díaz-Canel hai que salientar a presenza de 16 mulleres fronte a 15 homes no novo Consello de Estado, o feito de que o 45% das persoas que integran o novo goberno cubano sexan negras ou mestizas e unha renovación dun 35%.

Hai que salientar a presenza de 16 mulleres fronte a 15 homes no novo Consello de Estado, o feito de que o 45% das persoas que o integran sexan negras ou mestizas e unha renovación dun 35%

 

Diante dos cambios que se producen nas máis altas instancias do estado cubano están xa a elaborarse múltiples teorías, rumores de confabulacións, etc..., e haberá ademais quen unha vez máis queira dicirlle ao povo cubano que é o que debe facer. Todo isto non é novo.

Cando caeu a Unión Soviética moitos agoiros fixeron apostas sobre canto tempo ía resistir Cuba, e algúns dicían que só sobreviviría se acreditaba nas súas receitas de socialismo ideal. Uns e outros facían unha lectura errada e dogmática do proceso revolucionario cubano. Cuba tentou construír a súa independencia coa entrada dos barbados na Havana en 1959, enfrontándose ao seu poderoso veciño norteamericano, distantes escasos 150 qm, e que xa desde o século XIX consideraba a illa como unha colonia. E foi a feroz presión dos EEUU a que levou aos dirixentes cubanos a apoiarse na URSS como única opción para resistir e poder manter a raia ao imperialismo ianqui.

Pero Cuba non caeu a continuación da URSS, como aconteceu coas democracias populares dos países do leste de Europa; por contra, o povo cubano no chamado período especial foi quen de asumir uns sacrificios, dos que puiden ser testemuña, que en calquera outro país terían provocado grandes revoltas que rematarían por derrocar o goberno responsábel. Cuba resistiu e resiste, porque a revolución non foi importada, senón que foi cimentada sobre os principios da independencia nacional e do anti-imperialismo.

Cuba non caeu a continuación da URSS, como aconteceu coas democracias populares dos países do leste de Europa

 

Foron descomunais os sacrificios, pero pese ás privacións e aos graves problemas económicos as necesidades básicas e as conquistas fundamentais da revolución mantivéronse, e en calquera comparación cos estados do seu contorno sae gañando.

Determinadas conquistas da revolución cubana como o ensino, a sanidade, a atención á infancia, a solidariedade internacionalista, o nivel cultural medio da poboación..., son exemplo da capacidade que ten o ser humano de construír unha sociedade rexida por uns criterios totalmente distintos ao consumismo e ao hedonismo que hoxe dominan o mundo, criterios que sitúan o propio ser humano como centro. E se iso ten un valor por si mesmo, máis debemos darlle se temos en conta que estamos falando dunha pequena illa do Caribe que non chega aos 110.000 qm² de superficie. 

Non está de máis lembrar a quen son hipercríticos cos supostos “desvíos” da revolución cubana que Cuba é un país do chamado terceiro mundo, asediado desde hai décadas polo imperialismo; e que ten por veciños a estados nos que hai miseria, e nos que a loita polas liberdades e polos dereitos remata moitas veces con asasinatos ou desaparicións, estados nos que hai pluripartidismo pero nos que non hai democracia. 

Nesta nova etapa que se abre o Consello de Estado ten por diante importantes retos, de entre eles e atendendo ás manifestacións realizadas por analistas cubanos destacaría:

-Conseguir o respecto e o apoio da maioría do povo, algo fundamental e complexo tendo en conta que os novos gobernantes non contan con biografías cheas de feitos históricos iniciados co asalto ao cuartel do Moncada. As transformacións que precisa Cuba, para manter o rumbo da construción dunha sociedade socialista, van ser moitas e nalgúns casos van ir en contra de xeitos de funcionar nos que segue instalada unha parte da poboación cubana; e, aínda que só sexa por medo ao descoñecido, pode haber resistencias. Todas esas transformacións para implantarse e ser efectivas precisan dun povo que primeiro as asuma e despois acompañe a súa posta en marcha.

-Afondar na actualización do modelo económico e social cubano definido nos lineamentos aprobados no VI Congreso do PCC e reformulados no VII, un modelo económico no que, como din os propios documentos, “é imprescindíbel que a propiedade socialista se consolide como a principal, mais que poida  coexistir con outras formas de propiedade e, así, poder avanzar en dirección a unha sociedade socialista próspera e sustentábel”. Un modelo económico que garantindo a propiedade estatal de servizos públicos, medios de produción, industria chave e recursos enerxéticos, deberá estabelecer os mecanismos para a convivencia harmoniosa das propiedades estatal, privada e cooperativa. 

-Perfeccionar o sistema político cubano empezando por unha reforma constitucional, tal e como foi anunciado nas conclusións do Pleno do Comité Central do PCC celebrado en marzo, unha reforma que “...ratificará o carácter irrevocábel do noso socialismo...” pero ao tempo deberá proceder a unha actualización en base á realidade cubana actual e á reclamación de incluír novos dereitos, mellorar o funcionamento do mecanismo electoral e converter a Asemblea Nacional do Poder Popular nun elemento activo da realidade cubana.

-Afrontar o perigo que supón para a continuidade do proceso revolucionario o forte envellecemento dunha sociedade que neste momento conta xa cun 20% de persoas maiores de 60 anos, realidade máis propia dunha sociedade de corte occidental que dunha sociedade en desenvolvemento.

-Intensificar o combate ideolóxico, desterrando concepcións herdadas verdadeiramente nocivas, que confunden igualitarismo con igualdade e crítica con traizón. E encarar a falla de compromiso de algúns sectores, sobre todo entre a mocidade, que coa progresiva apertura empezan a estar imbuídos de unha cultura de corte capitalista na que os estímulos da cultura, da solidariedade e da construción do home e muller novos están a ser substituídos polo consumismo.

Cuba ten de desterrar concepcións herdadas verdadeiramente nocivas, que confunden igualitarismo con igualdade e crítica con traizón

 

Céspedes, os mambises e Martí na súa loita pola independencia contra os españois trazaron o camiño que levou ao Moncada e a Serra Maestra, erguendo a bandeira da estrela solitaria que puxo no firmamento dos estados independentes á República de Cuba, e hoxe ábrese un novo capítulo na loita deste pequeno povo. O camiño vai estar cheo de obstáculos e incertezas, pero quen levamos moitos anos seguindo e apoiando a Cuba temos comprobado como ese povo sempre tivo capacidade para resolver e camiñar cara diante.