Deixounos Marta Harnecker, unha educadora marxista

Duarte Correa - Profesor e sindicalista.


Onte sábado morreu a educadora marxista chilena Marta Harnecker, autora que tivo moita importancia na formación e auto-formación de xeracións que nos iniciamos no marxismo nos anos setenta e oitenta; aos conceptos e ao funcionamento do marxismo tivemos acceso inicialmente naqueles cadernos de educación popular, publicados xunto con Gabriela Uribe en Chile, e despois adaptados á realidade de outros estados; uns cadernos dos que se publicaron centos de miles de exemplares.

No meu caso foron as edicións española e portuguesa que aínda conservo, publicadas ambas a mediados dos anos setenta, as que me achegaron á loita de clases, aos conceptos de imperialismo, socialismo, dependencia; ou ás diferenzas entre partido e fronte política ou estratexia e táctica.

A linguaxe e a estrutura moi pedagóxica desas obras, xunto coas ganas de ler todo o que che permitira saber de marxismo, fixeron que durante un tempo buscara nas librarías obras dela até que tropecei coa súa obra máis coñecida, Os Conceptos elementais do materialismo histórico que me deixou alguén cando estaba en COU. Un libro que me provocou unha crise existencial, pois a primeira vez que o lin fíxeno de xeito tan rápido que non o entendín; e durante un tempo pensei que o problema estaba en que eu non era un verdadeiro marxista, pois todo marxista debía entender esa obra dado que tiña múltiples edicións e traducións a diversos idiomas.

Pouco despois, xa familiarizado directamente cos autores fundamentais do marxismo, volvín tropezar coa obra de Marta Harnecker na etapa da perestroika e da caída da URSS, cando aqueles que non formábamos parte do comunismo oficial, penso que grazas á nosa peculiaridade de non contarmos con padriños, víamos con ollada crítica tanto os recetarios da editorial Progreso (vinculada ao Instituto de Marxismo-Leninismo do CC do PCUS) como as novidosas ideas dun Gorbachov que abriu a porta á destrución do que tiña sido o primeiro estado socialista, favorecendo a etapa de hexemonía dos EEUU, coñecida como unipolarismo.

Vangarda e crise actual, Estratexia e Táctica ou máis tarde A esquerda no umbral do século XXI e múltiples textos máis pequenos e entrevistas sobre procesos políticos latinoamericanos, achegáronme a unha autora á que puiden escoitar na Semana Galega de Filosofía. Unha Marta Harnecker na que descubrín unha grande flexibilidade, as veces excesiva para min, e unha visión aberta e non mecanicista do marxismo, que consideraba fundamental o coñecemento profundo do pasado e dos procesos políticos e sociais para poder actuar correctamente no presente, tomando exemplo da importancia que daban á historia Marx e Lenin.

Non vou agochar que a figura de Marta Harnecker ten sido e é aínda obxecto de fortes debates, ao meu entender as veces levados máis por filias e fobias que por unha análise rigorosa da súa obra e da súa figura. Hai quen a ten acusado de proceder a unha redución do marxismo, sobre todo no seu libro emblemático e algo de certo hai nesas críticas; outros din que era unha persoa de carácter brusco que pese a defender a pedagoxía e o diálogo, á hora da verdade actuaba de xeito contrario, baseándose para esas críticas nas diverxencias que tivo con determinadas actuacións do chavismo; e algunha persoa que traballou con ela aínda me comentaba hai uns meses que era certo o do seu forte carácter, pero ao tempo comentaba que nesa crítica cara ela había importantes doses de machismo.

Por outra banda están os defensores, comunidades campesiñas, movementos sociais que a consideran un dos pilares do marxismo polo feito de que lles permitiu coa súa linguaxe simple achegar o marxismo a sectores que de outro xeito non poderían coñecelo.

Creo que co paso do tempo teño lido grande parte da obra de Marta Harnecker, algúns dos seus libros están nesa parte da miña biblioteca que consulto cada certo tempo, e hai outros que considero totalmente prescindíbeis ao ser traballos de conxuntura. Para min o maior valor de Marta Harnecker era a súa preocupación por facer accesíbel o marxismo, algo fundamental pero que no mundo en que debemos actuar é cada vez máis difícil, tanto pola complexidade de algunhas obras marxistas, como pola falla de formación intelectual. A invasión das novas tecnoloxías reduciu a capacidade de concentración e atención, e millóns de persoas alfabetizadas non posúen as capacidades de comprensión e análise de textos complexos; por iso o traballo de elaboración de materiais de doada comprensión, e o emprego do audiovisual son fundamentais, e niso traballaba nos últimos anos, Como me comentaba na madrugada do sábado a súa compañeira en moitos proxectos, Isabel Rauber, a morte de Marta Harnecker aínda que esperada dado que sabiamos do seu delicado estado de saúde, é unha dura perda para quen loitamos polo socialismo.