Exército e islamistas protagonistas en Exipto

Duarte Correa - Profesor e sindicalista.


Vai alá mes e medio do golpe de estado que rematou co goberno dos Irmáns Musulmáns presidido por Mohamed Mursi en Exipto, nas semanas inmediatamente posteriores ao golpe eran moitas as persoas e organizacións que acreditaban que estabamos diante dunha verdadeira revolución na que unha inmensa mobilización popular co apoio das forzas armadas viña de rematar co  experimento de islamización da sociedade exipcia posto en marcha polos Irmáns Musulmáns co seu acceso por primeira vez ao goberno un ano antes, tras 85 anos de existencia como organización.

Vai alá mes e medio do golpe de estado que rematou co goberno dos Irmáns Musulmáns presidido por Mohamed Mursi en Exipto, nas semanas inmediatamente posteriores ao golpe eran moitas as persoas e organizacións que acreditaban que estabamos diante dunha verdadeira revolución na que unha inmensa mobilización popular co apoio das forzas armadas viña de rematar co  experimento de islamización da sociedade exipcia posto en marcha polos Irmáns Musulmáns co seu acceso por primeira vez ao goberno un ano antes, tras 85 anos de existencia como organización.

"Eramos unha minoría quen sen desvalorizar a ampla mobilización e sen deixar de denunciar a política do goberno Mursi tiñamos moitas dúbidas sobre a  chamada segunda revolución exipcia".

Eramos unha minoría quen amosabamos as nosas dúbidas ao respecto deses acontecementos, quen sen desvalorizar a ampla mobilización e sen deixar de denunciar a política do goberno Mursi tiñamos moitas dúbidas sobre a  chamada segunda revolución exipcia, unha revolución que semellaba cabalgar a lombos dun exército que tras décadas de exercer un férreo poder ditatorial sobre o seu pobo decide pasarse ao bando da revolución. 

Levo xa escrito varios artigos ao respecto das chamadas primaveras árabes amosando sempre o meu respecto para coas organizacións e persoas que se teñen mobilizado na loita pola liberdade, pero iso non debe impedir amosar a miña prevención ao respecto de algo que se nos presenta como demasiado lineal. 
Os Irmáns Musulmáns contaron co apoio axustado pero maioritario do electorado hai un ano fronte a un candidato procedente do réxime de Mubaraq, dividíndose naquel momento a sociedade exipcia entre quen  agardaban co seu acceso ao goberno o inicio dun cambio positivo confiando nas súas propostas electoriais e no seu coñecido e eficiente labor asistencial, e outro sector no que emerxía o medo a que o novo goberno tentara proceder á islamización da sociedade. 

Co paso dos meses as condicións de vida do pobo exipcio non melloraron, aumentou o desemprego, encarecéronse os alimentos básicos..., a represión non se diferenciaba da exercida polo exército na etapa de Mubaraq e desde o goberno adoptáronse medidas tendentes á islamización. Todo iso levou a que das brasas aínda acesas das protestas da Praza Tahir de xaneiro e febreiro de 2011 brotara nova chama cun pobo que tiña fresca na memoria a caída de Mubaraq e por tanto consideraba factíbel facer o mesmo co goberno de Mursi.

"Co paso dos meses as condicións de vida do pobo exipcio non melloraron, aumentou o desemprego, encarecéronse os alimentos básicos..., a represión non se diferenciaba da exercida polo exército na etapa de Mubaraq e desde o goberno adoptáronse medidas tendentes á islamización". 

Tras impresionantes manifestacións Mursi abandonou o goberno do mesmo xeito que Mubaraq, é dicir, obrigado por un exército que é central desde hai décadas tanto na vida social e económica como no entramado institucional do país.

Algúns analistas consideran que o exército exipcio deu resposta a unha esixencia da rúa que se mobilizaba contra o goberno dos Irmáns Musulmáns e que  por fin deu o paso de poñerse a carón do seu pobo, rememorando a etapa nasserista e o Movemento Libre de Oficiais que tiña unha forte compoñente popular e de esquerda. 

Un camarada coñecedor da zona tentaba facerme ver hai unhas semanas que o de Exipto sí é unha verdadeira continuidade dun proceso revolucionario con apoio da maioría da poboación na rúa e non un golpe de estado, un proceso no que os sectores laicos, progresistas, de esquerda marxista e nasserista viron como única saída botar fóra do goberno aos Imáns Musulmáns, un camiño no que coincidiron cuns militares obrigados a pronunciarse sen por iso descoñecer o perigo que supoñían estes. Na nosa conversa eu dicíalle que respetando o seu coñecemento directo disprepaba de que a actuación dos militares supuxera un avance,  pois voltaban asumir a dirección real do país amosando o seu poder para decidir gobernos, un poder que neste caso pasaba a contar co aval dunha esquerda á que perseguían non hai tanto tempo sen terse dado previamente unha limpeza e asunción de responsabilidades polos crimes cometidos na etapa de Mubaraq.

"Hoxe en Exipto os actores principais seguen a ser o exército e os Irmáns Musulmáns disputándose o poder.  E nos vindeiros meses as perspectivas semella que non van ser nada boas nin para o conxunto do pobo exipcio nin para aqueles que traballan por un cambio verdadeiramente revolucionario".

A decisión de manter retido en lugar segredo ao deposto presidente Mohamed Mursi, as distintas ocasións en que nestas semanas se teñen dirixido aos Irmáns Musulmáns para que cesen nas súas protestas,  os enfrontamentos con ducias de mortos, e sobre todo a masacre do mércores pasado na tentativa de desmantelar os campamentos de protesta, masacre na que o goberno recoñece máis de 500 mortos que os islamistas elevan a 4500, son feitos que amosan ás claras a existencia dun goberno títere presidido por Mansur e dun poder real que é o dos militares.

A declaración do estado de emerxencia e do toque de queda, xa por si mesmos graves, no caso exipcio teñen unha compoñente simbólica moi importante pois entre o 1981 e 2012 o país viviu nun estado de emerxencia ininterrumpido imposto por Hosni Mubaraq despois do asasinato do seu antecesor Anwar el-Sadat en outubro de 1981 por islamistas radicais. 

Restan aínda moitos capítulos pero despois dun tempo no que a complexidade dos acontecementos podía facernos chegar a outras conclusións hoxe en Exipto os actores principais seguen a ser o exército e os Irmáns Musulmáns disputándose o poder.  E nos vindeiros meses as perspectivas semella que non van ser nada boas nin para o conxunto do pobo exipcio nin para aqueles que traballan por un cambio verdadeiramente revolucionario.