En Galicia se come muy bien y barato

Duarte Correa - Profesor e sindicalista.


“En Galicia se come muy bien y barato pero las playas son muy frías”, esa é a referencia que ten moita xente de fóra sobre nós

“En Galicia se come muy bien y barato pero las playas son muy frías”, esa é a referencia que ten moita xente de fóra sobre nós, descoñecen a realidade do noso idioma, a nosa economía e non digamos a nosa realidade política, como moito lembran a Fraga. O que digo a algunhas persoas pode semellarlles anecdótico e a outras algo lóxico dado que tampouco nós coñecemos a realidade doutros pobos, pero non é así. Expresións do tipo das que encabezan este artigo saían na conversa que mantiñamos con persoas coas que coincidimos nunha viaxe hai unhas semanas, esas persoas eran españolas e catalás, e coincidían no descoñecemento de Galiza, un descoñecemento que non tiñan os españois no caso de Catalunya ou os cataláns no de Euskal Herría.

Nos días que compartimos foron diversos os temas dos que falamos, a meirande parte deles intranscendentes e propios da época estival, pero tamén estiveron enriba da mesa as vindeiras eleccións catalás e o proceso independentista, a corrupción, Podemos, a situación grega, a crise e os seus efectos, as eleccións estatais previstas para despois do verán, a ruptura de CiU, a situación vasca, etc...

Cando falabamos da nosa realidade lingüística cun idioma propio, de organizacións políticas e sociais propias ou das importantes mobilizacións sociais realizadas no noso país nos últimos tempos (sector do mar, leite, etc..) os xestos de estrañeza eran a tónica dos nosos interlocutores e interlocutoras, a maioría boa xente e cun nivel de formación e información superior ao que pode ser a media no estado español. Para referirse a Catalunya a ninguén se lle ocorría dicir que teñen uns castellets moi bonitos ou que a sardana é un pouco aburrida e no caso vasco tampouco se poñía en primeiro lugar o bo que está o bacallau á biscaíña.

O que relato non é máis que unha experiencia particular pero para min deixa claro unha vez máis que Galiza é unha descoñecida ao non ter peso no Estado, e xa sabemos que quen non ten peso non existe.

Sexa novo tempo ou operación lampedusiana, o certo é que se queremos facer política debemos movernos no campo de xogo

Á volta desa viaxe comprobei como o debate de se precisamos contar cunha voz propia de Galiza en Madrid para falar alí do noso e para traballar polo futuro da nosa nación volve estar enriba da mesa, con distintos actores pero coas escusas de sempre. En tempos era que o nacionalismo dividía á esquerda e colaboraba co sistema, agora é que vai vir a ruptura co réxime da transición e por tanto quen de verdade estea comprometido con esa suposta ruptura debe ir detrás do gran líder Pablo, os apóstolos da Complutense e os novos fieis que sempre se apuntan ás tendencias que teñen etiquetas de modernidade.

Mira ti o trabucado que eu andaba, pois tiña idea de que ese debate en sectores que se denominan a si mesmos nacionalistas ou rupturistas quedara pechado xa en marzo de 1996 cando Galiza apareceu por primeira vez na realidade política estatal da man de Francisco Rodríguez e Guillerme Vázquez, pois nestes case vinte anos día tras día, sesión parlamentar tras sesión parlamentar viuse que só a voz do BNG era a voz dos problemas, das necesidades e das propostas de Galiza fronte a deputados e deputadas de organizacións de obediencia estatal que miraban cara outros lados. Pero o debate está aí non sei se máis polo empeño do adversario ou pola febleza ideolóxica de algúns dos nosos.

Dísenos que estamos nun novo tempo sendo esa a percepción de moita xente, aínda que eu teño as miñas dúbidas e dáme que estamos diante dunha nova operación lampedusiana para mover todo de xeito que dea a impresión de que as cousas mudan pero siga todo igual para os que mandan mentres quen de verdade traballamos día a día por transformar quedamos un pouco máis debilitados por esta operación de desprestixio e de ataque a quen se organiza en partidos, sindicatos, etc...  e non se deixa levar polo discurso cidadanista-individualista.

O movemento feito polo BNG é moi arriscado, sobre algúns perigos escribía hai uns días Manuel Mera, pero observando as reaccións comprobamos que deixou descolocados a todos

Sexa novo tempo ou operación lampedusiana, o certo é que se queremos facer política debemos movernos no campo de xogo, iso foi o que fixo o BNG ofrecendo a súa presenza durante 20 anos sendo a única voz galega en Madrid para sobre ela sumar facendo todo o posíbel porque Galiza poida contar cun grupo parlamentar propio sen interferencias de intereses foráneos e sen deberlle nada a ninguén. 

O movemento feito polo BNG é moi arriscado, sobre algúns perigos escribía hai uns días Manuel Mera, pero observando as reaccións comprobamos que deixou descolocados a todos, sendo de novo o BNG o obxecto da maioría dos ataques desde distintos bandos, destacando os ataques directos ou disimulados que está a recibir por parte de quen envoltos na marea cidadanista agora semella que atopan un competidor que lles bota por terra a folla de ruta deseñada e o discurso.

No calendario semella pouco o tempo que resta, pero en política as semanas vindeiras poden dar para moito sempre que non nos deixemos enredar por quen non queren que isto avance cara ao obxectivo de construír unha candidatura galega que permita a Galiza ter maior forza na política estatal por medio dun grupo parlamentar galego; acadar ese obxectivo será un paso no camiño dunha Galiza Soberana.