O vindeiro martes 4 de decembro o profesorado do ensino público galego vai a eleccións, ese día elixiremos a nosa representación sindical entre sete candidaturas que se presentan.

Nas últimas semanas os taboleiros sindicais e as mesas das salas de profesorado enchéronse de propaganda das distintas opcións sindicais, e nesta ocasión algunhas desas opcións están a empregar medios e técnicas propias das eleccións políticas con envíos postais personalizados ou cuñas en emisoras de radio.

Unha vez máis, o profesorado decidirá cales son as organización sindicais que contan co seu apoio e en que porcentaxe. No meu caso é público a que sindicato apoio, pero observo estas eleccións desde unha perspectiva distinta ás anteriores, pois despois de ter sido “liberado sindical”, nesta ocasión vivo a campaña electoral desde o meu centro.

Creo que lin toda a propaganda que chegou ao instituto, e en toda hai elementos cos que podo estar de acordo. Pero na maioría hai un erro de perspectiva; algúns falan de que son sindicatos serios e útiles porque asinan acordos, como se asinar ou non asinar fose a proba da seriedade ou da utilidade; outros de todo o que se pode conseguir se lles damos o voto, como se estivesemos diante dunhas eleccións políticas; e hainos que non parecen ter perspectiva histórica. 

Quen traballamos no ensino sabemos que o progreso no noso día a día non é froito dunha ocorrencia nin dun momento de inspiración; o avance e o progreso foron e son froito do esforzo e do contacto directo co alumnado, estudándoo, analizando como responde, se acada ou non os obxectivos previamente marcados e se estamos traballando correctamente ou debemos mudar algunhas cousas. Ese esforzo faise todos os días nas aulas, no traballo de coordinación, na cantidade de horas non recoñecidas que dedicamos ao noso traballo na casa, na formación, nas actividades complementarias e nas múltiples actuacións coas que nos centros atendemos  aspectos da educación cívica e social do noso alumnado que non son competencia nosa e que deberían ser asumidos polas familias, ou por outras institucións.

Dese esforzo é moi consciente a CIG-ENSINO e por iso cada curso está presente nos centros por medio da acción da súa afiliación e dos seus cadros sindicais, para non perder contacto co profesorado. Sabe ben que un sindicato ou está mergullado entre os traballadores e traballadoras ou pode rematar por perder perspectiva, deixando de ser útil.

Unha organización sindical é un instrumento do que se dotan os traballadores e traballadoras, unha ferramenta que permite unirse para ser máis fortes na defensa dos seus intereses. Cando esquecemos ese principio básico empezan a aparecer etiquetas posmodernas como “interlocutores”, “axentes”, “entidades”, que inicialmente buscan agachar o verdadeiro nome, SINDICATO; e finalmente conseguen que quen asumen esas etiquetas rematen por considerarse parte dunha elite que pasa o día en reunións de alto nivel, comisións técnicas, xantares de traballo, seminarios....; que levan a perder pé e a considerar como principal obxectivo poñer a sinatura nun documento, sen cuestionarse se á hora da verdade o que conseguen é un verdadeiro avance ou a súa sinatura se converte nun atranco para obter outras melloras, e nunha vitoria para un goberno que obtén unha foto e unha sinatura coas que vender unha imaxe falsa de negociador e dialogante.

A CIG-Ensino sabe ben que un sindicato ou está mergullado entre os traballadores e traballadoras ou pode rematar por perder perspectiva, deixando de ser útil

 

Ese instrumento chamado sindicato non debe ter medo a ser duro co adversario; e nunha relación laboral a patronal, chámese empresariado ou administración, é un adversario.

Ese instrumento debe pulsar o día a día das salas de profesorado, para saber das preocupacións, e das propostas, e para recibir tamén as críticas que o profesorado faga ao seu labor.

Ese instrumento debe propoñer un modelo de ensino, con obxectivos programáticos claros, pero non pode ficar estático agarrado á bandeira, pois o camiño para que cada vez máis asuman esa bandeira faise demostrando a súa utilidade, na atención aos problemas que cada día teñen milleiros de profesores e profesoras na súa relación laboral coa administración.

Ese instrumento chamado sindicato non debe ter medo a ser duro co adversario

 

Ese instrumento debe representar e integrar no seu corpo de afiliación a pluralidade do ensino galego.

Ese instrumento debe ser ambicioso e debe mirar sempre máis alá adiantándose aos acontecementos.

Ese instrumento debe sobre todo estar afeito a navegar contracorrente, pois navegar co vento a favor é moi doado pero é tamén o camiño máis rápido para embarrancar a nave contra as pedras.

O 4 de decembro, para gañarmos o futuro dun ensino público galego e dun profesorado con dereitos, o mellor instrumento é a papeleta da CIG-ENSINO.
 



x