Tal e como prevían todas as enquisas  Syriza gañou as eleccións na Grecia...

Tal e como prevían todas as enquisas  Syriza gañou as eleccións na Grecia obtendo un 36,34% dos votos e 149 representantes no Parlamento Helénico sumando aos 99 que acadou directamente nas urnas os 50 que o sistema electoral adxudica automaticamente á forza política que obteña o primeiro posto nas eleccións.

O líder de Syriza e candidato a primeiro ministro Alexis Tsipras ao longo da campaña electoral centrou a súa mensaxe na necesidade de obter unha maioría absoluta de 151 escanos que lle permitira actuar libremente e sen ter que someterse a pactos con partidos minoritarios, maioría para poder aplicar o seu programa co obxectivo rematar coa situación de sufrimento á que abocou ao povo grego a política ditada pola troika e aplicada desde 2010 polo social-demócrata Pasok e a conservadora Nova Democracia. A falla de dous escanos para a maioría absoluta fai que Tsipras deba negociar con outras forzas o apoio que precisa para poder gobernar. 

"A falla de dous escanos para a maioría absoluta fai que Tsipras deba negociar con outras forzas"

Aínda que podería considerarse lóxica unha alianza co KKE (Partido Comunista Grego) que aumentou en escanos e en porcentaxe o alonxamento nos posicionamentos ao respecto da UE,  do euro, do enfoque do traballo nas organizacións sindicais e na loita de masas e o histórico enfrontamento entre ambos impide calquera pacto; por tanto hai outros dous aliados probábeis de Syriza. Un é To Potami (O Rio) un partido novo liderado por un presentador de televisión e que se define como nin de esquerdas nin de dereitas, que foi a sorpresa nas pasadas europeas e onte quedou en cuarto lugar obtendo 17 escanos e o outro socio posíbel é o ANEL (Partido dos Gregos Independentes) que é unha excisión de Nova Democracia que obtivo 13 escanos.

Os resultados de onte e o previsíbel acceso ao goberno grego de Syriza supoñen unha derrota sen contemplacións do bipartidismo responsábel da actual situación e o povo grego aposta por Syriza coa esperanza de poñer fin á grave e acelerada degradación das súas condicións de vida. Hai propostas programáticas que Syriza di que aplicará inmediatamente como a garantía de enerxía eléctrica nos fogares que están por debaixo do nivel de pobreza ou a sanidade gratuíta para quen non ten traballo; estas medidas urxentes e outras como o plan de emprego e o aumento das prestacións por desemprego foron elementos que, xunto cun apelo ao patriotismo grego fronte a quen aldraxaban ao seu propio povo sen compaixón obedecendo cegamente os mandatos da troika, deron corpo ao que xa moitos consideran o tsunami grego que terá consecuencias en toda Europa. 
 

Noutros países europeos serán moitos os que fagan unha translación mimética destas eleccións gregas e posibelmente asistiremos á aparición de múltiples e supostas syrizas


Un desempregado grego, unha funcionaria que perdeu unha porcentaxe moi importante do seu salario cos recortes, unha titulada universitaria que traballa en Londres de camareira... son algúns exemplos dos centos de milleiros de persoas nesa situación que mañá espertarán coa esperanza posta na construción dunha nova Grecia na que poder recuperar os dereitos que tiñan antes da crise. 

Noutros países europeos serán moitos os que fagan unha translación mimética destas eleccións gregas e posibelmente asistiremos á aparición de múltiples e supostas syrizas que ofertarán a solución aos problemas simplemente dándolles o voto. Entendo que todas as persoas e organizacións que defendemos unha transformación da actual situación en Europa en favor das maiorías sociais debemos alegrarnos polo acontecido en Grecia diante do feito constatábel de que o povo grego que loita desde 2010 na rúa de xeito admirábel contra as políticas neoliberais deulle un forte golpe á troika, pero a cousa non vai ser tan doada en Grecia nin hai receitas universais que permitan exportar experiencias.

Syriza desde 2012 non fixo outra cousa que sumar en espera do resultado electoral necesario para chegar ao goberno pero é agora cando debe definirse sobre o camiño a transitar. Moito do que sumou procede de sectores de clase media empobrecida que cuestionan as políticas que lles afectaron negativamente nas súas condicións de vida e espectativas de futuro e buscan recuperar a posición perdida pero non un cambio social,  e outra porcentaxe son antigos apoiantes e cadros da social-democracia que buscan un novo barco ao fuxir en desbandada dun Pasok ferido de morte, moitos deles con importantes responsabilidades gobernamentais e na estrutura da administración nas últimas décadas. 

Esta suma xunto cun grande esforzo por tranquilizar aos poderes económicos sobre o seu europeísmo entendido como un non cuestionamento da arquitectura básica da Unión Europea e da pertenza de Grecia ao euro fixeron que os ataques recibidos desde o exterior foran moito menores que en 2012 agás as saídas de testo de Merkel e Rajoy que tiveron como contrapeso as palabras do francés Hollande e do italiano Renzi sobre o dereito do povo grego a decidir o seu futuro. Un Tsipras cos ventos a favor deixou de ser o demo do sur para moi probabelmente pasar a ser o primeiro xefe de goberno que non pertence ao bipartidismo gobernante en Grecia desde a caída da ditadura dos coroneis.

"A chegada de Syriza dá azos en Bruxelas aos sectores que desde hai un tempo na sala de máquinas da UE defenden a necesidade de dar por rematada a fase de recortes"

A chegada de Syriza dá azos en Bruxelas aos sectores que desde hai un tempo na sala de máquinas da UE defenden a necesidade de dar por rematada a fase de recortes ao terlles xa arrincado ás clases populares unha cantidade inmensa de recursos económicos e dereitos sociais e estarmos nun momento no que a dureza das condicións de vida podería provocar estoupidos sociais incontrolábeis. O resultado en Grecia permitiralles forzar a máquina no seu obxectivo de rematar coa mal chamada austeridade, algo que defenden non para mudar o sistema senón para mantelo e permitirlle unha continuidade diante do grave perigo que suporía un crecemento de forzas que cuestionen o euro e a propia Unión Europea.

Aínda que poida semellar incríbel o doado foi rematar con Pasok e Nova Democracia, o difícil virá agora e Syriza deberá optar pois eu non vexo posíbel resistir as presións externas e internas, atender as necesidades do povo grego e ao mesmo tempo cumprir o que escribiu hai uns días no Financial Times  Alexis Tsipras de que “...Un Goberno encabezado por Syriza respectará as obrigas de Grecia como membro da eurozona para manter o equilibrio orzamentario e comprometerase a obter obxectivos cuantitativos...”.

O tempo permitiranos ir tirando conclusións dos avances e retrocesos no proceso político grego e a loita social e de masas seguirá a ser fundamental, pois non esquezamos que foi a que permitiu abrir o novo e esperanzador capítulo que empeza hoxe.