Macron e a súa defensa da Amazonía

Duarte Correa - Profesor e sindicalista.


Nestes días diante da grave catástrofe que supón para o povo brasileiro e para o conxunto do planeta a vaga de lumes que devasta a Amazonía, xorde como grande defensor da bio-diversidade o presidente da república francesa Emmanuel Macron, incluíndo esta cuestión na axenda de temas a tratar na cimeira do G7 celebrada en Biarritz, e anunciando a adopción de sancións contra o Brasil pola actuación irresponsábel do seu goberno.

Esta “preocupación” pola ecoloxía, que a moitos pode resultar estraña, non é nova nun Macron que xunto con Ángela Merkel lidera a facción do capitalismo verde ou neoliberalismo ecoloxista, fronte á facción encabezada polo actual presidente dos EEUU, que poderíamos denominar de capitalismo tradicional ou neoliberalismo extractivista.

Lembremos que moitos socialdemócratas recibiron con alegría no seu momento a chegada ao Palacio do Elíseo de Macron, co seu discurso ecoloxista e de defensa de algúns dos dereitos de terceira xeración. E non esquezamos que Macron nun golpe de efecto mediático nomeou como ministro estrela do seu primeiro goberno a un coñecido ecoloxista como Nicolas Hulote,  aínda que este só aguantou quince meses como ministro de Transición Ecolóxica e dimitiu acusando o presidente francés de realizar unha política de imaxe, de falla de compromiso real co medio ambiente e de someterse aos ditados dos grupos de presión. Ademais Macron envolveu en papel ecolóxico as reformas que provocaron como protesta a aparición do movemento dos chalecos amarelos, e xunto con Angela Merkel é un dos líderes occidentais que máis eloxios ten feito da adolescente sueca Greta Thunberg, convertida nos últimos meses nun emblema da conciencia ecolóxica.

Semella tal o compromiso do presidente francés coa causa da Amazonía que vén de anunciar como represalia á actitude do presidente brasileiro Jair Bolsonaro que Francia non asinará o acordo pechado a finais do mes de xuño entre a Unión Europea e o Mercosur (Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai), un acordo que levou vinte anos negociar e que para a súa posta en vigor só está pendente da aprobación por parte de cada un dos estados que integran a UE.

Pero realmente, detrás destes anuncios de Emmanuel Macron hai unha preocupación sincera e unha disposición real adoptar medidas que preserven a bio-diversidade? 

Está claro que non, o que hai enriba da mesa é quen controla a Amazonía e como rebaixar a presión sobre o seu goberno de sectores económicos franceses, moi preocupados polas consecuencias da entrada dos produtos agrícolas dos estados do Mercosur no mercado europeo sen aranceis nin esixencia das mesmas condicións sanitarias que os producidos en Francia.

A Amazonía ocupa máis de sete millóns de qm² de oito estados e da colonia da Guaiana francesa, e máis do 60% dese territorio pertence ao Brasil. A súa soberanía é obxecto de debate desde inicios do século XIX, cando os estados imperialistas, conscientes das súas inmensas riquezas trataron de controlala, e desde medidos do século XX en diversas ocasións, sobre todo os EEUU e Francia, teñen insistido na necesidade dun control internacional da mesma, un control que permitiría explotala en función dos seus intereses.

Lembremos que os EEUU non asumen o Acordo de París sobre o cambio climático pero nin se anunciaron nin de adoptaron medidas sancionadoras por parte de Francia contra unha decisión dos EEUU que, sen restarlle importancia ás graves consecuencias da vaga de lumes que arrasa neste momento a Amazonía, é moito máis grave para o futuro do planeta.

A Francia preocúpalle a actual devastación da Amazonía porque pode favorecer a economía dos seus directos competidores brasileiros, que contarían con máis terras para producir alimentos exportábeis a Europa nun momento tan delicado como o actual; pero permite que empresas francesas importen cada ano madeiras preciosas procedentes de zonas da Amazonía nas que a súa corta foi froito de accións ilegais de eliminación de mata e espazo arborado.

O Acordo UE-Mercosur ten sido criticado por sectores ecoloxistas e agrarios franceses que esixen as mesmas condicións sanitarias e de produción para os produtos das dúas beiras do Atlántico; sectores moi preocupados pola viabilidade dunhas explotacións que dependen en moito das subvencións concedidas a Francia pola Política Agraria Común-PAC, unha PAC da que a Comisión Europea tenta reducir o seu orzamento, buscando camiñar cara a unha redución drástica das subvencións.

Afortunadamente a preocupación e a sensibilidade pola ecoloxía e a sustentabilidade aumentan, estando presentes sobre todo en amplos sectores da mocidade, que teñen realizado mobilizacións nos últimos meses e anuncian unha folga global polo clima para finais do mes de setembro, folga que será un éxito de participación ao contar con unha grande publicidade por parte dos medios de comunicación máis importantes. E Macron erguendo a bandeira da defensa da Amazonía tenta converterse nun referente ao tempo que busca evitar un novo conflito interno con un sector tan importante como o agrario, cando aínda non ten totalmente desactivado o dos chalecos amarelos.